Benjamín Santos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Benjamín Santos
Na revista El Gráfico en 1948.
Información persoal
Nome Benjamín César Santos Fernández
Nacemento 7 de febreiro de 1924
Lugar de nacemento Cafferata
Falecemento 7 de xullo de 1964
Lugar de falecemento A Coruña
Posición Dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1943–1944 General Belgrano
1944–1949 Rosario Central 107 (65)
1949–1951 Torino 64 (41)
1951–1953 Pro Patria 25 (4)
1956–1957 Deportivo da Coruña 12 (1)
Adestrador
1958–1960 Pro Patria (xuvenís)
1960–1963 Torino
1963–1964 Genoa
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Benjamín César Santos Fernández, nado en Cafferata (Santa Fe, Arxentina) o 7 de febreiro de 1924 e finado en Medina del Campo (Valladolid, España) o 22 de xullo de 1964, foi un futbolista e adestrador de fútbol arxentino.

Xogaba de dianteiro e destacou principalmente en Rosario Central e no Torino. No primeiro deles xogou durante cinco anos, marcando 65 goles, o que o converte nun dos máximos anotadores na historia do club. Foi o máximo goleador do campionato arxentino de Primeira División de 1948. Traspasado ao Torino pouco despois da Traxedia de Superga, marcou 27 goles na súa primeira tempada na Serie A. Tras unha segunda campaña no club piemontés pasou ao Pro Patria e anos máis tarde xogou co Deportivo da Coruña na Primeira División española.

Trala súa retirada foi adestrador e dirixiu o Torino e o Genoa na Serie A, ata que a súa vida se viu truncada aos 40 anos de idade, ao morrer nun accidente de tráfico cando viaxaba da Coruña a Madrid.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Rosario Central[editar | editar a fonte]

Chegou a Rosario Central en 1944, procedente da súa Cafferata natal e despois de ter xogado no Círculo Social y Deportivo General Belgrano de Santa Isabel, na provincia de Santa Fe.​

Na súa primeira tempada en Rosario xogou 15 encontros e converteu 6 goles. Foi no campionato de 1946 no que se consolidou como un dos mellores dianteiros do país, marcando 19 goles, cinco menos que o máximo anotador do torneo, Mario Boyé, de Boca Juniors. Colleu así a remuda de Waldino Aguirre como referencia no ataque do equipo, e durante os seguintes anos formou dianteira entre outros con Rubén Bravo, Bernardo Vilariño e Alejandro Mur. En 1948 foi o máximo goleador do torneo, ao marcar 21 goles en 20 partidos.​

En total disputou con Rosario Central 111 partidos e marcou 66 goles, atopándose na actualidade entre os dez máximos goleadores da historia do club no profesionalismo, además de ser o primeiro xogador do club en proclamarse como máximo goleador dun torneo de Primeira División

Equipo de Rosario Central en 1946. Benjamín Santos anicado, rodeando co seu brazo a Ángel De Cicco.

As súas boas actuacións chamaron a atención do Torino de Italia. O traspaso contou coa oposición da AFA, que consideraba ao xogador como un bo valor para a selección arxentina de cara ao Mundial de 1950, e ao emigrar non podería ser convocado. Finalmente a súa venda foi decidida a través dunha votación entre os socios, e completouse por un prezo de 275.000 pesos arxentinos.

Torino[editar | editar a fonte]

Chegou ao equipo italiano en 1949, cando o club se recuperaba da Traxedia de Superga, o accidente aéreo no que faleceron 18 xogadores do equipo. Tocoulle substituír o capitán Valentino Mazzola. Debutou cun gol fronte ao Venezia na primeira xornada e pechou a súa primeira tempada no Torino con 27 goles na Serie A, o que o converte no quinto futbolista con máis goles no seu debut na liga italiana.​ Quedou como cuarto máximo anotador da liga esa tempada, a oito goles do dianteiro sueco do Milan Gunnar Nordahl.

Na tempada 1950/51 marcou 14 tantos en 27 partidos, pero o equipo protagonizou unha frouxa campaña, rematando na 17ª posición e salvando por pouco a categoría.

Pro Patria[editar | editar a fonte]

En 1951, fichou polo Pro Patria de Busto Arsizio, onde atrasou a súa posición no campo. Marcou catro goles nesa tempada, mentres que na seguinte sufriu unha grave lesión de xeonllo, que o afastou dos terreos de xogo durante un tempo.

Deportivo da Coruña[editar | editar a fonte]

Benjamín Santos en 1955.

En 1956 chegou á Coruña, onde foi posto a proba polo Deportivo da Coruña no Trofeo Concepción Arenal. A súa boa actuación convenceu ao club coruñés, que o acabou fichando xa comezada a tempada 1956/57.[1] Debutou na Primeira División na xornada 5 contra o FC Barcelona en Les Corts, formando dianteira xunto con Polo, Arsenio e Tino. Disputou un total de 13 partidos, marcando un gol contra o Jaén, e ao rematar a campaña colgou as botas.

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Torino[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada instalouse en Busto Arzisio, onde comezou a adestrar na canteira do Pro Patria. En 1960 colleu as rendas do Torino, no que actuara anos atrás como futbolista, e ao que adestrou durante dúas tempadas e media na Serie A. Na súa primeira campaña á fronte do club piemontés dirixiu a xogadores como Bearzot, Ferrario, Ferrini ou Vieri, acabando a liga no posto 12º. Na Copa Italia chegou ás semifinais, onde foi eliminado pola Lazio na quenda de penaltis, despois de empatar a un gol.

Na tempada 1961/62 o equipo reforzouse con xogadores como Rosato, Baker e o escocés Denis Law, e completou a tempada na sétima posición. Disputou ademais a Copa da Amizade, chegando ata a final, onde perdeu contra o Lens francés. Adestrou o Torino ata decembro de 1962.

Genoa[editar | editar a fonte]

En 1963 pasou ao Genoa, tamén da Serie A, co que acabou a tempada 1963/64 na oitava praza.

Morte[editar | editar a fonte]

Santos na súa etapa como adestrador do Torino.

O 21 de xullo de 1964 saíu dende A Coruña acompañado pola súa muller, Liliana Milani, e as súas dúas fillas, Matilde e Nicoletta, con dirección a Madrid, de onde pensaban dirixirse a Italia. Pero nas inmediacións de Medina del Campo, o Fiat 1300 no que viaxaban sufriu un accidente, no que Benjamín perdeu a vida, con 40 anos de idade, mentres que elas resultaron feridas.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Santos el salvador". El Pueblo Gallego (en castelán) (10802). 4 de outubro de 1956. p. 6. Consultado o 23 de decembro de 2021. 
  2. "Sentimiento por la muerte del director técnico del Turín, Benjamín César Santos". La Noche (en castelán) (13306). 23 de xullo de 1964. p. 6. Consultado o 23 de decembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]