Osama bin Laden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ben Laden»)
Osama bin Laden
Nome completoأسامة بن محمد بن عوض بن لادن
Nacemento10 de marzo de 1957
Lugar de nacementoRiad
Falecemento2 de maio de 2011
Lugar de falecementoOsama bin Laden's compound in Abbottabad
Causaferida por arma de fogo
SoterradoMar Arábigo
NacionalidadeArabia Saudita e apátrida
RelixiónSunnismo
Alma máterKing Abdulaziz University, King Abdulaziz University, Al-Thager Model School, Brummana High School e Thomas Sprigg Wootton High School
OcupaciónJihadista, enxeñeiro civil, empresario e terrorista
PaiMuhammed bin Laden
NaiHamida al-Attas
CónxuxeNajwa bin Laden, Khairiah Sabar, Osama bin Laden's fifth wife e Siham Sabar
FillosSaad bin Laden, Omar bin Laden, Hamza bin Laden, Abd Allah bin Laden, Khalid bin Laden, Miriam bin Laden e Sumaiya bin Laden
IrmánsSalem bin Laden, Tarek bin Laden, Bakr bin Laden e Yeslam bin Ladin
Na rede
IMDB: nm1136915 Musicbrainz: b18d2f62-1960-4dda-ba97-117814887956 WikiTree: Bin_Laden-1 Find a Grave: 69213935 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Osama bin Mohammed bin Awad bin Laden (en árabe, أسامة بن محمد بن عوض بن لادن, ʾUsāmah bin Muḥammad bin ʿAwaḍ bin Lādin), nado o 10 de marzo de 1957 en Riad e finado o 2 de maio[1][2] de 2011 en Abbottabad (Paquistán), coñecido como Osama bin Laden, foi un multimillonario saudita considerado o fundador e a cabeza de al Qaida, unha organización terrorista islamita sunnita que está involucrada en ataques contra obxectivos civís e militares en todo o mundo. O goberno dos Estados Unidos responsabilizou a bin Laden da planificación dos atentados do 11 de setembro de 2001 polo que se converteu no home máis buscado do mundo. Finalmente, foi localizado e morto nun operativo das forzas especiais dos Estados Unidos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Procedía dunha rica familia saudita orixinaria do Iemen. Foi o décimo sétimo fillo do seu pai, un magnate da construción. Isto proporcionoulle unha educación coidada con estadías en Oxford (Gran Bretaña) para perfeccionar o inglés.[3]

Combatente en Afganistán e fundador de Al-Qaida[editar | editar a fonte]

En 1980 trasladouse a Afganistán para loitar contra a invasión soviética. Alí colaborou co clérigo de orixe palestina Abdullah Azzam no traslado de islamistas dispostos a incorporarse ao campo de batalla, creando para iso a organización Maktab al-Khadamat (en galego, Oficina de Servizos) en 1984. Sospéitase que esta organización contou coa axuda financeira dos Estados Unidos, Arabia Saudita e Paquistán, se ben non foi determinante debido o patrimonio familiar dos bin Laden.[4] Ademais, contra mediados da década, creou un campamento de adestramento militar para combatentes árabes na rexión fronteiriza entre Afganistán e Paquistán. Este campo foi chamado al-Qa’ida al-‘Askariyya (en galego, base militar).[5]

En 1988, malia a inminente derrota soviética, funda al-Qaida, pois Abdullah Azzam e Osama bin Laden, entenderon que esta debía ser a base (Al-Qaida en árabe) da futura xihad. Mais, se ben bin Laden consideraba que tiñan que dar prioridade as accións internacionais, Azzam insistía en continuar en Afganistán ata o establecemento dun goberno islámico para logo centrarse contra Israel. Con todo, en novembro de 1989, un coche-bomba atribuído a rivais exipcios matou a Abdullah Azzam, consolidando o poder de Osama bin Laden, que xa era emir ou líder dende a fundación.[5][4]

Inicialmente, bin Laden, ideoloxicamente islamista radical e relixiosamente aliñado no salafismo, buscaba suplantar os réximes de Oriente medio co obxectivo de xuntar a todos os musulmáns baixo un único goberno rexido estritamente polas leis islámicas ou xaria. Pero na súa traxectoria foi determinante a Guerra do Golfo: tras a invasión de Kuwait por Iraq en 1990 ofreceu axuda a Arabia Saudita para a súa defensa. Ao se negar o goberno saudita, bin Laden denunciou a presenza norteamericana e clamou pola saída das tropas estranxeiras do país. A partir de entón, identificou nos Estados Unidos un inimigo do islam, ademais de por "infiel", polas súas intervencións militares no mundo musulmán. Xunto cos Estados Unidos, Al-Qaida debería atacar aos seus países aliados como Israel, pero tamén a aqueles que, aínda sendo islámicos, colaboran cos EUA como Exipto ou Arabia Saudita.[6]

