Ludwig van Beethoven

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Beethoven")
Ludwig van Beethoven
Beethoven.jpg
Retrato de Beethoven en 1820, de Joseph Karl Stieler.
Data de nacemento 16 de decembro de 1770[1]
Lugar de nacemento Bonn Banner of the Holy Roman Emperor (after 1400).svg Sacro Imperio Romano Xermánico
Data de falecemento 26 de marzo de 1827
Lugar de falecemento Viena Flag of the Habsburg Monarchy.svg Imperio austríaco
Instrumento(s) piano
Composicións máis destacadas Foi autor de multitude de obras entre as que destacan as nove sinfonías.

Ludwig van Beethoven foi un célebre compositor alemán, que naceu en Bonn o 16 de decembro de 1770[1] e finou en Viena o 26 de marzo de 1827. O seu legado musical abarca, cronoloxicamente, desde o período clásico ata inicios do romanticismo musical.

Foi autor de multitude de obras entre as que destacan as nove sinfonías.

De neno medrou á sombra de Mozart, e o seu pai, músico tamén, foi quen puxo o empeño en que fose mellor ca Mozart.

A máis coñecida das súas sinfonías é a novena, tamén chamada Coral e que finaliza co coro do Himno á alegría, inspirado no escritor alemán Schiller. Hoxe utilízase como himno da Unión Europea. A Novena Sinfonía foi estreada o 7 de maio de 1824, no teatro Kaerntnerthor, de Viena

As outras obras súas máis famosas son: Para Elisa, exquisita composición breve para piano orixinalmente titulada Para Teresa mais trocada nun erro de transcrición debido á súa mala caligrafía; A Terceira Sinfonía, dedicada inicialmente a Napoleón Bonaparte, ata que rachou a súa dedicatoria cando este se coroou Emperador, e A Quinta Sinfonía, cos tres acordes máis famosos da historia.

Índice

[editar] Biografía

[editar] Primeiros anos

Beethoven foi o neto dun músico de orixe flamenca chamado Lodewijk van Beethoven (1712–73) (Ludwig é o equivalente alemán do neerlandés Lodewijk) que foi contratado como voz baixo na corte do arcebispo de Colonia, e ascendeu ata converterse en kapellmeister (diretor musical). Lodewijk tivo un fillo, Johann van Beethoven (1740–1792), que traballou como tenor no mesmo conxunto musical, e tamén dando clases de piano e violín. Johann casou con Maria Magdalena Keverich en 1767; ela era a filla de Johann Heinrich Keverich, que fora xefe de cociña do arcebispado de Trier.

Beethoven naceu deste matrimonio en Bonn. Non hai rexistros auténticos da nata do seu nacemento; porén, o rexistro do seu bautismo, nunha igrexa católica da parroquia de St. Regius o 17 de decembro de 1770, sobrevive. Nesa época era tradicional bautizar aos nenos o día despois do seu nacemento nesa zona, e sábese que a familia de Beethoven e o seu mestre Johann Albrechtsberger celebraban o seu aniversario o 16 de decembro, e a meirande parte dos estudosos aceptan esa data como a do seu nacemento. Dos sete fillos de Johann van Beethoven, só Ludwig, o segundo, e dous irmáns pequenos sobreviviron á infancia. Caspar Anton Carl naceu o 8 de abril de 1774, e Nikolaus Johann, o máis novo, naceu o 2 de outubro de 1776.

O primeiro profesor de música de Beethoven foi seu pai. Aínda que a tradición di que Johann van Beethoven era un instructor duro, o Grove Dictionary of Music and Musicians alega que non hai documentación sólida que apoie este feito. Beethoven tivo outros mestres locais: o organista da corte Gilles van den Eeden (morto en 1782), Tobias Friedrich Pfeiffer (un amigo da familia que ensinou piano a Beethoven), e Franz Rovantini (un parente, que o instruíu no violín e na viola). O talento musical de Beethoven era xa obvio nos seus primeiros anos. Johann, consciente dos éxitos de Leopold Mozart nesa área (co seu fillo Wolfgang e a súa filla Nannerl), intentou explotar ao seu fillo como un neno prodixio, dicindo que Beethoven tiña seis anos (realmente tiña sete) nos carteis da primeira execución pública do neno en marzo de 1778.

Pouco tempo despois de 1779, Beethoven comezou os seus estudios co seu mestre máis importante en Bonn, Christian Gottlob Neefe, que foi designado organista da corte ese ano. Neefe ensinou a Beethoven composición, e cara marzo de 1783 axudouno a compoñer a súa primeira composición publicada: unha serie de variacións para teclados (WoO 63). Beethoven pronto comezou a traballar como organista axudante con Neefe, inicialmente sen cobrar, e finalmente como empregado pagado para a capela da corte dirixida polo Kapellmeister Andrea Luchesi. As súas tres primerias sonatas para piano, chamadas "Kurfürst" ("Elector") ao estar dedicadas ao Elector Maximilian Frederick (1708–1784), publicáronse en 1783. Maximilian Frederick decatouse do talento de Beethoven, e subvencionou os estudos musicais do adolescente.

O sucesor de Maximilian Frederick como Elector de Bonn foi Maximilian Franz, o fillo máis novo da emperatriz María Tareixa I de Austria, e trouxo cambios notables á cidade. Facéndose eco dos cambios feitos en Viena polo seu irmán Joseph, introducíu reformas baseadas na filosofía da Ilustración, incrementando o apoio á educación e ás artes. O adolescente Beethoven case seguro foi influenciado por eses cambios. Tamén puido verse influenciado nese tempo polas ideas máis importantes da masonaría, xa que Neefe e outros achegados eran membros da loxia local da Orde dos Illuminati.

En marzo de 1787 Beethoven viaxou a Viena (posiblemente con todos os gastos pagos) por vez primeira, aparentemente coa esperanza de estudar con Mozart. Os detalles da súa relación son incertos, incluído se realmente se coñeceron ou non. Despois de dúas semanas Beethoven enterouse de que a súa nai estaba gravemente enferma e regresou a casa. Súa nai morreu pouco tempo despois, e o pai caeu profundamente no alcolismo. Debido a ese feito, Beethoven pasou a ser o responsable do coidado dos seus irmáns menores, e pasou os seguintes cinco anos en Bonn.

[editar] Notas

  1. 1,0 1,1 Beethoven foi bautizado o 17 de decembro, normalmente atribúese a súa data de nacemento un día antes, o 16, pero este dato non é seguro con certeza.

[editar] Véxase tamén

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de:
Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre:

[editar] Outros artigos

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas