Blogomillo
O blogomillo ou blogmillo é o microuniverso das blogs existentes en galego. É similar ao termo "blogosfera" para referirse ao universo das bitácoras publicadas na rede. Na web Blogaliza pódese ver unha listaxe de bitácoras en galego así como as súas actualizacións e arquivos XML para subscricións. Non é este o único catálogo de blogs, pois tamén existe Blogalego. Ámbalas dúas contan coa dispoñibilidade de aloxamento de blogs.
[editar] Historia
O 29 de setembro de 2003 nacía Todo nada[1], o blog da xornalista María Yáñez, que a autora pechaba case tres anos despois, o 8 de xullo de 2006.
O 15 de decembro de 2003 nacía Capítulo 0, o blog persoal do tamén xornalista Manuel Gago, considerada na actualidade a bitácora máis antiga do blogomillo que segue en activo[2] (dato inserido en agosto de 2010). Precisamente o termo blogmillo foi creado por María Yáñez para dar conta da aparición do blog de Manuel Gago ("outra vaca no blogmillo"[3].
O 1 de marzo de 2008 publicábase en papel e electronicamente o primeiro volume colectivo de integrantes do blogomillo, Proxecto Identidade[4], un libro xurdido da colaboración de 54 persoas con cadansúa bitácora. Na publicación aparecen persoas xa previamente coñecidas no ámbito cultural galego como Estíbaliz Espinosa, Mario Regueira, Rosa Enríquez, Marcos S. Calveiro ou Alfredo Ferreiro ao carón doutras anónimas. Nel atópanse relatos, poemas, fotografías e ilustracións onde se enfoca o concepto de identidade desde diferentes perspectivas.
Dous meses máis tarde, o 31 de maio de 2008, nos Pendellos de Agolada tivo lugar a primeira reunión de membros do blogomillo considerado como colectivo específico de blogueiros e blogueiras, a ela acudiron representantes de 20 bitácoras e outras tantas persoas sen bitácora propia.
[editar] Ligazóns externas
- O blogomillo, columna de Miguel Ángel Candelas Colondrón sobre o blogomillo publicada o 20 de marzo de 2007 en Faro de Vigo.
- 1000 e 1 blogs en galego, serie de 5 entradas sobre o blogomillo publicadas por Carlos Neira Cortizas no blog Calidonia Hibernia entre febreiro e abril de 2006.
[editar] Notas
- ↑ Benvida, Todo Nada, 29/9/2003
- ↑ Capítulo 0
- ↑ Outra vaca no blogmillo, Todo Nada.
- ↑ Proxecto Identidade