Bathysolea profundicola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Bathysolea profuncicola
Linguado de fondo,
linguado de fondura
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Soleidae
Xénero: Bathysolea
Especie: B. profuncicola
Nome binomial
Bathysolea profuncicola
Vaillant, 1888 [1]

Bathysolea profuncicola é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos.[1][2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1888 polo zoólogo francés Léon Vaillant, co nome de Solea profundicola.[1]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ao longo do tempo esta especie foi coñecida, ademais de polo nome orixinario arriba mencionado, polos sinónimos:[1]

  • Bathysolea longisquamis (Chabanaud, 1950)
  • Capartella longisquamis Chabanaud, 1950
  • Microchirus profundiculus (Vaillant, 1888)
  • Solea greenii Günther, 1889

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Nome xenérico

O nome Bathysolea vén da forma do latín científico bathy-, que deriva do grego antigo βαθύς bathýs, "profundo", e o latín científico solea, que era o nome que lle daban os romanos a unha certa especie de linguado, debido ao seu aspecto que recordaba a sola dunha sandalia (en latín clásico, solea, -ae). Literalmente: "linguado das profundidades".

Nome específico

O termo profundicola é un adxectivo do latín científico composto polos elementos profundi-, derivado de profundus, -a, -um, "profundo", e -´cola, derivado do verbo colĕre, "habitar". Literalmente, "que vive nas profundidades", o que indica, redundantemente (o que non é raro nos nomes científicos), que esta especie vive sobre fondos de gran profundidade.

Características[editar | editar a fonte]

As principais características este peixe son:[3]

  • Corpo ovalado, pouco alongado, co fociño non prominente, de até os 21 cm de lonxitude como máximo.
  • Ollos máis ben grandes, co superior algo adiantado en relación ao inferior.
  • Dentes pequenos.
  • A aleta dorsal comeza á altura do ollo superior e remata, como a anal, na orixe da aleta caudal.
  • As aletas pectorais son pequenas e extraordinariamente estreitas.
  • As aletas pelvainas están pouco desenvolvidas.
  • A aleta caudal é arredondada.
  • A liña lateral coa rama supratemporal dirixida primeiro cara a arriba e cara a atrás, e despois cara a adiante, formando un "S".
  • As escamas son pequenas, e do mesmo tamaño en todo o corpo.
  • A coloración é apardazada escura no lado pigmentado, e amarela apardazada uniforme, moi clara, no lado cego.[4]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat

Vive en fondos lameiros da plataforma continental, a profundidades de entre os 200 e os 1.300 m.[3][4]

Distribución xeográfica

Distribúese polo Atántico oriental, desde Irlanda até Angola, incluíndo as illas Canarias, e polo Mediterráneo.[4]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición

Aliméntase sobre todo de vermes poliquetos, e tamén dalgúns crustáceos afípodos.[3][4]

Reprodución

Reprodúcese durante o inverno, até o comezo da primavera.[3]

En Galicia[editar | editar a fonte]

A presenza desta especie está citada en augas de Galicia por A. Fernández et al. en 1978 (en: "La pesqueía demersal gallega. Estrategias de pesca para su regulación racional en base a la merluza", Bol. Inst. Esp. Ocean. IV (249): 67-110) e por F. Sánchez e F. J. Pereiro, en 1992 (en "Resultados de la campaña arrastre demersal "Carioca 90" en aguas del Cantábrico y Galicia", en: Inf. Téc. Ins. Esp. Oceanorgr., 127).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Desoutter, M. & F. Chapleau (1997): "Taxonomic status of Bathysolea profundicola and B. polli (Soleidae; Pleuronectiformes) with notes on the genus". Ichthyol. 44 (4): 399-412.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]