Blood Omen: Legacy of Kain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Blood Omen: Legacy of Kain
Distribuidora Crystal Dynamics
Lanzamento 15 de Novembro, 1996 (PS1) 31 de Agosto, 1997 (WIN)
Serie Serie Legacy of Kain
Xénero Acción e aventura Plataformas
Modos de xogo Monoxogador
Plataformas PlayStation, PC
Formato CD
Requisitos 100 MHz CPU, 16 MB RAM, 1 MB video RAM, 4X CD-ROM drive, 12 MB libres no disco duro

Blood Omen: Legacy of Kain é un videoxogo desenvolvido por Silicon Knights, publicado por Crystal Dynamics e distribuído por Eidos. É o primeiro xogo da serie Legacy of Kain. Foi lanzado para PlayStation e PC, unha versión para Sega Saturn foi anunciada, pero logo foi cancelada antes do lanzamento. Blood Omen esta seguida de catro secuelas, incluíndo unha secuela directa, Blood Omen 2: Legacy of Kain.

No xogo, tomamos a personaxe de Kain, un nobre que foi asasinado e dáselle a oportunidade de vingarse converténdose nun vampiro. Sendo manipulado por varios entes, viaxa a través de Nosgoth coa esperanza de descubrir unha cura para a súa non-vida, pero gradualmente comeza a tomar a súa transformación como unha benzón durante o curso da historia.

Historia[editar | editar a fonte]

Séculos antes do nacemento de Kain, a terra de Nosgoth era protexida polo Círculo dos Nove, un grupo de feiticeiros que protexían os Alicerces de Nosgoth, nove alicerces sagrados que mantiñan a harmonía e a vida no mundo. Con todo, pronto o Círculo seria infectado por forzas escuras, cuxa misión era destruír os alicerces.

Kain naceu humano no seo dunha familia da nobreza de Coorhagen no mesmo instante no que Ariel, a gardiá do Alicerce do Equilibrio era asasinada. Elixido polos Alicerces como novo gardián do Equilibrio, non puido librarse da corrupción difundida pola dor de Nupraptor, o amor de Ariel. Con todo, medrou ignorante do seu destino, vivindo unha vida frívola e rodeada de luxos ata os seus trinta anos. É neste momento, mentres estaba de viaxe, cando chega a unha pousada na aldea de Ziegsturhl, e é asasinado por un estraño grupo de bandidos.

No inframundo, empalada pola espada do seu asasino, a alma de Kain non atopou o descanso, desexando cobrar vinganza pola súa morte. Nese momento aparece o Nigromante Mortanius, ofrecéndolle a Kain unha forma de cumprir tal desexo, pero a un alto prezo; e utilizando o "Corazón da Escuridade"(algo do que Kain non tivo constancia nun principio) resucitouno como vampiro. Logo de cumprir coa súa vinganza e aniquilando aos bandidos que o mataron, Kain decide ir aos Alicerces en busca de respostas, buscando unha cura para o seu vampirismo. Alí, atópase co espectro de Ariel, a que no seu tempo foi a Gardiá do Equlibrio. Ariel dille que a única cura posible é que aniquile aos corruptos Gardiáns do Círculo, para poder restaurar o equilibrio e acabar coa corrupción de Nosgoth. Así, Kain comeza a súa cruzada, que será coñecida como a Segunda Masacre do Círculo (a Primeira Masacre foi provocada polo vampiro Vorador, na que este acabará con seis dos nove Gardiáns, só sobrevivindo Mortanius, Nupraptor e Moebius. Os seis Gardiáns restantes foron reemplazados polos actuais).

Kain logra atopar e vencer fácilmente a Nupraptor; o mentalista. Pero durante a súa batalla contra Malek, o Paladín Sárafan, este foxe, polo que Kain vese obrigado a pedirlle axuda a Ariel. O espectro dirixe a Kain cara ao Oráculo de Nosgoth, e este á súa vez cara ao vampiro Vorador, non sen antes revelarlle enigmáticas predicións sobre da súa implicación na batalla da Decisión Final entre os exércitos do Rei Ottmar e A Némese. O encontro con Vorador saldouse coa amizade que este lle ofreceu en forma dunha sortixa. Esta sortixa permitiríalle invocar a Vorador cando Kain estivese en apuros. Do encontro cabe tamén destacar a advertencia que Vorador fixo a Kain sobre os problemas que carrexaría involucrarse en asuntos de humanos, en clara referencia á futura relación entre Kain e Ottmar; aliados contra A Némese.

