Benedict Wallet Vilakazi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Benedict Wallet Vilakazi, nado o 6 de xaneiro de 1906 e finado o 26 de outubro de 1947, foi un escritor e ensinante zulú.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Benedict Vilakazi naceu Bambatha kaMshini na misión de Groutville preto de KwaDukuza, Natal (agora Suráfrica), o quinto fillo dos protestantes conversos Mshini ka Makhwatha e Leah Hlengwane ka Mnyazi. Vilakazi pasou a súa infancia apacentando o gando e ía esporadicamente á escola da misión ata os dez anos, cando foi a estudar ao colexio dun mosteiro católico en Mariannhill e alí converteuse ao catolicismo e bautizouse co nome de "Benedict Wallet" . En 1923 rematou os seus estudos de mestría, e comezou a ensinar en Mariannhill e máis tarde nun seminario en Ixopo onde estivo ata 1933 cando pasou ao Instituto de Ohlange. Desde primeiros da década de 1930 viña publicando poemas na prensa local, e en 1933 publicou a súa primeira novela Nje nempela ("realidade e verdade"), unha das primeiras obras de ficción en lingua zulú en tratar un asunto moderno, en 1934 sacou o B.A. por libre pola Universidade de Suráfrica e en 1935 publicou outra novela, Noma nini e a colección de poesía Inkondlo kaZulu, a primeira publicación de poesía zulú influenciada pola cultura occidental, en 1935 principiou a traballar no departamento de estudos bantús da Universidade de Witwatersrand baixo a dirección do lingüista C. M. Doke, co que realizou un dicionario zulú-inglés que se publicou postumamente. En 1938 completou o M.A. co traballo The conception and development of poetry in Zulu. Tamén ensinou na universidade de Lesoto

As novelas posteriores de Vilakazi continuaron a explorar a vida cotiá dos zulús, UDingiswayo kaJobe (1939) e Nje nempela (1944), a saga dunha familia tradicionalmente polígama. A súa poesía, fortemente influenciada polo estilo romántico europeo, primeiro experimentou cos xéneros en voga na poesía inglesa pero logo fusionou ritmo e verso con elementos do izibongo da poesía tradicional zulú que seguiron outros poetas zulús, porén no decurso da súa vida a súa poesía foise facendo máis política, dramatizando a explotación, non só dos zulús senón a dos africanos negros en xeral.

Vilakazi tamén traballou academicamente na tradición oral e nas linguas zulú e xhosa, colaborou na realización de libros para o ensino e foi presidente da "Catholic African Teachers’ Federation" e editor da Catholic African Teachers’ Review. Politicamente estivo comprometido co Congreso Nacional Africano [1]. O seu pensamento en canto ao papel das linguas africanas na sociedade foi claro, só as linguas africanas podían ser o cauce no que os autores e intelectuais expresasen a súa auténtica identidade nacional e cultural e cría que as literaturas escritas por africanos en linguas europeas era un medio máis de dominación cultural e política[2]. O 16 de marzo de 1946 converteuse no primeiro sudafricano negro en completar un doutorado[3] coa tese The oral and written literature in Nguni. Morreu en 1948 en Johannesburg de meninxite.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Inkondlo kaZulu (poesía), Witwatersrand University Press (Johannesburg), 1935.
  • Noma nini (novela), Yacindezelwa Emshinini Wasemhlathuzane (Mariannhill, Natal), 1935.
  • UDingiswayo kaJobe (novela), Sheldon Press (London), 1939.
  • Nje nempela (novela), Mariannhill Mission Press (Mariannhill, Natal), 1944.
  • Amal'eZulu (poesía), Witwatersrand University Press, 1945.
  • Zulu-English Dictionary (con C. M. Doke), Witwatersrand University Press, 1948.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Toyin, Falola (2009) Africans and the Politics of Popular Culture. Nova York:University of Rochester Press, p. 289
  2. ABIOLA, Irele F. (2010)The Oxford Encyclopedia of African Thought. Nova York:Oxford University Press, p. 409
  3. sahistory.org.za

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]