Baviera - Bayern
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
| Estado Libre de Baviera Freistaat Bayern Freistoot Boarn |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Baviera (en alemán Bayern e en bávaro Baian) ou, na súa designación oficial, Estado Libre da Baviera (Freistaat Bayern), é o máis grande en superficie dos 16 estados federais (Länder) da Alemaña. Localizado no extremo sueste do país, ten unha área de 70.553 km² e 12 millóns de habitantes que cultiban as tradicións como en ningunha outra parte da Alemaña; a súa capital é Múnic.
Até a década de 1950 predominaba en Baviera a agricultura como principal fonte económica. Aínda hoxe, a rexión pre-alpina e outras partes do territorio bávaro dependen da agricultura e da silvicultura. A partir de mediados do século pasado, transformouse nun moderno estado industrial e de prestación de servizos. Baviera converteuse, asemade, no centro número un da tecnoloxía avanzada na Alemaña. Cómpre salientar a tecnoloxía da información e comunicación, biotecnoloxía, tecnoloxía xenética e técnica medicinal. Por outra banda, o estado debe o seu grande atractivo turístico á rica herdanza histórico-cultural, así como á beleza das paisaxes. Por exemplo, a beleza dos Alpes, co pico máis alto da Alemaña -o Zugspitze (2.962 metros)-, a rexión pre-alpina ten grandes lagos como o Chiemsee e o Königssee, o Parque Nacional da Foresta Bávara (Bayerischer Wald), os bosques Fränkische Alb, Fichtelgebirge Steigerwald, etc.
Existen gran cantidade de parques urbanos –como o de Schönbusch en Aschaffenburg, o Hofgarten en Ansbach ou o Xardín Inglés (Englischer Garten) en Múnic- amais de castelos e pazos. Cómpre salientar os erixidos na época de Ludwig II: Lindenhof, Neuschwanstein e Herrenschiemsee.
O traxe típico, o Jäger, na actualidade vístese durante a celebración de festividades populares, como a anual festa da cervexa, a Oktoberfest, en Múnic, que goza de sona internacional, e que é elaborada segundo a Lei da pureza de 1516. O lúpulo co que se produce é cultivado no propio estado.
A capital, Múnic, un centro significativo da ciencia e da investigación, conta cunha das meirandes biblotecas de europa, a Biblioteca Estatal Bávara, con máis de 6 millóns de volumes. Así mesmo localizánse na capital bávara o Instituto Max Planck de Física do Plasma, o Deutsches Museum, a maior colección mundial da historia das ciencias naturais e da técnica, alén de numerosas edificacións históricas e museos de arte.
Índice |
[editar] Xeografía
A Baviera partilla fronteira coa Austria (Estados da Alta Austria, Salzburgo, Tirol e Vorarlberg) no sueste, coa Chequia ao oeste e o Lago de Constanza a suroeste. No cadro da Alemaña, rodéana os estados de Baden-Württemberg (ao oeste), Hessen (ao noroeste), Turinxia (ao norte), e Saxonia (ao nordés).
Atravésaa o Danubio (Donau en alemán) e mailo Main.
As outras grandes cidades bávaras son: Nuremberg (491 mil habitantes), Augsburg (258 mil habitantes), Würzburg (130 mil habitantes), Regensburg (127 mil habitantes), Ingolstadt (117 mil habitantes), Fürth (111 mil habitantes) e Erlangen (102 mil habitantes), ou Bayreuth.
[editar] Administración política
A Baviera dispón actualmente dun parlamento unicameral (der Landtag), elixido por sufraxio universal. Ata decembro de 1999, existía tamén un senado (der Senat), formado por membros escollidos polos grupos socio-económicos da Baviera; non obstante esta institución foi abolida logo dun referendo que se realizou en 1998.
O goberno bávaro, como os dos demais länder da Alemaña, é liderado por un Ministro-Presidente (Ministerpräsident). Actualmente o Ministro-Presidente da Baviera é Günther Beckstein (elixido polos socialcristiáns da CSU), o cal foi o substituto de Edmund Stoiber, que ocupou o cargo ata que se decidiu retirar. Desde 1962 que a CSU (o partido-irmán da CDU na Baviera) goberna o estado con sucesivas maiorías absolutas.
[editar] División administrativa
A Baviera está dividida en 71 distritos (Kreis no singular, Kreise no plural) e 25 cidades independentes.
