Basófilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Granulocito basófilo.
Basófilo mostrando os seus gránulos.

O termo basófilo pode aplicarse a calquera célula ou elemento celular que se tinga con colorantes básicos, como a hematoxilina, e dise que ten basofilia. Por exemplo, falamos de citoplasma basófilo, gránulo basófilo, célula basófila, etc.

Máis específicamente, cando estamos falando de células sanguíneas, os basófilos ou granulocitos basófilos son un tipo de leucocitos do grupo dos granulocitos, que supoñen do 0,01% ao 1% dos glóbulos brancos circulantes [1], polo que son os menos numerosos deles. Destas células tratará este artigo. Interveñen principalmente nas reaccións alérxicas. O seu nome vénlles de que se tinguen intensamente con colorantes básicos. Na pituitaria hai unhas células que se denominan células basófilas da pituitaria anterior, que non son leucocitos e teñen función endócrina.

Os granulocitos basófilos conteñen grandes gránulos citoplasmáticos que chegan a tapar o núcleo celular nas observacións microscópicas. Porén, cando non están tinguidos, o núcleo é perfectamente visible e ten xeralmente dous lóbulos. Por ter eses gránulos denomínase granulocito e por ter núcleo lobulado denomínase polimorfonuclear. O basófilo ten gránulos de dúas clases:

O mastocito é outra célula con características similares aos basófilos. Por exemplo, ambas a células almacenan histamina, unha substancia química que as células secretan cando son estimuladas de diversas formas (a histamina causa algúns dos síntomas alérxicos). Como lle acontece a todos os granulocitos circulantes, os basófilos poden ser recrutados fóra da corrente sanguínea e pasan aos tecidos.

Función[editar | editar a fonte]

Valores de referencia nas análises de sangue de leucocitos, na que se comparan as cantidades de basófilos (en violeta) con outras células.

Os basófilos interveñen en moitos tipos específicos de reaccións inflamatorias, particularmente naquelas que causan causan síntomas alérxicos. Os basófilos conteñen o anticoagulante heparina, que impide que o sangue se coagule con demasiada rapidez. Tamén conteñen o vasodilatador histamina, que aumenta o fluxo sanguíneo nos tecidos. Poden atoparse basófilos en número inusualmente elevado nos lugares onde hai unha infección ectoparasitaria, por exemplo, de carrachas. Igual que os eosinófilos, os basófilos desempeñan un papel durante as infeccións parasitarias e nas alerxias. [2] Abundan nos tecidos onde se están a producir reaccións alérxicas e probablemente contribúen á gravidade de ditas reaccións. Os basófilos teñen receptores proteicos na súa superficie celular que se unen ás IgE, un tipo de inmunoglobulina ou anticorpo implicado na defensa contra macroparasitos e as alerxias. A unión destas IgE á superficie da célula é o que lles confire unha capacidade de resposta selectiva ás substancias do seu contorno, como proteínas do pole ou antíxenos de vermes. Estudos recentes en ratos suxiren que os basófilos poderían tamén regular o comportamento das células T e median no establecemento da magnitude que vai ter a resposta inmunitaria secundaria [3].

Inmunofenotipo dos basófilos[editar | editar a fonte]

Os basófilos de rato e os humanos teñen os seguintes inmunofenotipos: FcεRI+, CD123, CD49b(DX-5)+, CD69+, Thy-1.2+, 2B4+, CD11bdull, CD117(c-kit), CD24, CD19, CD80, CD14, CD23, Ly49c, CD122, CD11c, Gr-1, NK1.1, B220, CD3, γδTCR, αβTCR, α4 e β4-integrina negativa.[4]

Secrecións[editar | editar a fonte]

Cando se activan, os basófilos desgranúlanse e liberan histamina, proteoglicanos (por exemplo, heparina e condroitina), e encimas proteolíticos (como a elastase e lisofosfolipase). Tamén secretan mediadores lipídicos como leucotrienos, e varias citocinas. A histamina e os proteoglicanos están almacenados en gránulos celulares, entanto que as outras substancias son sintetizadas no momento. Cada unha destas substancias contribúe á inflamación. Estudos recentes suxiren que os basófilos son unha fonte importante da citocina interleucina-4, quizais de maior importancia ca os linfocitos T. A interleucina-4 considérse unha das citocinas fundamentais no desenvolvemento das alerxias e a produción dos anticorpos IgE polo sistema inmunitario. Hai outras substancias que poden activar a secreción dos basófilos, o que suxire que estas células teñen outros papeis na inflamación. [5]

A basopenia é unha cantidade de basófilos baixa. É difícil de demostrar a basopenia porque a cantidade de basófilos normal xa é moi baixa; pero foi atopada en asociación con urticarias autoinmunes[6] (que producen proídos crónicos). A basofilia (exceso de basófilos) é tamén pouco común pero pode darse en casos de leucemia ou linfoma.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Klaus Dörner: Klinische Chemie und Hämatologie. 7. vollständig überarbeitete Auflage. Thieme, Stuttgart 2009, ISBN 978-3-13-129717-4, S. 285.
  2. Voehringer D. 2009. Trends in Parasitology.
  3. Nakanishi, Kenji (December 2010). "Basophils as APC in Th2 response in allergic inflammation and parasite infection". Current Opinion in Immunology 22 (6): 814–820. DOI:10.1016/j.coi.2010.10.018.
  4. Schroeder JT (2009). "Basophils beyond effector cells of allergic inflammation." Adv Immunol 101:123-161, PMID 19231594, doi 10.1016/S0065-2776(08)01004-3.
  5. Charles Janeway, Jr. et al. (2001) (electronic full text via NCBI Bookshelf). Immunobiology. (5th ed.). Garland Publishing. ISBN 0-8153-3642-X. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/books/bv.fcgi?call=bv.View..ShowTOC&rid=imm.TOC&depth=10.
  6. Grattan CE, Dawn G, Gibbs S, Francis DM (Mar 2003). "Blood basophil numbers in chronic ordinary urticaria and healthy controls: diurnal variation, influence of loratadine and prednisolone and relationship to disease activity". Clin Exp Allergy 33 (3): 337–41. DOI:10.1046/j.1365-2222.2003.01589.x. PMID 12614448. http://www.blackwell-synergy.com/openurl?genre=article&sid=nlm:pubmed&issn=0954-7894&date=2003&volume=33&issue=3&spage=337.