Baldomero Lois Pérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baldomero Lois Pérez
Nacemento18 de abril de 1877
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento1939
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela e Universidade de Madrid
Ocupaciónxornalista e escritor
editar datos en Wikidata ]

Baldomero Lois Pérez, nado en Santiago de Compostela o 18 de abril de 1877 e finado en 1939[1], foi un xornalista e escritor galego.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de José Lois Otero e Josefa Pérez. Fixo o bacharelato no Instituto de Santiago (1880-1885). En 1885 comezou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela que continuou na Universidade Central de Madrid (1887-1888), regresou de novo á Universidade compostelá en 1889 a examinarse dalgunhas materias. Traballou como oficial do Ministerio de Estado e como xornalista, participando na organización da Asamblea de la Prensa de Provincias, que tivo lugar en Madrid en 1909. Foi redactor de Gaceta de Galicia, colaborou en El Derecho de Ourense e foi correspondente e axente de La Voz de Galicia en Madrid (1913-1922).[3] Asinou moitos dos seus artigos co pseudónimo Silo (anagrama do seu primeiro apelido). Tamén participou na Enciclopedia Jurídica e tratou de ferrocarrís estratéxicos de Galicia en El Ejército Español (1888) e El Correo Militar (1902). Elaborou a memoria presentada na inauguración do Centro Galego de Madrid, do que foi secretario. Foi funcionario do Ministerio de Estado e secretario de Manuel García Prieto.

Obras[editar | editar a fonte]

Publicou no periódico O Galiciano dous relatos en galego: "Unha romaxe n-a miña terra" (1888) e "Pobre Xuana" (1889). Tamén é autor de Páginas de actualidad, que publicou con E. Alonso Orea en 1895.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Noticia en El Compostelano, 19-6-1939, p. 2
  2. Segundo o documento Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve), a data de nacemento foi o 18 de abril de 1877, pero esta data non é concordante coa do seu paso polo Bacharelato, que comezou en 1880. Centro Ramón Piñeiro, ed. (2003). Narradores ocasionais do século XIX (Relato breve) (PDF). Santiago de Compostela. pp. 183–184. ISBN 84-453-3736-X. Consultado o 14 de febreiro de 2017. 
  3. La Voz de Galicia, 9-2-1983, p. 121.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]