Benigno Andrade García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBenigno Andrade García

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento22 de outubro de 1908 Editar o valor em Wikidata
As Foucellas, España Editar o valor em Wikidata
Morte7 de agosto de 1952 Editar o valor em Wikidata (43 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Causa da mortePena de morte Editar o valor em Wikidata (Garrote Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Ideoloxía políticaAnarquismo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónanarcosindicalista , mineiro , guerreiro , sindicalista , político Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMaría Pérez Mellid
FillosPepiña (1936) e Sergio (1939)[1]


Benigno Andrade García, alcumado o Foucellas, nado o 22 de outubro do 1908 nas Foucellas (Cabrui, Mesía) e agarrotado o 7 de agosto de 1952 no cárcere da Coruña, foi un militante da CNT[2] e guerrilleiro antifranquista.

Viviu 16 anos fuxido ata que foi detido no lugar da Costa (Oza-Cesuras) nun enfrontamento coa Garda Civil. Benigno Andrade é un dos nomes míticos do antifranquismo armado en Galicia.[3] Foi condenado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte "como o maior criminal dos últimos anos", segundo recolle a sentenza. Enviou unha carta pregando clemencia á filla de Franco, Carmen, quen respondeu dicindo non poder "meterse en asuntos políticos".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

As Foucellas, Mesía

Nacido no lugar das Foucellas, do que tomou o alcume, na parroquia de Cabrui, Mesía. Fillo de Andrés Andrade Lata e Francisca García Paz, casada en segundas nupcias, quen xa tiña un fillo. Foucellas tiña dous irmáns: Consuelo (falecida antes de 1952) e José Couceiro García (residente dende 1952 na Arxentina).

Estudou na escola primaria da localidade e desde moi novo traballou no campo de xornaleiro e nunha leitería.[4] Trasladouse a León para traballar nas minas de carbón de Fabero, Ponferrada. En 1934 foi vivir a Curtis coa súa nai e traballar na madeireira Torres de Curtis en xullo de 1936. Segundo descrición da Garda Civil, Foucellas medía 1,67 metros de estatura, tiña o pelo negro, ollos marróns, boca regular, barba pechada, cara alongada e nariz regular. Estaba casado con María Pérez Mellid, de nacionalidade española e arxentina e nada no país americano, con quen tivo catro fillos, Pepiña, Sergio, Benigno e Carmen. Os dous últimos foron criados por María Novo García, curmá del, en Ru, Vilasantar.[5]

A familia vivía en Bodeus, fronte á estación de ferrocarril. A muller traballaba na casa do médico da localidade, Manuel Calvelo, quen xunto coa súa muller Isabel Ríos en 1934 dirixían a célula comunista de Curtis, a Sociedade Republicana Radio Comunista en Curtis, coa que simpatizaba Foucellas. A súa irmá Consuelo traballaba no cuartel da Garda Civil.

Posteriormente afiliado á CNT, ao estalar a Guerra civil española enrolouse nunha columna que se dirixía á Coruña. Atoparon a cidade xa tomada polos grupos golpistas, polo que retornou a Curtis. Interveu nunha requisa de armas en Fisteus e noutra de dinamita na estación de Teixeiro. Ao temer represalias dos sectores fascistas, botouse ao monte. Durante a guerra estivo enfermo de difteria e pasouna escondido en diversos lugares do concello. Durante ese tempo foi chamado a filas e declarado prófugo.

Xa recuperado, aínda non buscado activamente pola Garda Civil, púxose á fronte, contra 1941, dunha partida guerrilleira que actuaba sobre todo na zona de Sobrado dos Monxes e Arzúa, formada principalmente por prisioneiros republicanos fuxidos dos batallóns de castigo disciplinario que existían daquela en Galicia. O 15 de marzo de 1945 foi asasinado o cabo da Garda Civil Manuel López Bello en Curtis. Días despois, Foucellas resultou ferido coa súa propia arma indo a cabalo. Os amigos lévárono ao sanatorio de San Nicolás da Coruña, onde foi operado e resgardado. Cóntase que nesta altura ía a Riazor ver o Deportivo vestido de crego para evitar sospeitas.

