Bienio Moderado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Bienio moderado é o nome co que se coñece o breve período da Historia de España transcorrido entre xullo de 1856 e xuño de 1858, baixo o reinado de Isabel II.

O período O'Donnell[editar | editar a fonte]

O final do Bienio Progresista caracterizouse por unha grande axitación social derivada da escaseza[1], entre outros, na cidade de Alacant. As desaveniencias dentro do propio Goberno eran notables, a última foi protagonizada por Escosura (ministro da Gobernación) e Leopoldo O'Donnell (ministro da Guerra) a propósito dun decreto sobre a imprenta[2]. Todo isto causou a destitución de Baldomero Espartero e o nomeamento como Presidente do Consello de Ministros de Leopoldo O'Donnell. Non obstante, o entendemento entre estes dous líderes progresistas acabou por estoupar nesta ocasión. Ao dicir do Conde de Romanones, o propio Espartero entendeu que a Raíña puxo "dous galos no mesmo galiñeiro" e retirouse da vida política, marchando a Logroño.

Isto deulle a oportunidade ao Duque de Tetuán, durante a súa breve presidencia, de levar unha política contemplativa, na que tratou de contentar a todo o mundo. Así, non fixo a habitual renovación de funcionarios adictos cando se producían cambios no goberno. Por outra banda, anunciou unha reforma da Milicia Nacional que rematou na súa disolución (co fin de contentar aos progresistas) e restableceu a Constitución de 1845, á que engadiu unha Acta Adicional ampliando as liberdades daquel texto (co fin de agradar aos moderados)[3]. Tamén decretou o estado de sitio, tratando de sufocar as revoltas e altercados públicos (mesmo en xullo en Madrid por causa do cambio de Goberno) e a transformación dalgunhas Deputacións provinciais en Xuntas de Goberno.

Pero non foi suficiente. En outubro, a Raíña destituíu a O'Donnell e nomeou o moderado Ramón María Narváez. Para algúns, a fin do Bienio Progresista produciuse neste momento e non en xullo, aínda que para outros os cambios do novo bienio pódense ver xa co tinerfeño.

Breve tempo de estabilidade[editar | editar a fonte]

Ao longo do ano de goberno do xeneral Narváez pretendeuse volver a deixar as cousas como estaban en 1854[4], restablecendo o modelo moderado. Por iso, derogouse a Acta Adicional de O'Donnell, deixando novamente vixente na súa integridade a Constitución de 1845. Outra controvertida medida foi a declaración de respecto ao Concordato de 1851 coa Santa Sé, deixando as últimas desamortizacións sen efecto. Ademais, volveuse á estrutura territorial coas atribucións competenciais a Concellos e Deputacións que decretara a Lei de 8 de xaneiro de 1845.

Non obstante, a decisión máis transcendental e exitosa, pola súa permanencia máis aló dos cambios de modelos de Goberno no século seguinte, foi a promulgación da chamada Lei de instrución pública de 1857 ou Lei Moyano, polo nome do seu impulsor, o ministro Claudio Moyano, que estableceu o novo sistema educativo español.

Pero a crise económica acabou por debilitar a posición do Duque de Valencia, quen ademais se enfrontou ao amante da Raíña, Enrique Puigmoltó. Foi substituído polos breves Consellos de Armero, quen perdeu unha importante votación no Congreso fronte a maioría moderada de Juan Bravo Murillo, e Istúriz, quen soubo pactar cos deputados moderados, pero non co seu propio Goberno, posto que o seu ministro da Gobernación, José de Posada Herrera, pretendeu convocar novas eleccións apoiándose nun censo electoral repleto de erros intencionados, cousa que Istúriz rexeitou e acabou presentando a dimisión. A este sucedeulle, novamente, Leopoldo O'Donnell, dando comezo aos Gobernos da Unión Liberal.

Causas da fin do Bienio Moderado[editar | editar a fonte]

Ao longo do período do Bienio Moderado o movemento republicano comezou a acadar unha maior forza e representatividade. Apoiou a ocupación de terras no campo andaluz, o que deu lugar á represión do Goberno, con centos de fusilados (por exemplo, en El Arahal en 1857). Ademais a alza dos prezos dos alimentos e os impostos ao consumo provocaron outras revoltas, tamén apoiadas polo republicanismo. Finalmente, a inxustiza no sistema de recrutamento (as quintas), que favorecía a aqueles que tiñan diñeiro para pagar un rescate ou que podían presentar un reempracista (en ocasións, pagado), provocou unha grande insatisfacción nas clases máis pobres, que tiñan que prestar un servizo militar de oito anos en medio de continuas guerras de prestixio.

Lista de Presidentes do Goberno durante o Bienio Moderado[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. TUÑÓN DE LARA, Manuel: El movimiento obrero en la historia de España, 1962, volume I, p. 124. "Conocemos el alza de precios que se acentuó durante el invierno y el verano de 1857, la crisis triguera con la consiguiente escasez de pan. Esta coyuntura va a provocar los motines de dicho verano, que tuvieron su importancia en la caída del Gobierno de Espartero. En Valladolid, ocurrieron los hechos más importantes, aunque también tuviron lugar en Burgos, Palencia, Medina de Rioseco y otras localidades".
  2. TOMÁS VILLARROYA, Joaquín: El proceso constitucional (1843-1868), artigo en La era isabelina y el sexenio democrático : (1834-1874), 1981, ISBN 84-239-4982-6, p. 293.
  3. PAREDES, Javier: Los bienios progresistas y moderado (1854-1858), artigo en Historia contemporánea de España (1808-1939). Barcelona, 1997, pp. 269-270.
  4. TOMÁS VILLARROYA, Joaquín: id, p. 300.