Bernhard Häring

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bernhard Häring (1912-1998)

Bernhard Häring, nado en Böttingen (Alemaña) o 10 de novembro de 1912 e finado en Gars am Inn o 3 de xullo de 1998, foi un dos máximos expertos en teoloxía moral do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Membro dunha familia de labregos, entrou na orde dos redentoristas. Participou como soldado sanitario na fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial. Aínda que se lle prohibira por parte das autoridades nazis realizar labores sacerdotais entre os soldados, Bernhard Häring desobedeceu esa orde. Ao remate da guerra, acada o doutorado en teoloxía en Tubinga.

Aínda que o seu propósito era adicarse a un labor misioneiro en Brasil os seus superiores ordenáronlle que se aplicase ao estudo da moral. Máis adiante contribuíu a prestixiar e engrandecer a Academia Alfonsiana.

O seu extenso tratado A Lei de Cristo, publicado en 1954 e traducido a 14 idiomas, causou un grande impacto por fundamentar nas raíces do cristianismo unha moral aberta, que tiña como referente a conciencia da persoa e a súa insubornable liberdade interior, condición e efecto da adhesión do suxeito moral a Xesús de Nazaret.

Xoán XXIII convócao como experto e perito ao Concilio Vaticano II onde ten unha salientable participación na redacción da Constitución Gaudium et spes[1] sobre o diálogo da Igrexa co mundo contemporáneo. Haring aparece como un teólogo mozo na mesma liña aperturista e reformadora defendida naquel entón por outros prestixiosos asesores como Karl Rahner, Yves Congar, Joseph Ratzinger ou Hans Küng.

Tras o concilio é recoñecido como unha das máximas autoridades en moral católica e é convidado polo Papa Paulo VI a impartirlle a el mesmo e a outros esgrevios membros da curia vaticana uns exercicios espirituais.

A súa actividade foi enormemente intensa impartindo cursos por todo o mundo, escribindo máis de 80 libros e máis de mil artigos.

O súa influencia declinou cando se amosou aberta e frontalmente contrario á condena dos anticonceptivos non naturais que Paulo VI realizou na súa encíclica Humanae Vitae. Moitas conferencias episcopais seguírono tendo como referente, pero o Vaticano, ante a presión das forzas máis conservadoras que influíran na viraxe protagonizada por Paulo VI, acabou por afastalo. En 1975, comeza un proceso doutrinal por parte de Roma[2] que Bernhard Häring asume no medio de múltiples operacións de cancro ás que tivo que ser sometido e un grave infarto [3]

Bernhard Häring non abdicou das súas ideas: defendeu o máximo respecto para a homosexualidade, os anticonceptivos non naturais, unha posición máis flexible cos divorciados e unha visión positiva da sexualidade humana o que exacerbou as acusacións contra el. Nembarbargantes, non tivo problemas con Roma na súa defensa da xustiza social e dun compromiso pola liberación dos marxinados e dos oprimidos. Nese senso, amosouse solidario con pensadores da teoloxía da liberación como Gustavo Gutiérrez Merino. En 1978 publicou Liberdade e fidelidade en Cristo onde incorpora os avances do concilio e dando por superado o modelo legalista. En 1989, publicou Fe, Historia, Moral que da a coñecer o proceso á que estaba sendo sometido.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Benrhard Häring fai fincapé na defensa da conciencia da persoa que xa fixera a escolástica, incluído o propio Tomás de Aquino. Considera que a moral cristiá no catolicismo dexenerara nunha sorte de manual legalista e casuístico para confesores, polo que había que volver aos alicerces e fundamentos da fe cristiá e a súa concepción liberadora da vida e da persoa humana. Xesús de Nazareth falara dun Evangelion , unha "boa nova", e da liberación mediante o anuncio do basileia tou Theu (Reino de Deus). Nunha liña próxima ao personalismo, chama a atención sobre a necesidade de contemplar os factores sociais e ambientais. Incide en que o factor clave orientador dos actos morais e sobre os que estes deben ser axuizados é a opción fundamental, a orientación radical que imprime dirección e senso á vida a partir dun proceso de conversión provocado pola interpelación de Deus en Cristo. Non hai responsabilidade sen chamada previa.

Sempre teimou por recuperar no seo da Igrexa o espírito fundacional de colexialidade, de fraternidade e de pobreza, marcando distancias co boato eclesiástico, a centralización romana e a excesiva xerarquización da curia [4].

Obras[editar | editar a fonte]

  • Das Gesetz Christi. Moralthologie Dargestellt für Priester und Laien
  • Ehe in dieser Zeit
  • Personalismus in Philosophie und Theologie
  • Heilender Dienst. Ethische Probleme der Modermen Medizin
  • Frei in Christus
  • Als es um´s Überleben ging. Kriegserinnerungen eines Priesters
  • Fede storia morale
  • Meine Hoffnung für die Kirche Kristische Emutigungen
  • Teologia morale verso il terzo milennio
  • Es geht auch anders. Plädoyer für eine neue Umgangsform in der Kirche

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Santidrián, Pedro R. Diccionario breve de pensadores cristianos, Edv. Estella 1999, pax. 218 ISBN 84-7151-724-8
  2. Santidrián, Pedro R. opus cit, pax.218.
  3. Bernhard Häring, Las cosas deben cambiar, Ed. Herder, Barcelona, 1995, pax. 93. ISBN 84-254-1906-9
  4. Bernhard Häring, opus cit. pax. 58