Benzodiacepina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Icona de aviso médico
Advertencia: a Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Estrutura química das benzodiacepinas."R" sinala as localizacións comúns dos grupos sustitutorios, que orixinan as diferentes benzodiacepinas.
Estrutura química do diacepam, unha das benzodiacepinas máis coñecidas.

As benzodiacepinas (BZD) son unha clase de fármacos con efectos hipnóticos, ansiolíticos, anticonvulsivos, amnésicos e miorelaxantes (relaxantes musculares).

Desde o punto de vista químico son bases orgánicas e todas comparten unha estrutura composta por un anel de benceno con seis elementos, o cal está unido a un anel de diacepina de sete elementos. Cada benzodiacepina especifica fórmase pola substitución de diversos radicais, en diferentes posicións da estrutura anteriormente comentada.

Trátanse de medicamentos deseñados para tratar a ansiedade e tamén o insomnio. Tamén serven e se utilizan para desintoxicar a pacentes alcoholicos. De feito son uns dos medicamentos máis prescritos polos médicos en case todo o mundo[1].

A denominación destes compostos adoita peculiarizarse pola terminación -lam ou -lan (triazolam, oxazolam, estazolam) e pola terminación -pam e -pan (diacepam, loracepam, lormetacepam, fluracepam, flunitracepam, clonacepam). Non obstante, hai excepcións como o cloracepato dipotásico (Tranxilium) ou o clordiacepóxido (Librium).

Índice

[editar] Nomes comerciais máis frecuentes

Trankimazin, Valium, Tranxilium, Rohipnol, Rivotril, Loramet, Noctamid, Lexatim, Orfidal, Idalprem, etc.

[editar] Indicacións Terapéuticas

Son prescritas principalmente a persoas con problemas de ansiedade e insomnio, pero tamén como tratamento de certas patoloxías que poden cursar con rixidez muscular ou convulsións (as benzodiacepinas tamén teñen efecto relaxante muscular e anticonvulsivante). Deben ser prescritas con coidado, durante tempos curtos e sempre baixo supervisión médica, xa que se demostrou o seu potencial de adicción. Trátate de grandes fármacos se son ben empregados, xa que son eficaces é seguros, pero o seu uso sempre se debe facer baixo control médico.

[editar] Farmacocinética

Trala administración por vía oral a concentración máxima no sangue prodúcese as tres horas, sendo a absorción intramuscular moi irregular. A duración da súa acción depende da liposolubilidade de cada composto,de xeito que os compostos máis lipofílicos teñen unha acción máis curta, xa que tenden a repartirse rapidamente entre o sangue e o cerebro, diminuíndo así os seus efectos sobre o SNC. As benzodiacepinas e os seus metabolitos activos fíxanse ás proteínas plasmáticas nunha porcentaxe moi alta (85-99%). O seu volume de distribución dependerá da liposolubilidade e pode variar ampliamente, desde o clordiacepóxido (0,26-0,58 L/kg) ó diacepam (0,95-2 L/kg). As benzodiacepinas metabolizánse no fígado. Na Fase I, mediante a vía oxidativa, prodúcese a hidroxilación ou N-dealquilación por parte do sistema enzimático citocromo P-450, orixínando metabolitos farmacolóxicamente activos. A Fase II consiste nunha conxugación de grupos hidroxilos e aminos para formar compostos inactivos que son excretados pola urina. O metabolismo hepático difire entre as diferentes benzodiacepinas; así, algunhas teñen que pasar tanto pola fase I e II, como o diacepan, clordiacepóxido, fluracepan, triazolam, midazolam e clonacepam e outras como o loracepan, oxacepam e temacepam só precisan da fase II . Ademais, a fase I é unha vía cuxa actividade depende de varios factores: pode estar diminuída a súa actividade pola idade, enfermidades hepáticas previas, administración simultánea de estróxenos, isoniacida, disulfiran, fenitoína, alcohol e cimetidina. Pola contra, é activada polo fume do tabaco ou a administración simultánea de fármacos que estimulan a activación do sistema do citocromo P-450 como o fenobarbital. Pola contra, a fase II de conxugación é mais estable e non se afecta por todos os factores anteriores. Por iso, as benzodiacepinas que son metabolizadas por esta fase II utilizaranse preferentemente nos pacientes de idade, naqueles con afectación hepática e naqueles que estean simultaneamente tomando algunha das sustancias que alteran a fase I do metabolismo hepático.