O goberno saudita intentou silenciar as protestas de bin Laden e dos clérigos críticos coa posición do país na Guerra do Golfo. Malia a ter retirado o pasaporte por iso, logrou saír cara Paquistán co pretexto de asistir a unha xuntanza relixiosa.[4]

Organizador dunha rede terrorista internacional dende o Sudán (1991-1996)[editar | editar a fonte]

En 1991, bin Laden trasladouse ao Sudán, onde o réxime de Omar Ahmad al-Bashir amparou as actividades de Al-Qaida. A cambio, Al-Qaida colaboraría contra os grupos separatistas e cristiáns do Sudán do Sur. Alí, Osama bin Laden despregou unha importante actividade empresarial construíndo a estrada entre Khartúm, a capital, e Port Sudán, na costa do mar Vermello. A nivel internacional, posuíu empresas en Chipre e Croacia e creou unha organización non gobernamental para á axuda dos bosníacos durante a Guerra de Bosnia e outra para colaborar cos chechenos, entre outras actividades.[4] A finalidade de todo isto era conseguir financiamento para Al-Qaida, polo que paralelamente comezou a adquisición de armamento, tentando o nuclear.[7][8]

Deste xeito, Al-Qaida teceu unha rede que conectou a diferentes grupos de extremistas islámicos de Arabia Saudita, Exipto, Xordania, Líbano, Iraq, Omán, Alxeria, Libia, Tunisia, Marrocos, Somalia, Eritrea, o Chad, Malí, Níxer, Nixeria, Myanmar, Tailandia e Indonesia. Ademais, Al-Qaida proporcionou equipos e soldados ás sublevacións de Filipinas, Indonesia, Paquistán e Taxiquistán. Documentación coetánea da CIA alertaba que Al-Qaida contaba con centros de recrutamento en Exipto, o Sudán e Arabia Saudita, varios milleiros de combatentes e, polo menos, tres campos de adestramento no Sudán.[9]

Inicialmente, Al-Qaida, comezou as súas operacións como un paraugas baixo o cal actuaban diferentes grupos (como Xihad Islámica exipcia). As súas primeiras accións violentas foron ataques contra as tropas estadounidenses en Somalia (1992) e o atentado con coche-bomba no World Trade Center de Nova York (1993).

Bin Laden foi gañando sona entre os círculos islámicos máis fanatizados grazas varias fatwas, pronunciamentos legais islámicos, contra a presenza de tropas estadounidenses en Arabia Saudita, Iemen e Somalia, chamando á morte dos "infieis".[6] O aumento da súa ameaza terrorista levou a que, en 1994, Arabia Saudita revocara a súa cidadanía e conxelou os seus activos patrimoniais no país.[4] En 1996, as presións sobre o Sudán levaron a que bin Laden e o núcleo dirixente de Al-Qaida marcharan do país africano cara Afganistán.

Refuxio en Afganistán (1996-2001)[editar | editar a fonte]

Baixo o acubillo talibán, bin Laden declarou a guerra santa contra os Estados Unidos o 26 de agosto de 1996, e na fatwa do 23 de febreiro de 1998, titulada "A fronte islámica mundial contra os xudeus e os cruzados", anunciou a ampliación das accións a nivel mundial de Al-Qaida e chamaba a matar a civís e militares dos Estados Unidos e os seus aliados.[10]

Al-Qaida fixo o seu primeiro atentado masivo, o 7 de agosto de 1998 coas detonacións contra as embaixadas dos Estados Unidos en Nairobi e Dar es Salaam nas que faleceron máis de 220 persoas. Considérase que a data do atentado foi escollida por bin Laden por ser o inicio da chegada das tropas dos Estados Unidos a Arabia Saudita durante Guerra do Golfo.[11] Logo deste episodio, o FBI incluíuno na lista de terroristas máis buscados e o presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton, autorizou o primeiro intento de asasinato por parte dos Estados Unidos.[9][12] Deste xeito, o 20 de agosto de 1998, foron bombardeadas con mísiles de cruceiro varias posicións de Al-Qaida na provincia afgá de Khost.[13] Dous días despois, o líder talibán, o mulá Omar nunha conversa telefónica con diplomáticos dos Estados Unidos negou que bin Laden empregase Afganistán para deseñar actos terroristas. Durante o goberno talibán, Afganistán non deixou de ser un refuxio seguro para bin Laden, aínda que os Estados Unidos insistiu en máis de 30 ocasións para que o expulsasen ou llo entregasen.[14]

