Bieito XVI, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papa do século XX ó século XXI
Papas do século XXI
  • Bieito XVI (2005 - 2013)
  • Francisco (2013 - actualidade)
Bieito XVI en 2010.

Bieito XVI,[1][2] nado co nome de Joseph Ratzinger en Marktl am Inn (Baviera) o 16 de abril de 1927, foi o 265º Papa da Igrexa Católica, bispo da diocese de Roma e soberano do Estado da Cidade do Vaticano dende o 19 de abril de 2005 ata o 28 de febreiro de 2013 permanecendo como Papa emérito desde entón. En 1981 Xoán Paulo II nomeouno prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe, cardeal dende 1993, e en 2002 accedeu ao posto de Deán do Colexio de Cardeais. Foi un dos homes con máis influencia durante os últimos anos do papado de Xoán Paulo II. O 11 de febreiro de 2013 anunciou a súa decisión de renunciar ao seu posto.

Índice

Traxectoria [editar]

BXVI CoA like gfx PioM.svg

Era fillo dun oficial de policía; ao se xubilar seu pai a familia instálase na cidade de Traunstein.Foi alistado nas xuventudes hitlerianas. Durante a Segunda Guerra Mundial, a partir de 1943 serve, obrigatoriamente, no servizo auxiliar da Luftwafe, en diversas baterías antiaéreas e, finalmente, no cuartel de infantería de Traunstein onde desertará. En 1945 foi internado, brevemente, nun campo de prisioneiros de guerra en Bad Aibling, unha vez liberado entra no seminario. Como seminarista estuda no Gregorianum, un instituto teolóxico asociado á Universidade de Munich.

En 1946 celebra coa súa familia a III Constitución de Baviera que se proclama Estado Libre, ata que os aliados impoñen o Bund -Federación-.

Ordenado o 29 de xuño de 1951 polo cardeal Michael von Faulhaber. Imparte clases sobre teoloxía fundamental na Universidade de Frisinga. Nesta universidade, en 1954, o profesor Michael Schmaus rexeita, por moi avanzada, a súa tese sobre a teoloxía da historia en Boaventura de Bagnoregio. O 21 de febreiro de 1957 defende con éxito a súa tese de habilitación para a docencia. Entre 1959 e 1963 foi profesor na Universidade de Bonn, para pasar posteriormente á Universidade de Münster.

Participou no Concilio Vaticano II defendendo o reformismo como asesor do cardeal de Colonia Frings. Pouco antes, en 1959, publica con Karl Rahner Episcopado e Primado onde sostén a necesidade dun exercicio do papado máis colexiado. Na terceira sesión do Concilio, participa xa como perito nomeado por Paulo VI.

En 1966 asume a cátedra de teoloxía na Universidade de Tübingen, onde foi colega de Hans Küng. En obras como Teoloxía da Historia en San Boaventura, Introducción ao Cristianismo, ou O Novo Pobo de Deus rompeu coa linguaxe tradicional da escolástica e defendeu rachar cun inmobilismo conservador contrario, segundo el, á verdadeira tradición. En 1968 asina con outros teólogos a Declaración de Nimega, onde se reclama maior pluralismo teolóxico. En 1969 regresa a Baviera, á Universidade de Regensburg.

En 1972 puxo en marcha a revista Conmunio xunto con prestixiosos teólogos ata había pouco postos en entredito pola xerarquía eclesiástica como Henri de Lubac e Hans Urs von Balthasar.

O 24 de marzo 1977 foi consagrado bispo de Munich e Freising. O 27 de xuño foi creado cardeal por Paulo VI. En 1981 foi nomeado por Xoán Paulo II como prefecto da Congregación da Doutrina da Fe (antigo Santo Oficio). A fronte da mesma, sancionou a Leonardo Boff. Durante ese mandato publicouse o Informe sobre a Fe que contiña unha entrevista onde Ratzinger manifestaba a necesidade de controlar as innovacións postconciliares, o que lle valeu o aplauso dos sectores conservadores da Igrexa.

Elección coma Papa [editar]

O 19 de abril de 2005 o cardeal Ratzinguer foi elixido Papa no segundo día do conclave tras catro rondas de votacións. Concidiu coa festividade do día de San León IX o máis importante papa alemán na Idade Media xa que no seu papado acometeu numerosas. Antes da súa primeira aparición no balcón da praza de San Pedro despois de ser elixido papa, o cardeal chileno Jorge Arturo Medina Estévez anunciou a súa elección coa frase "queridos irmáns" en italiano, español, francés, alemán e inglés, e a forma tradicional "Habemus Papam" en latín; o mesmo cardeal Medina impúxolle o palio, mentres que Angelo Sodano lle colocou o "anel do pescador". No balcón as primeiras palabras de Bieito XVI como papa foron:

Queridos irmáns, despois do gran papa Xoán Paulo II, os señores cardeais elixíronme a min, un simple e humilde traballador da viña do Señor. Consólame o feito de que o señor sabe traballar e actuar con instrumentos insuficientes e sobre todo encoméndome ás vosas oracións. Na alegría do Señor resucitado, confiando na Súa continua axuda, sigamos adiante, que o Señor nos axudará e a Súa santísima Nai estará do noso lado. Grazas.