[editar] Mecanismo de acción

Exercen a súa acción ó actuar sobre uns receptores específicos localizados a nivel do Sistema Nervioso Central, os cales forman parte do complexo macromolecular do receptor do acido gamma-aminobutírico (CMRGB). O GABA é un neurotransmisor inhibidor, xa que cando se une o seu receptor produce unha alteración na permeabilidade das canles de cloro. Como consecuencia desa alteración aumenta o fluxo de cloro ó interior da célula, producindo a súa hiperpolarización, e polo tanto, estabilizando a súa membrana. O receptor da benzodiacepina está próximo o do GABA, de modo que cando a benzodiacepina se une ó seu receptor, facilita a unión do GABA o seu, e deste xeito é como ten os seus efectos sedantes (a activación do CMRGB por unha benzodiacepina potencia a acción inhibitoria da sinapse mediada polo GABA). Os receptores das benzodiacepinas atópanse distribuídos por todo o cerebro e a medula espiñal; ademais atópanse receptores noutros órganos como as glándulas adrenais, riles, glándula pineal e plaquetas.

[editar] Sobredose

Debido a que son fármacos moi prescritos e están dispoñibles na maiorías dos fogares constitúen a intoxicación medicamentosa máis frecuente no noso medio[2]. Xeralmente, prodúcese pola inxesta do fármaco con fins autolíticos (suicidas), con frecuencia acompañado de alcohol etílico(en máis do 75% dos casos), e outras substancias; tamén adoitan acompañalas sobredoses por drogas de abuso xa que son empregadas polos drogadictos para diminuír os síntomas do síndrome de abstinencia.

O mecanismo da acción tóxica é o mesmo co da acción terapéutica, e dicir, actúan como activadores do receptor do GABA. En caso de dose excesiva producen a depresión do SNC, polos efectos inhibidores de neurotransmisor GABA. Causan fundamentalmente ataxia, letargo e fala farfullante. A toxicidade mais temida é a depresión respiratoria[3]. A depresión grave do SNC, é dicir, o coma, é rara, e acostuma a aparecer con inxestas simultáneas de outras substancias, especialmente o alcohol. Os fármacos de corta duración de acción, como o temazepam, alprazolam e triazolam producen cadros tóxicos mais graves. Esto é porque ten maior capacidade de producir depresión respiratoria pero tamén se usan con mais frecuencia como substancias de abuso e se asocian ó alcohol. Outras manfestación clínicas de sobredose inclúen hipotermia, hipotensión e bradicardia (ritmo cardiaco lento) Aínda así, cando a intoxicación se produce exclusivamente por benzodiacepinas a mortalidade é moi rara, xa que son fármacos con un índice terapéutico elevado (eso significa que as doses tóxicas son moi superiores as terapéuticas). Sen embargo cando se asocian a outras substancias coma o alcohol, potencianse os seus efectos, e as consecuencias poden ser mais graves. Nun estudo multicéntrico, efectuado en 317 intoxicados agudos con caracter grave, só faleceron cinco pacientes por intoxicación medicamentosa, estando as benzodiacepinas implicadas en catro deles (en tres asociaciada con outros fármacos e só nun caso como único responsable).

As benzodiacepinas teñen un antídoto específico, que é o Flumazenil: Trátase dun antagonista específico que actúa no mesmo receptor, impedindo que actúen as benzodiacepinas. A súa vida media é curta, de modo que a reversión dos efectos dura uns 45-60 minutos, pasados os cales pode volver a sedación. É un fármaco útil pero debe de usarse con cautela, xa que ten moitas contraindicacións (en xeral, sempre que exista risco de convulsións).