11-S e procura dos Estados Unidos (2001-2011)[editar | editar a fonte]

Bin Laden foi o principal ideólogo dos atentados do 11 de setembro de 2001 nos Estados Unidos que mataron a case 3 000 persoas. Malia a que inicialmente, tanto os talibáns como Al-Qaida negaran a implicación da rede terrorista, esta foi sinalada nos días posteriores por informes do goberno dos Estados Unidos e do Reino Unido.[15][16][17] Logo dos atentados, o presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, declarou a "guerra contra o terrorismo" e ordenou a invasión de Afganistán contra os talibáns por amparar a Al-Qaida. O réxime afgán colapsou e en decembro de 2001, a aviación estadounidense concentrouse no bombardeo da rexión montañosa de Tora Bora. Alí era onde, segundo fontes de intelixencia, estaba agochado bin Laden nun complexo de covas fortificadas. Con todo, bin Laden logrou fuxir a Paquistán.[18]

Nos seguintes anos, Al-Qaida divulgou diferentes vídeos e gravacións de voz de Osama bin Laden para amosar que seguía con vida. En varias desas mensaxes, Osama bin Laden fixo alusións ou explicacións sobre o 11-S. Así, nun vídeo datado no 9 de novembro de 2001 e difundido polo Departamento de Estado dos Estados Unidos o 13 de decembro, bin Laden afirma que a destrución causada polo atentado superou os seus cálculos "optimistas". Na véspera do segundo cabodano do atentado, no 2003, noutra gravación audiovisual bin Laden nomea aos terroristas implicados e gaba as súas accións.[19] Finalmente, o recoñecemento explícito foi no vídeo do 29 de outubro de 2004 cando afirmou que "nós decidimos destruír as torres en América ... Alá sabe que non se nos ocorreu orixinalmente esa idea, mais a nosa paciencia esgotouse diante da inxustiza e inflexibilidade da alianza entre americanos e israelís contra o noso pobo en Palestina e no Líbano, e entón a idea xurdiu na miña mente."[20]

Durante estes anos, Estados Unidos sospeitaba que bin Laden estaba nas Áreas Tribais baixo Administración Federal de Paquistán e mesmo tiña indicios de que contaba coa protección de sectores dentro do servizo de intelixencia paquistaní.[21][22] Este aspecto foi sempre negado polo goberno de Islamabad aínda que unha investigación oficial feita polo Tribunal Supremo de Paquistán, tras a morte de bin Laden, concluíu que non houbera complicidades con Al-Qaida, senón "graves incompetencias" e "erros colectivos".[23]

Morte[editar | editar a fonte]

En 2009 a CIA interceptou unha chamada de Abu Ahmed al-Kuwaiti, de quen sabían que era próximo aos dirixentes de Al-Qaida. Posto baixo observación constataron que prendía o seu teléfono móbil tras conducir máis de hora e media dende Abbottabbad, unha cidade paquistaní a uns 100 quilómetros da capital. En agosto de 2010, as pescudas permitiron localizar un edificio de tres pisos arrodeado por altos muros e sen conexión telefónica nin a internet.[24] Cara febreiro de 2011, os servizos de intelixencia determinaron que se trataba do agocho de bin Laden logo de reparar en que un home que coincidía coa súa descrición física nunca saía fóra do recinto.[25]

O 1 de maio de 2011, Barack Obama anunciou que Osama bin Laden morrera nunha operación militar realizada por forzas especiais do exército dos Estados Unidos nese luxoso complexo residencial preto da cidade de Abbottabad onde estaba agochado coa súa familia. O nome en clave da acción foi "Lanza de Neptuno".[26]

