Batalla de Heiligerlee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación pictórica da batalla de Heiligerlee feita por Frans Hogenberg (1536-1590).

A batalla de Heiligerlee tivo lugar o 23 de maio de 1568 na provincia de Groningen, nos Países Baixos. É a primeira batalla oficial da Guerra dos oitenta anos entre a monarquía española da Casa de Austria e as Provincias Unidas. En abril do mesmo ano xa se produciran enfrontamentos entre os dous contendentes en Rheindalen.

Campaña[editar | editar a fonte]

Á fronte dun exército duns catro mil homes, Luís de Nassau e Adolf de Nassau irmáns de Guillerme de Orange (o líder da rebelión das Provincias Unidas), invaden a provincia de Groningen defendida polo estatúder Johan de Ligne cun exército de pouco máis de 3 000 homes, que rexeita presentar batalla á espera de reforzos.

A batalla[editar | editar a fonte]

O 23 de maio a cabalaría comandada por Adolf consegue atraer a unha emboscada ao exército de A Coroa preto do monasteiro de Heiligerlee. A emboscada dá resultado e as forzas da coroa perden máis da metade dos seus homes por só cincuenta das Provincias Unidas, entre as que se inclúe o propio Adolf de Nassau.

Resultado[editar | editar a fonte]

Trala batalla, Louis de Nassau non foi capaz de tomar a cidade de Groningen e dous meses máis tarde o seu exército, reforzado ata alcanzar os dez mil homes, foi destruído polo exército capitaneado por Fernando Álvarez de Toledo, terceiro duque de Alba, na batalla de Jemmingen.

Para rematar, a batalla tivo o inesperado resultado de sellar o destino do terzo de Sardeña, que o duque de Alba consideraba culpable da batalla que, durante moitos anos foi a única vitoria en campo aberto dun exército holandés.

Cando trala batalla de Jemmingen e ao pasar o terzo polo lugar onde fora vencido incendiou o lugar, o duque decidiu disolver o terzo e repartir aos seus compoñentes entre outras unidades.