Bolsa de Fabricio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nas aves, a bolsa de Fabricio (en latín: bursa cloacalis ou bursa fabricii) é o lugar onde se produce a hematopoese, un órgano especializado que é necesario para o desenvolvemento dos linfocitos B do sistema inmunitario nas aves. Isto foi demostrado por primeira vez por Bruce Glick e despois por Max Cooper e Robert Good, e os linfocitos B (ou células B) denomínanse con esa letra porque é a inicial de "bolsa", facendo referencia a este órgano. Os mamíferos non teñen un órgano equivalente, xa que neles tipicamente a medula ósea é o lugar onde ten lugar a hematopoese e a maduración das células B. A bolsa encóntrase preto da cloaca das aves e recibe o seu nome por Hieronymus Fabricius, que a describiu en 1621.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

A bolsa é un órgano epitelial e linfoide que se encontra preto da cloaca das aves. Desenvólvese como un divertículo dorsal da rexión do proctodeo da cloaca. A superficie luminal (interna) da bolsa está pregada con 15 plicas ou pregamentos primarios e 7 secundarios. Estas plicas teñen centos de folículos bursais que conteñen células epiteliais asociadas ao folículo, linfocitos, macrófagos, e células plasmáticas. As células nai linfoides migran desde o fígado fetal á bolsa durante a ontoxenia. Na bolsa, estas células nai adquiren as características de células B maduras inmunocompetentes.

A bolsa é activa nas aves novas, pero atrófiase despois dos seis meses de vida.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1956, Bruce Glick demostrou que a extirpación da bolsa nos poliños acabados de eclosionar alteraba gravemente a capacidade das aves adultas de producir anticorpos.[3][4] Ao contrario, a extirpación da bolsa nos polos adultos non tiña moito efecto sobre o seu sistema inmunitario. Este foi un descubrimento casual que se produciu cando un colega graduado, Timothy S. Chang, que estaba impartindo un curso sobre a produción de anticorpos obtivo polos dos utilizados por Glick, aos este bursectomizara (extirpara a bolsa). Cando estes polos non puideron producir anticorpos en resposta a unha inmunización con bacterias, os dous estudantes decatáronse de que a bolsa é necesaria para a produción de anticorpos. Os seus intentos iniciais de publicar os seus descubrimentos foron frustrados por un editor que comentou que "debía realizarse antes da publicación... unha mellor dilucidación do mecanismo.” [5]

O papel do timo na resposta inmune foi tamén identificado pouco despois. Nos animais aos que se lles extirpara o timo a capacidade de rexeitar aloenxertos, e de producir respostas de hipersensibilidade retardada, estaban drasticamente reducidas. A mediados da década de 1960, os inmunólogos[6] estaban convencidos de que había dúas ramas separadas do sistema inmunitario: unha que tiña que ver exclusivamente coa produción de anticorpos circulantes (inmunidade humoral), dependente da bolsa, e outra que estaba implicada nas reaccións do tipo da hipersensibilidade retardada e rexeitamento de enxertos (inmunidade mediada por células), dependente do timo. Nestes descubrimentos foi fundamental a contribución de R. Good e M. Cooper.[7] Os linfocitos B recibiron o seu nome polos traballos previos sobre a súa maduración na bolsa de Fabricio das aves, xa que B é a inicial de "bolsa" (en idiomas como o inglés coincide que esta é tamén a inicial de bone marrow ou medula ósea, que é onde maduran nos mamíferos estes linfocitos mielodependentes).[8]

Doenzas[editar | editar a fonte]

A enfermidade infecciosa da bolsa é unha enfermidade viral que afecta ás aves de curral. Tipicamente, o virus ataca a bolsa das aves novas, impedindo o desenvolvemento do seu sistema inmunitario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ribatti D, Crivellato E, Vacca A (2006). "The contribution of Bruce Glick to the definition of the role played by the bursa of Fabricius in the development of the B cell lineage". Clin. Exp. Immunol. 145 (1): 1–4. PMC 1942006. PMID 16792666. doi:10.1111/j.1365-2249.2006.03131.x. 
  2. "Bursa of Fabricius MeSH Descriptor Data 2019". US. National Library of Medicine. Consultado o 11 de marzo de 2019. 
  3. Glick, B; Chang, TS; Jaap, RG (1 January 1956). "The Bursa of Fabricius and Antibody Production". Poultry Science 35 (1): 224–225. doi:10.3382/ps.0350224. 
  4. Glick, B. (1983). The bursa of Fabricius. In “Avian Biology” Vol. 7 (D.S. Farner, J.R. King, and K.C.Parkes, Eds.). NewYork: Academic Press.
  5. Sternberg, SS (Nov 2003). "Bottoms up to a Nobel-worthy chicken's bottom.". The American journal of surgical pathology 27 (11): 1471–2. PMID 14576482. doi:10.1097/00000478-200311000-00011. 
  6. Cooper, MD; Raymond, DA; Peterson, RD; South, MA; Good, RA (Jan 1, 1966). "The functions of the thymus system and the bursa system in the chicken.". The Journal of experimental medicine 123 (1): 75–102. PMC 2138128. PMID 5323079. doi:10.1084/jem.123.1.75. 
  7. Ribatti, D.; Crivellato, E.; Vacca, A. (2006-7). "The contribution of Bruce Glick to the definition of the role played by the bursa of Fabricius in the development of the B cell lineage". Clinical and Experimental Immunology (en inglés) 145 (1): 1–4. ISSN 0009-9104. PMC 1942006. PMID 16792666. doi:10.1111/j.1365-2249.2006.03131.x. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 11 de marzo de 2019. 
  8. Laboratorio del lenguaje

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]