Banato de Temesvar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Banato de Timişoara»)
Modelo:Xeografía políticaBanato de Temesvar
Temescher Banat (de) Editar o valor em Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata
CapitalTimișoara Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación12 de xullo de 1718 Editar o valor em Wikidata
Disolución6 de xuño de 1778 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porFronteira Militar Editar o valor em Wikidata

Banato de Temesvar, provincia da Monarquía dos Habsburgo en 1718-1739.
Banato de Temesvar, provincia da Monarquía dos Habsburgo en 1739-1751.
Banato de Temesvar en 1751-1778.
A rexión do Banato, dividida entre Romanía (azul claro), Servia (amarelo claro) e Hungría (rosa). Tratado de Trianon.
Alemáns no Banato e en Transilvania, sinalando as zonas onde eran maioría (1945).

O Banato de Temesvar ou Banato de Timișoara, (en alemán Temeswarer Banat, en romanés Banatul Timișoarei, en serbio latino Tamiški Banat ou serbio cirílico Тамишки Банат, en húngaro Temesi Bánság, en latín Banatus Temesiensis) foi unha provincia da Monarquía dos Habsburgo que existiu entre 1718 e 1778. Encontrábase na rexión do Banato, polo que así foi denominada esta provincia.

A provincia foi suprimida en 1778 e administrativamente incorporada ao Reino de Hungría dos Habsburgo.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Antes de ser provincia dos Habsburgo, existiu na rexión unha provincia otomá chamada Vilaiato de Temeşvar. En 1683, o fracaso do segundo asedio turco de Viena sinala o principio do fin do Imperio Otomán.

Despois da guerra austro-otomá (16831697), polo Tratado de Karlowitz (1699), o Emperador de Austria retiña as súas adquisicións: o Vilaiato de Temeşvar, o oeste de Valaquia (Oltenia) e un extenso territorio en torno a Belgrado (aproximadamente a metade de Serbia), que foron confirmadas polo tratado que puxo definitivamente fin á guerra, o Tratado de Passarowitz (1718). O Tratado de Karlowitz marcara o comezo do declive otomán na Europa Oriental e o auxe do Imperio Habsburgo, potencia desde aquela dominante no sueste de Europa.[2]

Pero a guerra de sucesión española e a guerra de independencia Rákóczi, no Reino de Hungría, levou aos Habsburgo a centrar a súa atención noutros lugares, así que até nos anos 1710 non intentaron obter ningún territorio dos otománs. Algunhas zonas do Vilaiato de Tremeşvar foron incorporadas polos Habsburgo de Austria, pero o Banato permaneceu baixo administración otomá. En 1716 o príncipe Uxío de Savoia culmina a conquista de todo o Banato para Austria. E en 1718 o emperador Carlos VI (o arquiduque Carlos de Austria da guerra de sucesión española) toma posesión do Banato, que pasa a denominarse Banato de Temesvar, converténdose nunha provincia da monarquía dos Habsburgo, sometida a administración militar até 1751, cando a emperatriz María Tareixa introcuciu a administración civil. A parte sur do Banato quedou integrada na Fronteira Militar (a Krajina do Banato) até que as fronteiras militares foron suprimidas en 1871.

Durante a dominación otomá algunhas partes do Banato, rexión a cabalo da fronteira entre romaneses e serbios, tiña moi baixa densidade de poboación, despois de moitos anos de guerra e tamén debido a que gran parte da zona eran bosques e marismas case deshabitados. Nas décadas seguintes, as autoridades austríacas repoboan a rexión: entre outros, instálanse nela grupos de xermanofalantes católicos procedentes de distintas rexións alemás e austríacas (coñecidos despois como suabos). As autoridades austríacas tamén fundaron "Nova Barcelona", infrutuosa colonia deseñada para os exiliados cataláns da guerra de sucesión española).

O conde Claudio Mercy (1666–1734), que foi nomeado gobernador do Banato de Temesvar en 1720, tomou numerosas medidas para a súa rexeneración. Desecáronse marismas do Danubio e o Tisza, cunstruíronse camiños e canles, empregándose grandes cantidades de man de obra, e impulsouse a agricultura e o comercio, o que atraeu a moitos campesiños e artesáns alemáns, que colonizaron o distrito.[3]

A emperatriz María Tareixa tamén amosou un grande interese polo Banato; colonizou a rexión con campesiños alemáns, alentou a explotación da riqueza mineral do país e desenvolveu moitas das iniciativas do conde Mercy. O alemáns chegaron desde Suabia, Alsacia e Baviera, así tamén de Austria, polo que moitos asentamentos no Banato oriental estaban habitados na súa maioría por alemáns, que foron coñecidos como os suabos do Danubio ou Donauschwaben. Tamén había unha minoría de fala francesa, descendentes de colonos chegados de Lorena, que mantiveron o idioma francés durante varias xeracións e desenvolveron unha identidade étnica específica, que máis tarde foi etiquetada como o Banato francés, ou os franceses do Banato.[4]

En 1799, o Banato queda incluído no reino de Hungría e, excepto no período 1848-1860, segue así até a disolución do Imperio Austrohúngaro. A partir do Ausgleich de 1867 a comunidade suaba do Banato sobrevive á política de maxiarización das autoridades húngaras, que é perceptíbel no nome do suabo do Banato máis famoso de todos os tempos, János Weißmüller (1904-1984), coñecido como Johnny Weissmüller, nadador norteamericano, máis coñecido como o actor que interpretou a Tarzán en varios filmes.