[editar] Táboa de medicamentos e posoloxía

Fármaco Marca rexistrada Semivida de eliminación (H)Metabolito activo Efectos centrais Dose aproximada equivalente
Alprazolam Xanax, Trankimazin, Xanor, Tafil, Alprox 6-12 h Ansiolítico 1 mg
Bromacepan Lexatín, Lexotan, Lexomil, Somalium, Bromam 10-20 h Ansiolítico 5-6 mg
Chlordiacepoxide Librium, Tropium, Risolid, Klopoxid 5-30 h (36-200) Ansiolítico 25 mg
Cinolacepam Gerodorm 9 h Sedante ?
Clobazam Frisium 12-60 h Ansiolítico Anticonvulsivo 20 mg
Clonacepam Klonopin, Klonapin, Rivotril 18-50 h Ansiolítico Anticonvulsivo 0,5 mg
Cloracepate Tranxene 36-100 h Ansiolítico Anticonvulsivo 15 mg
Diacepam Valium, Apzepam, Stesolid, Apozepam, Hexalid, Valaxona 20-100 h (36-200) Ansiolítico 10 mg
Estazolam ProSom 10-24 h Hipnótico 1-2 mg
Flunitracepam Rohypnol, Fluscand, Flunipam, Ronal 16-26 h (36-200) Ansiolítico 1 mg
Fluracepam Dalmane 4-250 h Hipnótico 15-30 mg
Halacepam Paxipam, Alapryl 30-100 h Ansiolítico 20 mg
Ketazolam Anxon, Sedotime 2 h Ansiolítico 25-30 mg
Loprazolam Dormonoct 6-12h Hipnótico 1-2 mg
Loracepam Ativan, Temesta, Orfidal, Lorabenz 10-20 h Ansiolítico 1 mg
Lormetacepam Noctamid, Pronoctan 10-12h Hipnótico 1-2 mg
Medacepam Nobrium 36-200 h Ansiolítico 10 mg
Midazolam Versed, Hypnovel 3h (1,8-6) Ansiolítico  ?
Nitracepam Mogadon, Apodorm, Pacisyn, Dumolid 15-38 h Hipnótico 10 mg
Nordacepam Madar, Stilny 50-120 h Ansiolítico 10 mg
Oxacepam Serax, Serenid, Serepax, Sobril, Oxascand Alopam, Oxabenz, Oxapax 4-15 h Ansiolítico 20 mg
Pracepam Centrax 36-200 h Ansiolítico 10-20 mg
Quacepam Doral 25-100h Hipnótico 20 mg
Temacepam Restoril, Normison, Euhypnos 8-22 h Hipnótico 20 mg
Tetracepam Myolastan, Miolastan 3-26 h Ansiolítico Relaxante muscular  ?
Triazolam Halcion, Rilamir 2 h Hipnótico 0,5
DMCM ? 3-26 h Ansioxénico Convulsivo Sen uso terapéutico

*Non figuran todas as marcas rexistradas. Listaxe non exhaustiva.

[editar] Notas

  1. Viccelio P.(Ed.)Emergency Toxicology. Ed Lippincott-Raven. New York,1998.
  2. Dueñas Laíta A. Intoxicaciones agudas en medicina de urgencia y cuidados críticos. Ed Masson.Barcelona,1999
  3. Harris C.R.Manual de Toxicología para médicos. Ed Elsevier Masson. Barcelona, 2008

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Dueñas Laíta A. Intoxicaciones agudas en medicina de urgencia y cuidados críticos. Ed Masson.Barcelona,1999
  • Harris C.R.Manual de Toxicología para médicos. Ed Elsevier Masson. Barcelona, 2008
  • Hollister LE.: "Tricychic antidepressant (parte 1)", en N Engl J Med 1978; 299: 1106-1110.
  • Nogue Xarau I.: "Intoxicación por benzodiacepinas, antidepresivos, fenotiazinas y bartitúricos", en Medicina Integral 1992; 20:495-500.
  • Viccelio P.(Ed.)Emergency Toxicology. Ed Lippincott-Raven. New York,1998.

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas