Batalla das fronteiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla das fronteiras
Conflito: Primeira Guerra Mundial
Data: Do 14 ao 24 de agosto de 1914
Lugar: Lorena, rexión das Ardenas e sur de Bélxica
Resultado: Vitoria xermana.
Combatentes
Flag of the United Kingdom.svgImperio Británico
Flag of France.svg Francia
Flag of Belgium.svg Bélxica
Flag of the German Empire.svgImperio Alemán
Comandantes
Flag of the United Kingdom.svg Sir John French
Flag of France.svg Joseph Joffre
Flag of the German Empire.svg Helmuth von Moltke
Forzas
Francia: 1.250.000 homes
Reino Unido: 70.000 homes
1.300.000 homes
Baixas
Francia: 260.000 baixas
Reino Unido: 4.200 baixas
165.000
Batalla das fronteiras (14-24 de agosto de 1914) Batalla de MulhouseBatalla de HaelenBatalla de LorenaBatalla das ArdenasBatalla de CharleroiBatalla de Mons

A batalla das fronteiras foi unha batalla da Primeira Guerra Mundial na que o exército francés atacou ao sur de Bélxica ás tropas alemanas ao inicio do conflito en 1914. Foi o enfrontamento directo entre as dúas estratexias deseñadas por ambos bandos antes da guerra: o plan Schlieffen alemán e o plan XVII francés. Participaron ademais as tropas pertencentes ao corpo expedicionario británico.

Preludio[editar | editar a fonte]

O obxectivo do plan XVII francés era capturar as rexións de Alsacia e Lorena, perdidas ambas na guerra franco-prusiana de 1878. Posteriormente, o exército galo avanzaría cara o interior de Alemaña a través das Ardenas. O plan Schlieffen alemán pretendía atacar Francia atravesando Bélxica con tres corpos de exército: A, B e C. Deste xeito, segundo o alto mando xermano, as forzas principais francesas quedarían atrapadas e os alemáns ocuparían París. Despois da vitoria en Francia, o exército alemán viraría cara ao leste para atacar o Imperio Ruso. Non obstante, os planos alemáns supuñan que Gran Bretaña sería neutral na confrontación. De todos os xeitos, se intervisen na guerra, Alemaña cría que a súa infantería sería esnaquizada polas tropas alemanas.

Alsacia e Lorena[editar | editar a fonte]

Cabalería pesada francesa en agosto de 1914

O 7 de agosto de 1914, as tropas francesas atacaron e tentaron invadir ambas rexións. O VII Corpo Francés atacou con dúas divisións de infantería e unha de cabalería. Os primeiros obxectivos eran as cidades de Mulhouse e Colmar. Mulhouse foi ocupada sen resistencia ninguna e foi celebrado pola opinión pública gala. Non obstante, o 9 de agosto, os alemáns contratacaron, forzando a retirada progresiva dos franceses. Joffre enviou unha división de reforzo, pero chegou tarde e non puido despregarse en Mulhouse. Joffe enviou outras catro divisións, que formarían o Exército de Alsacia ao mando do Xeneral Paul Pau.

Máis ao sur, o 14 de agosto iniciouse a Batalla de Lorena cando o I Exército francés de Dubail cara o Sarre mentres o II Exército avanzaba cara Morhange. Cando afondaron, atopáronse co VI e VII Exércitos alemáns, a cargo de Rupprecht de Bavaria. Os exércitos xermanos contaban coa superioridade técnica das ametralladoras, que causaron danos moi graves ao II Exército galo, que índa levaba o vello uniforme do século XIX. Os danos provocaron a retirada cara Francia. Deste xeito, o I Exército deixaba un flanco descuberto e tamén se retiraba. Os alemáns contraatacaron o 20 de agosto e todas as tropas francesas tiveron que abandonar Alemaña, incluíndo o Exército de Alsacia, que recapturara Mulhouse. Cara o 22 de agosto, os franceses volverían ás posicións de antes da guerra.

