Batalla de Simancas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Simancas
Parte de Reconquista
Data 939
Lugar Simancas
Coordenadas 41º36'N 4º49'O
Resultado Vitoria cristiá
Belixerantes
Reino de León
Reino de Pamplona
Califato de Córdoba
Líderes
Ramiro II de León
García Sánchez I
Fernán González
Ansur Fernández
Abderramán III
Forzas en combate
Indeterminados 100.000
Baixas
Indeterminadas Indeterminadas

A batalla de Simancas foi un enfrontamento bélico entre as tropas dunha coalición cristiá encabezada polo rei de León, Ramiro II, e os musulmáns asentados en Córdoba do califa Abd al-Rahman III, producida onda os muros da cidade de Simancas, na que, en parte, se afianzou o dominio sobre as terras do río Douro polos reinos cristiáns do norte, no ano 939.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

No ano 937, o rei Ramiro II de León actuou en apoio de Muhammad ibn Hashim, gobernador de Zaragoza (tamén coñecido por Abu Yahya ou Abohaia), acusado polo califa de traidor e culpable principal do desastre de Osma, ocorrido 3 anos antes. O cronista Sampiro relata así os feitos:

Ramiro reunindo ao seu exército dirixiuse a Zaragoza. Entón o rei dos sarracenos, Aboyaia, someteuse ao gran rei Ramiro e puxo toda a súa terra baixo a soberanía do noso rei. Enganando a Abdarrahmán, o seu soberano, entregouse con todos os seus dominios ao rei católico. E o noso rei, como era forte e poderoso, someteu os castelos de Aboyaia, que se lle sublevaran, e entregóullelos en regresando a León con gran triunfo.

Sampiro omite que o monarca leonés deixou guarnicións navarras nestes castelos, pois Ramiro contou co concurso e alianza do rei de Pamplona.

Despois da perda da estratéxica Zaragoza, a resposta de Abderramán III foi enerxética. Tras cercar e conquistar Calatayud, Abderramán conquistou un tras un todos os castelos da zona. Ao chegar ás portas de Zaragoza, Abu Yahya capitulou, acción que o califa aproveitou para empregalo nunha ofensiva contra Navarra que concluíu na capitulación da raíña Toda, que se declarou vasala do califa.

Ramiro II de León.

O califa omeia concibiu entón acabar dunha vez por todas co reino leonés, o que denominou gazat al-kudra, Campaña do Supremo Poder ou da Omnipotencia. O omeia reuniu un grande exército alentado pola chamada á xihad. Desde a súa saída de Córdoba dispúxose que todos os días se entoase na mesquita maior a oración da campaña, non con sentido deprecatorio, senón como anticipado agradecemento do que non podía ser menos que un éxito incontrovertible.

O califa formou, coa axuda do gobernador musulmán de Zaragoza (Abu Yahya), un exército de case 100.000 homes, formado por mercenarios andalusís, militares profesionais, tribos bérberes, soldados das provincias militarizadas (yunds), continxentes das Marcas e un bo número de voluntarios. Ben armada e abastecida, esta heteroxénea masa de combatentes emprendeu a marcha a finais de xuño de 939. Deixando atrás Toledo, o exército atravesou o Sistema Central por Guadarrama (porto de Tablada), internándose a continuación na "Terra de ninguén" situada ao sur do Douro. Despois de saquear e destruír os lugares que encontraron no seu camiño (Olmedo, Íscar, Alcazarén), os continxentes califais acampan cerca de Cega e instálanse no Castelo de Portillo a principios de agosto.

Entre tanto, o rei leonés Ramiro II logrou reunir ao seu lado, ademais de ás súas propias tropas, ás dos condes casteláns Fernán González e Ansur Fernández, ás do reino de Pamplona de García Sánchez I, así como a tropas galegas e asturianas.

Batalla[editar | editar a fonte]

Ponte medieval sobre o río Pisuerga en Simancas.

A batalla, que tivo lugar na marxe dereita do río Pisuerga, ao nordeste de Simancas, foi moi violenta e prolongouse durante varios días. As crónicas cristiás contan que se apareceu San Millán. E ademais, segundo contan as crónicas, tanto árabes como cristiás, houbo unha eclipse de sol uns días antes da batalla:

Encontrándose o exército cerca de Simancas, houbo unha espantosa eclipse de sol, que no medio do día cubriu a terra dun amarelo escuro e encheu de terror aos nosos e aos infieis, que tampouco viran na súa vida cousa semellante. Dous días pasaron sen que nin uns nin outros fixeran movemento ningún.
Kitab ar-Rawd
O sol padeceu terrible eclipse, no día no que en España Abderramen rei dos sarracenos, foi vencido nunha batalla polo cristianísimo rei D. Ramiro.
Manuel Bachiller "Antigüedades de Simancas"

Sábese que a eclipse previa aos días da batalla sucedeu o 19 de xullo de 939. Despois dalgunhas xornadas, a batalla decidiuse do lado dos cristiáns, que fixeron fuxir ás tropas musulmás que non deron tomado a fortaleza de Simancas. Abu Yahya foi apresado ao final da batalla.

Despois disto tornou o rei D. Ramiro cos seus con grandes ganancias de ouro, e de prata, e pedras preciosas e con moitos cativos, e entre eles chegou Abenaya, que fora preso polo conde no de Haza.
Manuel Bachiller "Antigüedades de Simancas"

Despois da batalla de Simancas aconteceu outro desastre para os musulmáns en terras sorianas, no que se denomina a xornada da Alfándega ou do Barranco. Os musulmáns, que na súa retirada de Simancas arrasaran a zona do río Aza (actual río Riaza) no seu camiño cara Atienza, en dita xornada sufriron unha emboscada nun barranco, onde foron derrotados e postos en fuga, conseguindo os cristiáns un gran botín.

...e na retirada o inimigo empuxounos cara un profundo cavorco, que deu nome ao encontro (Alfándega), do que non puideron escapar, despenándose moitos e pisándose de puro facinamento: o califa, que se viu forzado a entrar alí con eles, conseguiu pasar cos seus soldados, abandonando o seu real e o seu contido, do que se apoderou o inimigo...
Al-Muqtabis

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Como consecuencia da batalla, a liña de repoboación do reino de León avanzou até o río Tormes, pasando o límite do río Douro. Non obstante, aínda que Abd al-Rahman III non volveu a dirixir persoalmente os seus exércitos en combate, estes seguiron facendo incursións dentro dos límites cristiáns.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chalmeta Gendrón, Pedro (1976). Simancas y Alhándega (revista Hispania, págs. 359-446). ISSN 0018-2141. 
  • Ibn Hayyân. Muqtabis V, Crónica del Califa Abderrahmân III an-Nâsir entre los años 912 y 942, ed. y trad. de Mª Jesús Viguera y Federico Corriente. Anubar, Zaragoza, 1981. ISBN 84-7013-185-0
  • Martínez Díez, Gonzalo (2004). El Condado de Castilla. Valladolid: Junta de Castilla y León. ISBN 84-8718-275-8. 
  • Pérez de Urbel, Justo (1974). El Condado de Castilla. Los 300 años en que se hizo Castilla. Madrid: Fomento Editorial, S.A. ISBN 84-7301-005-1. 
  • Rodríguez Fernández, Justiniano (1998). Ramiro II, rey de León. Burgos: La Olmeda. ISBN 84-89915-01-6. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]