Bautismo anticipado
O bautismo anticipado, tamén chamado bautismo prenatal ou bautismo no ventre da nai[1] é un rito supersticioso que se practicaba en distintos lugares de Galicia e que consistía en bautiza-lo feto, aínda no ventre da nai xestante, sobre unha ponte con poderes máxicos e ás 12 da noite, co fin de asegura-lo embarazo nas mulleres que sufriran anteriormente algún aborto. Tamén se realizaba no norte de Portugal.
Antonio Reigosa [1] asegura que este costume estaba moi estendido por toda Galicia. E Eliseo Alonso escribía en 1990 que "tal vez por esta creencia [a da súa completa eficacia] o vello rito higromántico aínda se mantén en vixencia".
Índice |
O ritual [editar]
Coas lóxicas variantes locais que cabe esperar neste tipo de rituais populares, o bautismo prenatal comezaba coa chegada da nai á ponte pouco antes da medianoite, acompañada de, como mínimo, dúas persoas (o seu home –que non era realmente necesario-, familiares, amigos). A comitiva levaba consigo todo tipo de comidas e bebida, como se foran celebrar un bautizo normal. Tamén tiñan que levar un cubo e unha corda tan longa como a altura da ponte no seu punto medio.
A muller colocábase no centro da ponte, esperando, e os acompañantes nas dúas entradas á ponte. Estes debían impedir que ninguén, persoa ou animal, cruzase a ponte ata as doce en punto.
Chegada a hora, convidaban ó primeiro home ou muller que se achegara a se-lo padriño ou madriña neste particular bautizo: "¡Home / muller de boa ventura, bautízame esta criatura!". Fraguas recolleu unha variante na que se lle pedía "enxéndrame esta criatura", entendendo aquí por enxendrar a rexeneración por medio da auga bautismal.
A invitación debía ser voluntaria, sen forzar nin obrigar a ninguén, pero se non aceptaba, non se lle permitía o paso. Cando un viandante aceptaba o encargo, o cal era o habitual por ser tido como unha obra de caridade, achegábase el só ata a muller, ó medio da ponte, e co cubo que esta lle entregaba, collía un pouco de auga do río. Logo verquía a auga sobre o ventre da muller, directamente ou, ás veces, cun hisopo feito dunha póla de oliveira, á vez que recitaba as mesmas palabras que pronunciaría o crego nun bautizo normal: "No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo", pero coidando de non rematar, nin el nin ninguén, coa palabra "Amén" pois, se o fixera, o neno non nacería.
Eliseo Alonso recolle unha fórmula máis completa:
- Eu bautízote coa auga do Xordán como o señor San Xoán bautizou ó señor Xesucristo.
- Se meniña has nacer, o nome da Virxe has ter.
- Se de varón tiveres condición, tera-lo nome de San Amaro glorioso que se senta á mesa de Deus o Noso Señor Todopoderoso.
Rematado o bautizo, deixábase libre o paso pola ponte e comezaba a celebración e a festa, agrupándose todos nunha das entradas da ponte ou na beira do río a comer todo o que levaran disposto (noutros casos, a comida celébrase na casa da futura nai). Por fin, cando xa non poidan comer nin beber máis, regresaban ó medio da ponte e guindaban ó río todo o sobrante, incluído o mantel, vasos e cubertos, a modo de pago ós poderes máxicos do río por asegura-lo feliz nacemento do meniño. Luís Bouza-Brey, que recolleu esta tradición na Ponte dos Padriños, entre Cambados e Ribadumia, engade que isto de bota-lo sobrante ó río había que facelo de costas e por riba do ombreiro, fórmula eficaz para romper calquera maleficio [2].
Cando, por fin, chegaba o momento do nacemento repetíase a cerimonia do bautismo, pero desta volta xa na igrexa e co cura, asistindo como padriño ou madriña a persoa que realizou o bautismo na ponte. Usualmente, o meniño recibía o nome deste padriño.
