Bloc Nacionalista Valencià
O Bloc Nacionalista Valencià (BLOC), ou simplemente el Bloc, é un partido político do País Valenciano, de ideoloxía nacionalista e progresista.
Historia e ideoloxía [editar]
Foi creado o 12 de decembro de 1998 como unha coalición electoral, a partir da integración da Unitat del Poble Valencià, o Partit Valencià Nacionalista e Nacionalistes d'Alcoi, e converteuse en federación no Congreso celebrado no 2000 e en partido político no congreso de 2002. Esquerra Valenciana, refundada en 1998 con xente que marchara de Unitat del Poble Valencià, pediu o ingreso na federación durante o congreso fundacional, pero finalmente non foi admitida. Finalmente, en marzo de 2007, Esquerra Valenciana intégrase no BLOC. O Bloc celebrou dous congresos ordinarios: o de fundación, o ano 2000, e outro en 2002. Celebrou o seu terceiro congreso en 2006.
Nas eleccións autonómicas de 1999, a coalición xunto con Els Verds, obtivo máis de 102.000 vots, o cal suporá un 4,6% dos votos emitidos, mentres que nas eleccións autonómicas de 2003, xa como un partido e en coalición con Esquerra Verda, vai obter máis de 114.000 vots, situándose no 4,8%. Malia isto, como o Estatuto de Autonomía da Comunidade Valenciana esixe un 5%, non obtivo representación nas Cortes Valencianas. Por outra parte, nas eleccións celebradas o mesmo dia de 2003, obtivo preto de 140.000 votos e ten representación municipal en 122 municipios do País Valenciano con 298 rexidores: ó comezar o período corporativo 2003/07 tiña 17 alcaldías.
Como consecuencia de non ter obtido representación parlamentaria nas eleccións autonómicas, foi convocado un congreso extraordinario a finais de setembro de 2003. Neste congreso vaise producir unha importante renovación na dirección e unha revisión da liña política, e o líder histórico Pere Mayor, que fora Secretario Xeral da Unitat del Poble Valencià e, despois, Presidente do Bloc, vai ser sustituído por un novo Secretario Xeral: Enric Morera.
En 2004 vai presentarse ás eleccións ó Congreso dos Deputados, novamente formando coalición con Esquerra Verda. Nas eleccións ó Parlamento Europeo de 2004 vai presentarse formando parte da coalición GalEusCat-Pobos de Europa, xunto a Convergència i Unió (CiU), Euzko Alderdi Jeltzalea – Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV), o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista de Mallorca – Entesa Nacionalista (Illes Balears) (PSM-EN).
Nas eleccións autonómicas de 2007 concurrirá co Esquerra Unida del País Valencià, Els Verds del País Valencià, Els Verds-Esquerra Ecologista e Izquierda Republicana baixo a coalición Compromís Pel País Valencià.
Bloc Jove [editar]
A sección xuvenil do partido é o Bloc Jove. Emprega unha bandeira branca co logotipo ou vermella cun rectángulo branco co logotipo. O Bloc Jove organiza festas por todo o País Valenciano. Un dos seus proxectos máis exitosos foi un concurso de música en valencián chamado FESMUVA (festival de música en valencián). Actualmente lanzou a campaña "Adéu PP" para tratar de alentar un cambio político valencianista, de esquerdas e ecoloxista para as eleccións autonómicas de 2007.