Ofensiva das Ardenas[editar | editar a fonte]

O avance alemán a través de Bélxica foi máis rápido do agardado e o Xeneral Charles Lanrezac pediu permiso para despregar o V Exército francés no bosque das Ardenas. Joffre permitiulle enviar ao I Corpo a Dinant. Os alemáns atacaron o 15 de agosto Dinant e Joffre permitiu o desprazamento de máis efectivos do V Exército cara estas posicións. Ao mesmo tempo, os alemáns estaban a contraatacar en Lorena e parte das forzas francesas marcharon cara a fronteira co Imperio Alemán.

A batalla das Ardenas comezou o 21 de agosto cun dobre ataque francés. O III Exército atacou Briey e o IV Exército avanzou cara Neufchâteau. O IV e V Exércitos alemáns avanzaron cara as mesmas posicións e colisionaron con franceses, establecendo numerosos combates corpo a corpo.

A superioridade táctica e técnica alemana permitiulles saír vitoriosos do enfrontamento. O exércitos galos tiveron que repregarse desordeadamente cara Sedán, Stenay e Verdún.

Charleroi e Mons[editar | editar a fonte]

Mapa das batallas de Charleroi e Mons, 21-24 agosto.

Para o 20 de agosto, o V Exército francés concentrouse ao longo de 40 quilómetros, co centro en Charleroi e estendéndose cara o leste ata a fortaleza belga de Namur. Á esquerda, despregáronse reforzos do Corpo Expedicionario británico. As forzas francesas ascendían a 15 Divisións, pero varias tiveron que ser desprazadas a Lorena debido ao contraataque alemán de Rupprecht. Pola súa parte, os alemáns reuniran 38 Divisións procedentes do II Exército a cargo do Xeneral Karl von Bülow e do III Exército no suroeste.

A pesar da inferioridade numérica, Joffre, ordenou a Lanrezac atacar aos alemáns. Sen embargo, Büllow anticipouse e atacaou en varios puntos, creando dúas cabezas de ponte que a artillería francesa non puido destruír. O 22 de agosto, tres Corpos do exército de Büllow atacaron a todo o V Exército francés, durando a loita ata o día seguinte. Entón, o III Exército alemán cruzou o río Meuse e atacou frontalmente ás forzas de Lanrezac. O Corpo ao mando do Xeneral Franchet d'Esperey resistiu e contraatacou con éxito. A pesar disto, a retirada do IV Exército nas Ardenas e a caída de Namur, forzou a Lanrezac a retirarse.

O 22 de agosto, o Corpo Expedicionario británico avistou a cabalería do I Exército alemán do Xeneral Alexander von Kluck ao suroeste de Bélxica. O comandante en xefe británico Sir John French ordenou un ataque, subestimando o continxente xermano. Os británicos sumaban uns 70.000 homes, mentres que os alemáns eran uns 160.000. Afortunadamente para eles, o ataque foi abortado e o Corpo Expedicionario despregouse na liña Mons-Condé Canal tomando posicións defensivas.

A batalla de Mons comezou o 23 de agosto cando Von Kluck, co exército de Büllow á esquerda. Von Kluck atacou frontalmente e sufriu grandes perdas contra unhas tropas do Imperio Británico veteranas.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

O plan XVII francés resultou un fracaso xa que as tropas galas non puideron afondar en territorio alemán no inicio, nin puideron expulsar ás tropas imperiais xermanas de Francia e Bélxica. Ademais das perdas territoriais, os exércitos galos perderon un elevado número de homes e material. Non obstante, os alemáns tampouco puideron penetrar tan rápido como pretendía o plan Schlieffen e tamén perderon un considerable número de combatentes e armas. Ademais, o avance ruso no leste foi moito máis veloz do agardado.

Os franceses retiráronse cara o Marne e comezaron a organizar a defensa de París. O Corpo Expedicionario británico tamén tivo que mudar de posicións e repregouse cara a costa francesa.

Deste xeito, o Imperio Alemán avanzaba cara o interior de Francia e chegaba a menos de 100 km de París. Por isto, os aliados organizaron un ataque e iniciaron a Primeira Batalla do Marne.