Tras outra recomendación de Ariel, Kain chega ata o Edén Escuro, refuxio de tres dos nove Gardiáns: Bane, o Druída; DeJoule, a artesana da enerxía; e Anarcrothe, o alqumista; aínda que este último foxe invocando a Malek para que ataque a Kain. Kain á súa vez fai o propio e convoca a Vorador co anel que este lle regalara. Así, Kain elimina fácilmente a Bane e DeJoule e Vorador destrúe a Malek, esta vez para sempre. O seguinte consello de Ariel dirixiu a Kain cara á Cidade do Averno, para atopar á gardiá Azimuth, a viaxeira dimensional. Na catedral desta cidade, Kain achou a Soul Reaver, a "Segadora de Almas" gañando suficiente poder para destruír fácilmente á gardiá. Tras iso, Kain atopa un dos dispositivos de fluxo temporal de Moebius, que Azimuth roubou para traer á Catedral demos doutras épocas.

De regreso aos Alicerces, Kain recibe a tarefa de enfrontarse ao exército da Némese, que pretende asolagar Nosgoth. Para iso, ten que pedir axuda ao rei de Willendorf: Ottmar, e aos seus exércitos da Esperanza. Pero o monarca estaba sumido nunha gran depresión debido ao rapto da alma da súa filla por parte do creador de bonecas Elzevir. Kain vese obrigado a recuperar a alma da princesa para conseguir que Ottmar se puxese da súa parte. Tras levar a cabo a tarefa, Ottmar uniuse a Kain para loitar contra os exércitos invasores da Némese. Con todo, a superioridade da armada da Némese era aplastante e os exércitos invasores gañan a batalla sen dificultade. Kain vese acurralado e non ten máis remedio que utilizar o dispositivo de fluxo temporal, o cal estaba sintonizado para viaxar cincuenta anos cara ao pasado. Kain apareceu na época na que a Némese aínda era coñecida como Guillerme o Xusto. Aproveitando esta viaxe inesperada, Kain decide asasinar a Guillerme antes de que a corrupción se apodere deste transformándoo na terrible abominación que poñerá a Nosgoth de xeonllos. Con todo, e para sorpresa de Kain, Guillerme posúe a versión desa época da Soul Reaver (que previamente lle entregara Moebius), e durante a batalla, ambas as espadas crean un paradoxo temporal, cousa que Moebius aproveita para cambiar o futuro.

De volta ao futuro, Kain observa como Moebius aproveitou o asasinato de Guillerme como motivo para volver á poboación contra os vampiros e iniciar así a súa particular cruzada. O colofón a esta matanza foi a execución do vampiro Vorador que deixou a Kain como único vampiro supervivinte de Nosgoth. Habendo descuberto así a verdadeira identidade do Oráculo, Kain enfróntase a Moebius, matándoo tras unha difícil batalla.

Tras iso, dirixiuse aos Alicerces por indicacións de Mortanius. Alí atopa envolvidos nunha discusión a Anarcrothe e a Mortanius, un defendendo a supervivencia do Círculo e o outro a favor da súa eliminación. A disputa saldouse coa morte de Anarchrote. Kain entón enfróntase ao penúltimo dos gardiáns, descubrindo o ben deseñado plan do seu "redentor": foi Mortanius quen planeou a morte de Kain, para así resucitalo como vampiro e usalo para destruír ao Círculo. Derrotado o nigromante, a forza escura que posuía a Mortanius, Hylden Lord, toma posesión total do corpo do seu hóspede, deformándoo e enfrontándose a Kain, aínda que de novo o vampiro consegue saír victorioso.

Con todos os gardiáns asasinados, Ariel revélalle a Kain unha última verdade: Kain é o sucesor da gardiá do Equilibrio, e como tal, tamén debía morrer. A Kain suscitóuselle un dilema: se se sacrificaba, o mundo sería restablecido, aínda que a raza vampírica seria borrada da face da terra. Se non o facía, a raza vampírica non se extinguiría, pero o mundo estaría condeado a unha existencia estéril. Kain rexeita o sacrificio, destruíndo os Alicerces e condeando a Nosgoth á ruína.