Barroso, Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°41′N 8°00′O / 41.683, -8.000

Paisaxe da serra do Barroso. Estrada Boticas-Salto.

Barroso, ou Terras de Barroso, é o nome tradicional da comarca formada polos concellos portugueses de Montalegre e Boticas, no distrito de Vila Real, rexión Norte, subrrexión do Alto Trás-os-Montes e comunidade intermunicipal do Alto Tâmega.

Tamén reciben o nome de Serra de Barroso as montañas desta rexión.

Historia[editar | editar a fonte]

En Galicia[editar | editar a fonte]

O termo "Barroso" conserva o nome dunha das antigas "terras", circunscricións administrativas e xudiciais en que o territorio galego-portugués estaba dividido desde o século XI, dentro do Reino de Galicia.

Posibelmente, o castelo que servía de centro a esta terra era o de San Román, hoxe un lugar deshabitado na marxe sur do encoro do Alto Rabagão[Cómpre referencia].

A primeira mención do topónimo Barroso está nun documento galego de 1100, que indica que servía de termo á villa de Tourém. Pero xa antes, no ano de 942, o testamento de San Rosendo refire que el posuía un rabaño de vacas in Barosa.

No Portugal independente[editar | editar a fonte]

Esta terra foi incluída nas Inquirições Gerais de 1220. mais non se conservan textos relativos a esta visita. A través do texto das Inquirições de 1258 coñécense os límites da Terra do Barroso. Ademais dos territorios actuais dos concellos de Boticas e Montalegre, a terra incluía as freguesías de Canedo (hoxe no concello de Ribeira de Pena) e Vilar de Vacas (Ruivães, no concello de Vieira do Minho). Na Taxatio de 1320 (documento coñecido como Catálogo das Igrejas de 1319-1320), o arcediagado (territorio eclesiástico baixo a xurisdición dun arcediago)[1] do Barroso incluía tamén Guilhofrei, no concello de Vieira do Minho, e Santiago de Serzedo, de localización descoñecida.

O 9 de xuño de 1273, o rei Afonso III, por carta foral, fundou a vila de Montalegre e ergueu o respectivo castelo. Montalegre tornouse así na cabeza da Terra de Barroso en detrimento do castelo de San Román. Esta carta foral foi despois modificada polos reis Dinís en 1289, Afonso IV en 1340, e Xoán II en 1491. En 1515, Manuel I converteuno en foral novo. No reinado de Xoán I, e no curso da guerra da Independencia, a Terra de Barroso foi doada a Nuno Álvares Pereira, e por el pasou á Casa de Bragança.

O 6 de novembro de 1836, o concello de Montalegre foi dividido, creándose o novo municipio de Boticas, e perdéronse no proceso varias partes, a favor do municipio de Vieira do Minho, do municipio de Vilar de Vacas (con sede en Ruivães), e tamén o Couto Mixto de Santiago de Rubiás (Tourém).[2]

Agricultura e gandaría[editar | editar a fonte]

Panorámica do P. N. de Peneda-Gerês.

O Barroso é unha rexión agrícola dominada pola produción pecuaria e polos cultivos típicos das rexións montañosas, onde se manteñen as formas tradicionais de traballar a terra e tratar aos animais. As principais actividades son a cría de gando e a produción de cereais, o que deu orixe a unha paisaxe en mosaico en que os pasteiros antigos, as zonas de cultivo (campos de centeo e hortas), os bosques de carballos e os soutos de castiñeiros son interdependentes.

O comunitarismo é aínda un dos valores e costumes característico desta rexión, intimamente asociado ás prácticas rurais de vida colectiva e á necesidade de adaptación ao medio ambiente.

En 2018 a rexión do Barroso foi declarada patrimonio agrícola mundial pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). A cerimonia de entrega do certificado realizouse o 19 de abril, en Roma (Italia), na sede da FAO. Así mesmo, o territorio do Barroso foi designado pola FAO o "primeiro sitio GIAHS" (Globally Important Agricultural Heritage Systems ou Sistema Importante do Patrimonio Agrícola Mundial) en Portugal.[3] Trátase dunha iniciativa da FAO para a promoción e preservación do patrimonio agrícola.[4]

A área GIAHS do Barroso esténdese sobre 1 127,40 km² e ten unha poboación residente que traballa neste sistema de 15 589 habitantes (2013). É unha zona montañosa na que os recursos de renda primaria son: agricultura, cría de animais e transformación de produtos alimenticios, silvicultura e pastoreo, e actividades turísticas. O Barroso ten unha paisaxe natural típica do norte de Portugal, que se integra en parte do Parque Nacional de Peneda-Gerês, onde o sistema agrario existente está fortemente influído polas condicións do solo e do clima, predominando as explotacións pastorais e gandeiras, ovellas, cabras e porco, que contribúen de forma significativa ás economías domésticas e desempeña un importante papel social.[5]

Notas[editar | editar a fonte]