As pontes [editar]
Esta práctica supersticiosa realizábase sobre determinadas pontes que tivesen certas características. Tiñan que ser vellas, preferiblemente construídas polos romanos ou polos mouros [3]. Outra característica da ponte para ser eficaz era que posuíra unha cruz ou cruceiro no centro ou estar ó pé dunha capela, aínda que o certo é que moitas pontes nas que se realizaba este bautismo non a cumpren.
Diferentes etnógrafos recolleron a práctica do bautismo no ventre da nai nas seguintes pontes:
- Ponte das Partidas, en Moreira, Ponteareas.
- Ponte da Cernadela, Riofrío, Mondariz, sobre o Tea.
- Ponte vella de Andón, Aciveiro, Forcarei.
- Ponte de Pedre, Cerdedo
- Ponte do Tamuxe, en Tabagón, no Rosal.
- Ponte da Ramallosa, na Ramallosa, sobre o Miñor.
- Ponte da Fillaboa, en Salvaterra de Miño, sobre o Tea.
- Varias pontes sobre o Caselas, en Salceda.
- Ponte de Mourentán, en Arbo, sobre o Deva.
- Ponte de Ponte Sampaio, en Pontevedra, sobre o Verdugo.
- Ponte dos Padriños (ou de Ponte Arnelas), sobre o Umia, que une as parroquias de Leiro (Ribadumia) e Baión (Vilanova de Arousa).
- Ponte romana de Ourense, sobre o Miño.
- Ponte do Porco, sobre o Lambre, entre Miño e Paderne.
O mesmo ritual, e coa mesma intención protectora do embarazo, tense recollido tamén en certas encrucilladas, como por exemplo no Alto do Caño, en Bornalle, Abelleira, Muros [2].
Risco tamén cita, sen especificar onde, a práctica destes bautismos á beira do río, debaixo dunha ponte.
Notas [editar]
- ↑ Taboada Chivite dá unha denominación máis técnica: bautismo intrauterino"
- ↑ Sobre o bautismo que se facía nesta ponte poden engadirse máis detalles: que o padriño só podía ser un home; se o primeiro home que chegara á ponte era un crego, había que suspende-la cerimonia e repetir todo outra noite; que a auga para o bautizo tiña que ser recollida persoalmente polo padriño; que o nome que lle daba ó futuro rapaz era sempre o de Alberte, aínda que, de ser niña, podía cambiarse a Alberta. O padriño no bautizo real, unha vez nacida a criatura, debía se-lo mesmo que actuou na ponte e, se estivese enfermo ou impedido, debíase esperar a que se recuperase; no caso de que morrese, podía ser substituído por outro home sempre que tamén estivese presente naquel acto (La Voz de Galicia, 8.08.1990).
- ↑ Na mitoloxía galega, os mouros representaron sempre épocas antiquísimas e posuían poderes máxicos e sobrenaturais. Dunha das pontes nas que se realizaban estes bautismos, a Ponte das Partidas, en Moreira, Ponteareas, sobre o río Tea, cóntase que foi levantada polos mouros nunha soa noite. Tan habitual parecía ser este uso bautismal que se lle coñecía popularmente como Ponte das Paridas.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- ALONSO, Eliseo: “Os bautismos da media noite”, en La Voz de Galicia, 20.12.1990.
- FRAGUAS FRAGUAS, Antón (1990): La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Ediciós do Castro, Sada (2ª ed.), 25-27.
- MANRIQUE FERNÁNDEZ. (2002): Ponteareas máxica. Mitos, ritos e lendas. Asociación de Comerciantes de Ponteareas (Pontevedra).
- RISCO, Vicente (1962): "Etnografía: cultura espiritual", en OTERO PEDRAYO, Ramón (1962): Historia de Galiza. Ed. Nós, Bos Aires. Tomo I, 489-490.
- VILA, X.L.: "A Ponte dos Padriños, testigo mudo del nacimiento de los 'Albertos' de O Salnés", en La Voz de Galicia, 8.08.1990.