Ballstretching

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ballstretching por medio dun colar de coiro.
Ballstretching por medio dun anel metálico.

O ballstretching (en inglés, estiramento do escroto), é unha práctica consistente en lograr a dilatación do escroto para conseguir a súa elongación.

Características[editar | editar a fonte]

O ballstretching adoita ter como obxectivo conseguir que a bolsa escrotal pendure máis abaixo do que é habitual. Este alongamento pode ser temporal ou definitivo, pero o máis habitual é que o escroto conserve parcialmente a súa capacidade de regresar practicamente ó seu tamaño inicial. Porén, a insistencia na aplicación de métodos de alongamento do escroto pode conseguir que non recupere a súa dimensión orixinal.

O ballstretching conséguese por medio da utilización de aparellos encamiñados a forzar o descenso dos testículos. Poden constar de diferentes pezas metálicas anulares que cinguen os testículos e actúan por gravidade, pola acción do seu peso. O mesmo efecto produce a aplicación de colares de coiro que, apreixando o escroto, forzan o descenso dos testículos e a dilatación da pel.

Tamén se empregan bombas de baleiro e inxeccións salinas nos testículos para conseguir que estes aumenten de tamaño.

Riscos para a saúde[editar | editar a fonte]

A práctica do ballstretching entraña riscos para a saúde, por exemplo danos nos testículos, e pode afectar á produción de espermatozoides. É posible que se vexan afectados os vasos sanguíneos da área, así como diferentes condutos e tecidos do aparello reprodutor. Especialmente perigosa é a obstaculización da circulación sanguínea na zona testicular.

Máis frecuente é que se produza irritación a nivel cutáneo, causada polo contacto dos materiais cos que están feitos os aparellos empregados. Tamén pode producir reaccións alérxicas a falta de hixiene provocada pola dificultade de lavar as zonas en contacto con estes aparellos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]