Distritos da Baviera:
Cidades independentes (Stadkreise), que non pertencen a ningún distrito:
|
|
Os distritos mencionados arriba agrúpanse en sete gobernos de distrito (Regierungsbecirke):
- Alta Franconia (Oberfranken), capital en Bayreuth;
- Baixa Franconia (Unterfranken), capital en Würzburgo;
- Franconia Central (Mittelfranken), capital en Ansbach;
- Suabia (Schwaben), capital en Augsburgo;
- Alto Palatinado (Oberpfalz), capital en Regensburg;
- Alta Baviera (Oberbayern), capital en Múnic;
- Baixa Baviera (Niederbayern), capital en Landshut.
[editar] Historia
Artigo principal: Historia de Baviera
A familia Wittelsbach gobernou a Baviera ininterrompidamente, desde 1180 ata 1918. En 1806, o duque da Baviera foi feito rei, e en 1815, despois da desagregación do Imperio Napoleónico, o Palatinado do Rhin tornouse parte do Reino da Baviera. Luís II de Baviera (1845 - 1886), que reinou de 1864 ata ao seu suicidio en 1886, é probabelmente o máis coñecido monarca bávaro, responsábel da construción de verdadeiros castelos de contos de fadas, o máis coñecido é Neuschwanstein.
Nos comezos do século XIX e por mor das Guerras Napoleónicas, Baviera uniuse á Confederación do Rin. Baviera foi aliada de Francia neste período e malia ter que ceder as súas posesións máis occidentais do río Rin, Napoleón Bonaparte procuroulle compensacións que acrecentaron considerabelmente o seu territorio. En 1805 créase o reino de Baviera. Tralos desastres militares do emperador francés en 1813, Baviera vira as súas armas contra Francia. Despois da caída do Primeiro Imperio Francés, Baviera uniuse á Confederación Xermánica.
Aínda que favoreceu a creación da Unión Alfandegueira de Alemaña (Zollverein), Baviera resistiu as tentativas doutros estados alemáns para unha unificación nun único Imperio ata 1871, cando tivo que ceder ante Prusia, que resultara triunfante na guerra contra Francia do ano anterior. Así, o Reino de Baviera converteuse nun dos 25 estados do Imperio Alemán. Aínda así a Constitución de 1871 asegúralle en troques maior independencia có resto dos estados constituíntes. A monarquía foi abolida en 1918 tralo final da Primeira Guerra Mundial. Logo da Revolución de Novembro de 1918, Baviera conformará a República Soviética de Baviera, que desaparecerá o 3 de maio de 1919.
Cando os nazis acceden ao Goberno alemán en 1933, constrúen o seu primeiro campo de concentración en Baviera. Ademais, o país perde a súa independencia como estado. E en Múnic xorde o grupo Die Weiße Rose ('A Rosa Branca'), formado por estudantes universitarios e o seu profesor de filosofía, que até 1943 en que son axustizados desenvolveron unha campaña panfletaria contra o nazismo.
Na cidade bávara de Nüremberg tiveron lugar os xuízos de guerra posteriores á II Guerra Mundial.Co final da guerra o movemento nacionalista tentou conseguir o apoio dos EUA para un estado bávaro independente, mais finalmente obtiveron unha autonomía diferenciada coa constitución de Alemaña Occidental que neste "land" foi no único onde non foi aprobada.
[editar] Curiosidades
Bávaros famosos:
- Os pintores Hans Holbein, o Vello, Albrecht Dürer, Lucas Cranach ou Franz Marc;
- Músicos clásicos como Richard Wagner e Richard Strauß;
- Dramaturgos como Bertolt Brecht;
- Científicos como o Premio Nobel Wilhelm Conrad Röntgen;
- Inventores como Levi Straus, que inventou os jeans e fundou a Levis.
- O neurólogo Alois Alzheimer, que descubreo o mal de Alzhéimer.
A BMW (Bayerische Motoren-Werke, ou "Fábrica Bávara de Motores") e a Audi son empresas fundadas na Baviera e que a partir de aí controlan dous grandes emporios do mundo automobilístico.
Todos os anos ten lugar o festival Oktoberfest, a maior festa da cervexa no mundo, celebrada desde 1811 que dura 16 días e comeza máis ou menos na metade de setembro e termina sempre no primeiro domingo de outubro.
[editar] Véxase tamén
- Primeiro ducado de Baviera.
- Ducado de Baviera.
- Cronoloxía de Baviera.
- Alta Baviera.
- Lista dos duques de Baviera.