Segundo a información proporcionada polos Estados Unidos, foi localizado no dormitorio da vivenda e intentou resistir cunha pistola e un rifle de asalto. Foi disparado na cabeza e no peito, polo que morreu no acto e o seu corpo sen vida foi trasladado canda as tropas. Na operación tamén faleceron outros tres homes, un deles fillo de bin Laden, e unha muller que foi empregada como "escudo".[27] A súa identidade foi confirmada ao cotexar o seu adn co dunha irmá xa falecida. O cadáver de Osama bin Laden foi guindado ao mar de Arabia dende o buque USS Carl Vinson seguindo os ritos islámicos e tras unha cerimonia relixiosa.[28]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.whitehouse.gov/blog/2011/05/02/osama-bin-laden-dead
  2. US-Spezialkräfte töten Osama Bin Laden, Spiegel, 2 de maio de 2011, consultado o mesmo día.
  3. "Bin Laden's disdain for the west grew in Shakespeare's birthplace, journal shows". the Guardian (en inglés). 2017-11-01. Consultado o 2022-08-08. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "The Rise of Bin Laden and the Al Qaeda Organization (1988-1992)". 911.gnu-designs.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2020. Consultado o 2022-08-08. 
  5. 5,0 5,1 University, © Stanford; Stanford; California 94305. "MMP: Al Qaeda". cisac.fsi.stanford.edu (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  6. 6,0 6,1 "Al Qaeda - Background - Inside The Terror Network". www.pbs.org. Consultado o 2022-08-08. 
  7. Gertz, Bill (2012-03-28). Breakdown: How America's Intelligence Failures Led to September 11 (en inglés). Simon and Schuster. ISBN 978-1-59698-710-4. 
  8. Chauhan, Sharad S. (2003). The Al-Qaeda Threat (en inglés). APH Publishing. ISBN 978-81-7648-473-2. 
  9. 9,0 9,1 "The Osama Bin Laden File". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2022-08-08. 
  10. "12/20/00:Fact sheet: Charges against Usama Bin Laden". 1997-2001.state.gov. Consultado o 2022-08-08. 
  11. Rohan Gunaratna (2002). Inside Al Qaeda. Columbia University Press. ISBN 978-0-231-12692-2. 
  12. "Osama bin Laden". Federal Bureau of Investigation (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  13. "www.washingtonpost.com: E. Africa Bombings Report". www.washingtonpost.com. Consultado o 2022-08-08. 
  14. "Taliban File Update". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2022-08-08. 
  15. "A DAY OF TERROR - THE AFGHANS - Condemning Attacks, Taliban Says bin Laden Not Involved - NYTimes.com". web.archive.org. 2013-11-18. Archived from the original on 18 de novembro de 2013. Consultado o 2022-08-08. 
  16. "National Commission on Terrorist Attacks Upon the United States". govinfo.library.unt.edu. Consultado o 2022-08-08. 
  17. Tyler, Patrick E. (2001-10-05). "A NATION CHALLENGED: EVIDENCE; British Detail bin Laden's Link to U.S. Attacks". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2022-08-08. 
  18. "El fiasco de Tora Bora". El País (en castelán). 2011-05-02. ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-08-09. 
  19. "Timeline: Al-Qaeda tapes". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  20. "Al Jazeera English - Archive - Full transcript of bin Ladin's speech". web.archive.org. 2008-11-16. Archived from the original on 16/11/2008. Consultado o 2022-08-08. 
  21. "Al Qaeda in the Tribal Areas of Pakistan and Beyond - Office of Justice Programs". www.ojp.gov. Consultado o 2022-08-08. 
  22. "Pakistan: "The Taliban's Godfather"?". nsarchive2.gwu.edu. Consultado o 2022-08-08. 
  23. Hashim, Asad. "Pakistan’s Bin Laden dossier". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  24. "How the US tracked couriers to elaborate bin Laden compound". NBC News (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  25. "La CIA frente a Bin Laden: La clave estaba en el mensajero". www.efe.com (en castelán). Consultado o 2022-08-08. 
  26. Memmott, Mark (2011-05-01). "OSAMA BIN LADEN IS DEAD; President Tells Nation 'Justice Has Been Done'". NPR (en inglés). Consultado o 2022-08-08. 
  27. "Osama Bin Laden, al-Qaeda leader, dead - Barack Obama". BBC News (en inglés). 2011-05-02. Consultado o 2022-08-08. 
  28. Woerkom, Barbara Van (2011-05-03). "Timeline: The Raid On Osama Bin Laden's Hideout". NPR (en inglés). Consultado o 2022-08-08.