Poboación[editar | editar a fonte]

Como quedou dito, a provincia tivo que ser repoboada tras a conquista dos Habsburgo. A súa densidade de poboación estaba entre as máis baixas de Europa: algúns investigadores estiman que era de ao redor de 1 hab./km2.[Cómpre referencia] Segundo o primeiro censo levado a cabo polas autoridades militares dos Habsburgo, a poboación do Banato ascendía a uns 20 000 habitantes, na súa maioría serbios.[5] A antiga poboación musulmá saíra da zona tras a conquista dos Habsburgo.[5]

A baixa densidade de poboación deu lugar, como vimos, a unha colonización que continuou até principios do século XIX, e que tivo moitas procedencias, familias alemás que chegaron desde terras alemás e austríacas (os Donauschwaben ou suabos do Danubio), e tamén, no sur, romaneses de Valaquia e Transilvania e serbios refuxiados do Imperio Otomán, así como serbios doutras partes da monarquía dos Habsburgo. O goberno tamén organizou rexementos militares, que na súa maioría estaban formsados por soldados serbios, que recibiron dereitos especiais a cambio de defenderen as fronteiras. Os húngaros foron excluídos inicialmente deste proceso, e o asentamento de húngaros foi oficialmente prohibido até finais do século XVIII (posibelmente como consecuencia da guerra de independencia Rákóczi, entre 1703-11).

De acordo cos datos de 1774, a poboación do Banato de Temesvar compoñíase de:[6]

Este censo oficial amosou unha maioría romanesa no leste, serbia no oeste, e con numerosos asentamentos de alemáns en todo o territorio.

Legado: os suabos do Banato no século XX[editar | editar a fonte]

Coa desintegración do Imperio Austrohúngaro, ao fin da primeira guerra mundial, en 1918 os suabos proclaman a República do Banato, un Estado multinacional formado por romanese, suabos, serbios e húngaros, pero a aplicación do principio das nacionalidades impúxose e a rexión acabou sendo dividida entre Romanía e o novo Estado dos eslavos do sur [7] (tan só a zona de Szeged permaneceu en Hungría). A maior parte dos suabos do Banato (e de Transilvania) convértense así en cidadáns de Romanía, onde terán que soportar a política de romanización das novas autoridades romanesas.

Co ascenso dos nazis ao poder en Alemaña, os suabos deixan de seren suabos romaneses para convertérense en Volksdeutsche. Aí foi onde empezou a desintegración da comunidade suaba. As autoridades nazis prevían traslar ao Reich aos alemáns de Romanía. Pero a entrada de Romanía na segunda guerra mundial, ao lado de Alemaña, fixo cambiar os plans; agora o máis urxente non era reasentar aos alemáns no Reich, senón enrolalos nas SS e na Wehrmacht.

Cando a guerra cambia de signo e o Exército Vermello invade Romanía, moitos alemáns foxen; sobre os demais pesa a ameaza do castigo colectivo. As novas autoridades soviéticas dispoñen a deportación de miles de alemáns a campos de traballo na URSS. Non todos volverán. Unha vez terminada a guerra, os alemáns de Romanía sálvanse, relativamente, das expulsións masivas que puxeron fin á presenza xermana en Checoslovaquia e Polonia. Porén, as deportacións reduciron a comunidade, e a colectivización das terras minou a base socioeconómica da súa existencia.[8]

Nos anos 1970 un grupo de escritores romaneses de lingua alemá fundaron o Banat Aktionsgruppe. Os seus integrantes considerábanse marxistas e publicaban sen problemas nos diferentes xornais e editoriais de lingua alemá de Romanía. O que inicialmente se presentara como unha reacción estética contra a tradición suaba converteuse nunha expresión de disidencia política, polo que o grupo foi perseguido e, finalmente, disolvido pola Securitate.

A persecución, unida ás miserábeis condicións de vida e a xenerosa política da República Federal de Alemaña de repatriar aos alemáns do leste (en continuidade co Heim ins Reich hitleriano), fixo que moitos suabos abandonasen Romanía a finais dos anos 1980. Só uns poucos anos despois, unha revolución iniciada precisamente en Timioşara acaba coa ditadura de Ceauşescu, pero a comunidade suaba xa estaba ao bordo da extinción. Segundo o censo de 2002, nos judeţe [9] romaneses que corresponden ao Banato histórico só 17 374 persoas sobre un millón eran de lingua materna alemá.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O Banato, 1718-1778 (en inglés) Consultada o 15/1/2012.
  2. Hochedlinger, Michael. Austria's wars of emergence 1683-1797. Ed. Pearson Education, 2003, páx. 195.
  3. Chisholm, Hugh, Encyclopædia Britannica (11th ed.). Cambridge University Press.
  4. Smaranda Vultur, Do oeste ao leste e do leste ao oeste: os avatares identitarios dos franceses do Banato. "Visibles mais pas nombreuses: les circulations migratoires roumaines", Paris, 2001 (en francés) Consultada o 9/12/2011.
  5. 5,0 5,1 Milan Tutorov, Banatska rapsodija - istorika Zrenjanina I Banata, Novi Sad, 2001.
  6. Miodrag Milin, Vekovima zajedno (Iz istorije srpsko-rumunskih odnosa), Temišvar, 1995.
  7. O Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, máis tarde Reino de Iugoslavia.
  8. [1][Ligazón morta] ¿Quién es Herta Müller? (en castelán) Consultada o 14/1/2012.
  9. División administrativa romanesa, hoxe comitate, "condados").

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Times Books, ed. (2002): The Times History of Europe.
  • Ehrler, Johan Jakob (1982): Banatul de la origini pînă acum (1774). Timișoara: Editura Facla.
  • Hațegan, Ioan (2003): Habitat și populație în Banat (secolele XI-XX). Timișoara: Editura Mirton.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]