Bartolomeo Platina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sisto IV nomea a Platina prefecto da biblioteca do Vaticano, táboa de Melozzo da Forlì, 1477 (Pinacoteca Vaticana).

Bartolomeo Sacchi, coñecido coma «Bartolomeo Platina» (il Platina); nado en 1421 en Piadena, Cremona (de onde o nome latino, Platina, é a fonte do seu alcume) e finado en Roma o 21 de setembro de 1481, foi un humanista, escritor e gastrónomo do renacemento italiano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De mozo, comezou a carreira militar, mais cambiou moi cedo cara as humanidades, sendo o seu mestre Vittorino da Feltre.

Comezou a súa carreira no 1453 como preceptor dos fillos de Luís II Gonzaga. No 1457 trasladouse a Florencia para seguir os cursos de Xoán Argyropoulos e trabou amizade cos humanistas da cidade, sendo mestre na casa dos Medicis.

Non foi só un educador, senón uns dos humanistas do renacemento, estudando a literatura e as tradicións. A fins de 1461 marchou a Roma, ao servizo do cardeal Francesco Gonzaga como secretario, mudando ao servizo dos Papas Pío II e Paulo II cun éxito moderado: en 1467 foi encadeado e torturado baixo a acusación de complot contra o Papa e por riba, ser de ideas pagáns. Para vingarse, describiu moi desfavorablemente a Paulo II na biografía que lle escribiu dez anos despois.

Absolto no xuízo a comezos do ano 1469, volveulle a sorrir a sorte no pontificado de Sisto IV, quen o nomeou director da Biblioteca Vaticana no 1478, onde escribiu Liber de Vita Christi Pontificum, escolma de biografías dos Papas ata o seu tempo. Á vez, publicou varios libros: De principe, De vera nobilitate e De falso et vero et bono.

Mais a súa obra principal é De honesta voluptate valetudine, un breve tratado de cociña. Imprimiuse por vez primeira en Roma por Han, de xeito anónimo e sen notas tipográficas e, pouco despois en Venecia, (Platine de honesta voluptate et valetudine, Venetiis: Laurentius de Aquila, 1475), coas indicacións e notas do autor. A edición máis correcta e a máis antiga, segundo o italianista Emilio Faccioli é a publicada en Cividale del Friuli no 1480, primeira impresión de Gerardo da Fiandra en Friuli. Neste libro, Platina traduce ao latín todas as receitas, orixinalmente feitas en vernáculo polo Mestre Martino, que foi o cociñeiro máis famoso do século XV.

Como prefecto da Biblioteca do Vaticano, nunha carta de 1481, pouco antes da súa morte, recomenda ao escultor Andrea Bregno a Lourenzo de Medici co gallo de que poida transportar a través do territorio de Florencia ata Siena bloques de mármore para a capela como lle ordenara o cardeal de Siena. De feito, entre 1481 e 1485, traballou Bregno na Capela Piccolomini no altar maior na honra de Enea Silvio Piccolomini (Pío II), onde firmou «Opus Andreae Mediolanensis MCCCCLXXXV» no nome do cardeal Francesco Todeschini Piccolomini, de seguido elixido Papa co nome de Pío III.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Contra amores, 1471.
  • De honesta voluptate et valetudine (Do pracer honorable e da saúde, cara 1465, impreso en 1474).
  • Vitæ Pontificum (Vidas dos Papas, 1479).
  • Historia inclita urbis Mantuæ et serenissimæ familiæ Gonzagæ (Historia ilustre da cidade de Mantua e da serenísima familia Gonzaga).


Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bartolomeo Platina