Bibliotecario, bibliotecaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Bibliotecario»)
O bibliotecario, cuadro de Arcimboldo (c. 1557)

Un bibliotecario é unha persoa que desenvolve procedementos para organizar a información, así como ofrecer servizos para axudar e instruír ás persoas nas maneiras máis eficientes para identificar e acceder á información que necesiten, nos seus diferentes formatos (artigo, libro, revista, disco compacto, videogravación, arquivo dixital etc). O seu rol transformouse co tempo; pasaron de ser meros custodios das coleccións de libros a ser intermediarios entre os usuarios que requiren satisfacer algunha necesidade de información e as coleccións de información (en diversos formatos) que lles son confiadas.

Os bibliotecarios son profesionais que se forman a través das carreiras universitarias: A diplomatura en Biblioteconomía e Documentación e/o a Licenciatura en Documentación. Hai que sinalar que este é o caso español, así a todo cada país posúe os seus niveis formativos propios. En calquera caso, durante a súa formación, os bibliotecarios aprenden a analizar as necesidades de información que poidan ter os usuarios deste tipo de centros, amais de usar unha gran variedade de recursos informativos para satisfacer estas necesidades.

As tarefas dos bibliotecarios son múltiples: adquisición de novos materiais, catalogación e clasificación dos mesmos, desenvolvemento das coleccións, descarte de materiais obsoletos, establecemento de políticas ou normas de funcionamento dos centros de información ou bibliotecas onde traballan, condución de entrevistas de referencia, contratación de servizos e subscrición a revistas impresas ou electrónicas, investigación.

Os bibliotecarios traballan en distintos ámbitos: bibliotecas públicas comunitarias, bibliotecas de institucións educativas (públicas ou privadas), e bibliotecas especiais, entre as cales están as bibliotecas exteriores das empresas, e as bibliotecas especializadas, por exemplo nun instituto de investigación.

Por outra parte, o Bibliotecario é un dos personaxes do Mundodisco de Terry Pratchett. O Bibliotecario da Universidade Invisible é un xigantesco simio, que quedou así por un feitizo. Non quere ser transformado de novo en humano, porque en forma de simio ten moi poucas preocupacións. O Bibliotecario oféndese se lle chaman "mono".

Asociacións[editar | editar a fonte]

  • A IFLA é a Federación Internacional das Asociacións e das Institucións da Biblioteca. Existen asociacións de bibliotecarios en cada país. A SLA é a Asociación de Bibliotecas Especiais.
  • A Asociación de Bibliotecarios da Igrexa en España (ABIE) é a asociación canónica pública para a defensa, conservación e difusión do patrimonio bibliográfico da Igrexa Católica.