Aspectos do Pontificado [editar]

Simboloxía do escudo Papal de Bieito XVI [editar]

O escudo Papal de Bieito XVI conserva algúns elementos do escudo do cardeal Ratzinger e descarta a tripla tiara pontificia, substituíndoa por unha mitra. Foi o mesmo Papa quen agregou o palio, a estola de la, que simboliza a autoridade episcopal. Bieito XVI mantivo a concha, que simboliza a peregrinación e o peregrino. Tamén está o mouro de Frisinga situado na esquina superior esquerda, que simboliza a universalidade da Igrexa. Ao seu lado, o oso de Corbitiano, simbolizando as cargas da Igrexa a través da lenda de Corbitiano, un bispo que predicou na antiga rexión de Baviera. O escudo complétase coas dúas chaves cruzadas que representan a San Pedro.[Cómpre referencia]

Encíclicas[3] [editar]

  • Deus caritas est (25 de decembro de 2005), onde reflexiona sobre o amor como núcleo da mensaxe cristiá.
  • Spe salvi (30 de novembro de 2007) sobre a dimensión trascendente do ser humano.
  • Caritas in veritate (29 de xuño de 2009) sobre a doutrina social da Igrexa, onde se reafirma o compromiso desta coa xustiza e a visión crítica desta contra un capitalismo deshumanizador no contexto do nacemento da crise económica mundial

Exhortacións apostólicas [editar]

  • Sacramentum Caritatis sobre a Eucaristía como sacramento do amor, comuñón dos bens, compromiso pola xustiza e respecto pola Creación.
  • Verbum Domini sobre a Biblia como Palabra de Deus na vida e a misión da Igrexa Católica.
  • Africae munus sobre a inculturación do Evanxeo no continente africano, a obriga da Igrexa a prol dunha orde social xusta, da paz e a reconciliación e a necesidade da solidariedade do mundo opulento con aquel.
  • Eclesia in Medio Oriente sobre a liberdade relixiosa das igrexas do próximo Oriente, a defensa da súa identidade e a necesidade do diálogo fraterno co Islam e co xudaísmo.

Viaxes [editar]

Como Papa Bieito XVI viaxou a Alemaña (en dúas ocasións), Polonia, España (en tres ocasións), Turquía, Brasil, Austria, Estados Unidos de América, Australia, Francia, Camerún, Angola, Malta, Portugal, Chipre, Reino Unido da Gran Bretaña, Croacia, México, Cuba e Líbano.

Novos doutores da Igrexa [editar]

En 2012 Bieito XVI proclamou doutores da Igrexa á mística e científica medieval Hildegard von Bingen e ao sacerdote español perseguido pola Inquisición Xoán de Ávila.

Polémicas [editar]

Botou ao xefe de prensa do Opus Dei Rafael Navarro-Valls e optou polo xesuíta Federico Lombardi, máis aberto. Destituiu ao Secretario de Estado Sodano, sospeitoso de connivencia cos Lexionarios de Cristo, e reemprazouno polo salesiano Tarsicio Bertone con sona de moderado. Condenou ao ostracismo ao pederasta Marcial Maciel e ordeou a refundación dos Lexionarios de Cristo, creada por aquel e inzada de escándalos sexuais e financeiros. Ordeou poñer a disposición da xustiza penal civil aos sacerdotes pederastas. Fracasou na rexeneración das finanzas vaticanas (dimisión de Ettore Gotti Tedeschi).

Foi criticado por sectores conservadores ao admitir o uso do preservativo nalgúns casos, ofrecer colaboración ao réxime comunista postcastrista cubano e admitir a necesidade dun recoñecemento legal ás parellas distintas ao matrimonio heterosexual a través do presidente do Pontificio Consello da Familia Vicenzo Paglia. Un discurso na Universidade en Ratisbona en 2006 alporizou ao mundo musulmán o que lle obrigou a tender pontes na viaxe a Estambul e ao Líbano.

Causou malestar entre o integrismo católico co nomeamento como Prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe a Gerhard Ludwig Müller, coñecido pola súa boa sintonía con Gustavo Gutiérrez Merino, o fundador da Teoloxía da Liberación. Tamén causou disgusto neses sectores a creación do Adro dos Xentís, co fin de establecer un diálogo estable con pensadores agnósticos e ateos.

Viuse afectado pola filtración de documentos coñecida como Vatileaks que deixou ao descuberto as liortas internas na curia. Rompeu coa tradición do carácter vitalicio do papado ao anunciar a súa renuncia para o 28 de febreiro de 2013.

Pouco antes do cónclave e tres días antes da súa renuncia forzou a dimisión do cardenal escocés Keith O´Brien por sospeitoso de acoso sexual.

Periodo pos-papal [editar]

O 11 de febreiro de 2013 fixo pública a súa renuncia por "falta de forzas", polo que abandonou o pontificado o día 28 de febreiro.[4]

Visita a Galicia [editar]

Bieito XVI visitou Galicia o 6 de novembro de 2010, co gallo do Ano Xacobeo. Foi a súa primeira visita a Galicia e a terceira vez que un papa acode a Santiago de Compostela durante o pontificado. O seu avión aterrou en Lavacolla procedente de Roma ás 11:30 da mañá. Posteriormente desprazouse ata a catedral de Santiago, á que entrou ás 13:00, pasando pola Porta Santa ás 13:25 visitando o lugar onde para a igrexa católica está soterrado Santiago o Maior. Despois de xantar no pazo arcebispal, celebrou unha misa ás 16:30. Ás 19:45 despegou de novo de Lavacolla con dirección a Barcelona[5].

A visita custou aproximadamente 3 millóns de euros das arcas públicas, o que vén sendo uns 6.450 euros por minuto de estancia,[6] dos que aproximadamente a metade se destinaron á retransmisión da TVG.

Galería de imaxes [editar]

Notas [editar]

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: