Batalla de Pavía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Pavía
Parte de Guerra Italiana de 1521
Juan de la Corte Prendimiento Rey Francia.jpg
Na batalla de Pavía, os exércitos do emperador Carlos V venceron os de Francisco I de Francia.
Data 24 de febreiro de 1525
Lugar Pavía, Italia
Resultado Victoria decisiva dos exércitos de Carlos V.

Francisco I cae prisionero

Belixerantes
Flag of France (XIV-XVI).svg Reino de Francia Charles V Arms-personal.svg Imperio de Carlos V
Líderes
Flag of France (XIV-XVI).svg Francisco I de Francia Charles V Arms-personal.svg Carlos de Lannoy
Charles V Arms-personal.svg Antonio de Leyva
Forzas en combate
17.000 infantería
6.500 cabalería
53 canóns
17.000 infantería
2.000 cabalería
46 canóns
Baixas
15.000 mortos ou feridos 500 mortos ou feridos

A batalla de Pavía, que tivo lugar durante a xornada do 24 de febreiro de 1525, foi a batalla decisiva na guerra entre Francisco I de Francia e o emperador Carlos V e significou a derrota dos franceses no seu intento de dominar o norte de Italia.

Contexto[editar | editar a fonte]

No primeiro terzo do século XVI, Francia víase rodeada polas posesións de Carlos V. Isto, unido á obtención do título de Emperador do Sacro Imperio por parte do borgoñón (1519), puxo o goberno francés contra as cordas. Francisco I de Francia, que tamén optara ó título, vía a posibilidade dunha compensación anexionando un territorio en litixio: o ducado de Milán, máis coñecido por Milanesado. A partir de aí, desenvolveríase unha serie de contendas do 1521 ó 1524 entre a coroa imperial hispano-xermana do Borgoñón-Austria e maila coroa francesa de Valois-Angulema, cuxas rivalidades se perden na noite dos tempos.

Inicio dos enfrontamentos[editar | editar a fonte]

Avance galo na Lombardía e a campaña de Pavía de 1524-25. Os movementos franceses móstranse en azul e os imperiais en vermello

A primeira batalla tivo lugar en Bicoca (preto de Monza). A vitoria esmagadora dos terzos españois fixo que no castelán a palabra bicoca pasase a ser sinónimo de "cousa fácil ou barata".

Na segunda batalla, un exército francés de 40.000 homes penetrou no Milanesado, pero foi igualmente rexeitado.

O 25 de outubro do 1524, o propio rei Francisco cruzou os Alpes e a comezos de novembro entraba na cidade de Milán. As tropas españolas refuxiáronse na súa maioría en Lodi, quedando guarnicións espalladas en prazas fortes. Nunha desas prazas fortes, chamada Pavía o xeneral Antonio de Leiva fíxose forte con dous mil españois e cinco mil lansquenetes alemáns. Axiña comezou o asedio francés.

O sitio de Pavía[editar | editar a fonte]

A Batalla de Pavía por un descoñecido pintor flamengo no século XVI

Sorprendentemente a cada arremetida a guarnición facíase máis forte. Os franceses decidiron pór sitio á cidade. Pero Antonio de Leiva, veterano da guerra das Alpuxarras, soubo como organizar os escasos recursos para que os muros da cidade permanecesen en pé. Mentres tanto, outras guarnicións españolas vían que o inimigo reducía o seu número para mandalo a Pavía.

Mentres os franceses agardaban a capitulación de Leiva, recibiron noticias dun exército que baixaba dende Alemaña para apoiar a praza sitiada: máis de quince mil lansquenetes alemáns e austríacos tiñan ordes do Emperador de poñer fin ó sitio e expulsar os franceses do Milanesado.

Francisco I decidiu dividir as súas tropas. Así ordenou que parte delas se dirixisen a Xénova e Nápoles e tentaran de se facer fortes naquelas cidades.

Mentres, en Pavía, os mercenarios alemáns e suízos comezaban a sentirse molestos porque xa escaseaban as pagas. Os xenerais españois empeñaron as súas fortunas persoais para pagarlles. Para axudar a causa e vendo a situación apurada dos seus oficiais, os dous mil arcabuceiros españois decidiron que seguirían defendendo Pavía sen cobrar.

A mediados de xaneiro, chegaron os reforzos baixo o mando do marqués de Pescara, Lannoy e o condestable de Borbón. Os canóns comezaron a cuspir lume o solpor do 24 de febreiro do 1525. Os franceses decidiron resgardarse e agardar, sabían que a situación económica dos imperiais non era moi puxante, e que pronto os sitiados comezarían a pasar fame. E así foi, pero no canto de marcharse de alí, as tropas decidiron que a comida máis preta sería a do campamento francés.

Así, comezaron os chamados encamisados abrindo fendas nas posicións francesas. Detrás, formacións de piqueiros franqueados pola cabalería. Os terzos formaban de xeito compacto, con longas picas protexendo os arcabuceiros. A cabalería francesa caía ó chan antes de chegar a tomar contacto coa infantería.

Os franceses conseguiron incautar a artillería española, pero a costa da súa retagarda. Nunha arriscada decisión, Francisco ordenou un ataque total da súa cabalería. Segundo avanzaba a propia artillería francesa (superior á española), tiña que cesar o fogo para non lles disparar ós seus homes. Os arcabuceiros do marqués de Pescara deron boa conta dos cabaleiros franceses.

A vitoria de Carlos V[editar | editar a fonte]

E nese momento, Leiva sacou os seus homes da cidade para apoiar os seus. Comezaron por arrodear a retagarda francesa e cortarlles a retirada. Aínda que esgotados e famentos, constituían unha moi respectable forza de combate. Bonnivet, principal conselleiro militar de Francisco, suicidouse. Os cadáveres franceses comezaban a amontoarse uns por riba doutros. Os máis, vendo a derrota, tentaban escapar.

O rei de Francia e a súa escolta combatía xa de pé, intentando abrirse paso. De súpeto, Francisco cae, e ó erguerse, atópase cun estoque español no seu pescozo. Un soldado de infantería, o vasco Juan de Urbieta, facíao preso. Diego Dávila, granadino, e Afonso Pita, galego, xuntáronse co seu compañeiro de armas. Non sabían a quen acababan de facer preso, pero polas vestimentas supuxeron que se trataría dun gran señor. Informaron ós seus superiores. Aquel preso era o rei de Francia.

A situación tras a batalla[editar | editar a fonte]

Francisco I foi levado a Castela (era o cuñado de Carlos I), e no 1526, asina o Tratado de Madrid. Francia recoñecía as aspiracións imperiais nos territorios milaneses e borgoñóns.

Conta a lenda que nas negociacións de paz e de liberación de Francisco I, o emperador estaba tan anoxado que renunciou a usar a súa lingua nai (francés borgoñón) e a lingua habitual da diplomacia (italiano) para falar por primeira vez de xeito oficial en castelán.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]