Benigno Andrade participou do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1947 partiu a Pontevedra para organizar a V Agrupación,[2] da que foi o principal combatente. Procesado na causa 262/48 por agresión a forza armada e homicidio, foi reclamado polo Xulgado Militar Eventual número 2 de Santiago de Compostela xunto con José Remuiñán Barreiro en xuño de 1948.[6] En outubro de 1949 escapa a unha emboscada da Garda Civil tendida a Riqueche, xefe do Destacamento Arturo Cortizas.

A súa familia sufriu o acoso das autoridades. A súa muller e a súa tía foron encadeadas logo de atopárselles unha carta de Benigno. Cando morreu a súa muller, desterrada en Valladolid, a filla tiña 12 anos e vivía soa en Curtis. Pepiña viaxou soa no tren á Coruña e foi ver a Fernando Hierro, o gobernador civil, para suplicarlle que a Garda Civil deixase de acosala.[7] Con 16 anos, trala morte da súa avoa, exiliouse en París.

Mauser do Foucellas modelo 1910 e calibre 7, no Museo Militar da Coruña

Nos anos 1950 e 51, xa moi minguados os destacamentos guerrilleiros, trasladouse á zona de Betanzos, con Manuel Vilar Arnoso, Manolito, quen lle servía de único enlace. O 9 de marzo de 1952 foi detido no lugar da Costa, en Oza dos Ríos. Manolito e outro guerrilleiro, e o garda civil Cesáreo Díez resultaron mortos. Benigno ficou ferido nunha perna.

Foi levado ao cuartel da Garda Civil en Betanzos. Baixo tortura confesou a axuda que lle prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona. Foi xulgado en consello de guerra o 26 de xuño de 1952 e condenado a morte. A sentenza executouse o 7 de agosto na prisión da Coruña mediante garrote vil. Foi soterrado nunha fosa común do cemiterio de Santo Amaro da Coruña.

As últimas palabras aos seus fillos foron:

Morro polas miñas ideas e por defender a liberdade e un goberno lexitimamente elixido.
O Foucellas[8]

A muller do Foucellas foi separada dos seus fillos, morreu nun hospital de Valladolid. A súa filla quedou a cargo dunha avoa pobre que non se podía facer cargo do fillo o cal tivo que ir vivir con outro familiar. Pepiña con 12 anos facía traballos de costura polas casas cobrando 10 pesetas e a comida. Trala morte da súa avoa en 1957 marchou a Francia con 6.000 pesetas deixadas por un tío seu. Non volvería a Galiza ata 32 anos despois.[9] Está casada e vive en Alacant.

A vida de Benigno Andrade está escurecida pola lenda forxada polo pobo, que lle atribuíu toda clase de actos, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados "Foucellas" en xeral. Atribuíronselle multitude de actuacións, aínda que é certo que moitos bandoleiros e delincuentes comúns culpaban ao Foucellas dos seus propios crimes, debido á súa gran fama.

Non foi oficialmente recoñecido como loitador ou guerrilleiro ata 1992 coa inauguración do Museo Militar Rexional da Coruña, onde se expón o seu fúsil.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lui Costas (25 de outubro de 2008). "Memoria viva de Foucellas". La Opinión de A Coruña. 
  2. 2,0 2,1 Máiz 1988, p. 166.
  3. Redondo 2006.
  4. "O Foucellas, guerrilleiro e mito popular". Vieiros. 14 de agosto de 2002. 
  5. "Memorial democrático [ANDRADE]". La Historia en la memoria (en castelán). 28 de abril de 2014. 
  6. El Correo Gallego, 17-6-1948, p. 2.
  7. "Homenaje al mito guerrillero". El País (en castelán). 23 de outubro de 2008. 
  8. Rivera Rey, Alberto. "Foucellas, o mito que se apagou hai 60 anos". Consultado o 29 de xullo de 2013. 
  9. "Acto en Ordes recordando a Ponte y a Foucellas". Franquismo (en castelán). 30 de outubro de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lamela, L. (1993). Foucellas - El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952). A Coruña: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-608-4. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]