Rorcual de Bryde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Balaenoptera brydei»)
Rorcual de Bryde
Rorcual de Eden
Rorcual tropical
Balaenoptera edeni

Tamaño en comparación do dun humano
Tamaño en comparación do dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Balaenopteridae
Subfamilia: Balaenopterinae
Xénero: Balaenoptera
Especie: B. edeni
Nome binomial
Balaenoptera edeni
Anderson, 1879 [1]
Balaenoptera brydei
Olsen, 1913 [2]
Distribución de Balaenoptera edeni
Distribución de Balaenoptera edeni

Distribución de Balaenoptera edeni
Vista aérea do rorcual de Bryde.

O rorcual de Bryde,[3] tamén chamado rorcual de Eden, rorcual tropical e balea de Bryde,[3] Balaenoptera edeni Anderson, 1878 (= Balaenoptera brydei Olsen, 1913), é unha especie (ou dúas, segundo os autores) [4] de mamífero mariño da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos e familia dos balenoptéridos.

Taxonomía controvertida[editar | editar a fonte]

Este rorcual, ou estes rorcuais, son de aparencia moi similar ó rorcual boreal (Balaenoptera borealis) e case de igual tamaño, e durante moito tempo pensábase que se trataba da mesma especie.[5]

Porén, Balaenoptera edeni fora descrita como especie independente dn 1878, a partir dun exemplar varado na costa de Birmania, á que o seu descubridor e descritor, John Anderson, o ano seguinte, lle deu o nome binomial de Balaenoptera edeni.

E en 1913 describíronse baleas avistadas mar a fóra de Suráfrica, que Olsen clasificou co nome de Balaenoptera brydei, en honor de Johann Bryde, cónsul noruegués e pioneiro da industria baleeira surafricana.

Na década de 1950 pensouse que se trataba dunha soa especie, co que quedou vixente B. edeni en razón de ser a clasificación primeira e, por tanto, prioritaria, pero permaneceu rorcual de Bryde como nome vernáculo sinónimo.[5]

Pero os máis recentes estudos xenéticos indican, porén, que se trataba de dúas especies diferenciadas:

  • Rorcual de Bryde (Balaenoptera brydei), con distribución tropical e subtropical en todos os mares, e que pesa até 26 t e alcanza os 15 m de lonxitude.
  • Rorcual de Eden ou rorcual tropical (Balaenoptera edeni), que habita nas augas costeiras do leste do océano Índico e do oeste do océano Pacífico.

O rorcual de Bryde presenta considerábeis variacións morfolóxicas, e téñense identificado 5 subtipos que inclúen dúas variantes de pequeno tamaño que tenden a vivir cerca das costas. Desde o punto de vista da simplicidade taxonómica, as probas de ADN mostran que a nova especie de rorcual anano do sueste asiático non é igual á variación visualmente similar encontrada no Caribe.

As probas complicaron a evolución do ordenamento taxonómico, xa que apareceron exemplares que mostran ser intermedios xeneticamente entre o rorcual de Bryde e o chamado rorcual boreal ou rorcual sei (Balaenoptera borealis).

Porén, na actualidade, nin o World Register of Marine Species nin a Unión Internacional para a Conservación da Natureza admiten como válidas estas dúas especies,[5][6] o que si fai, en cambio, o Sistema Integrado de Información Taxonómica.[7]

Características[editar | editar a fonte]

Balaenoptera edeni.
Barbas do rorcual de Eden.

As principais características do rorcual tropical son:[8]

  • Corpo de 12 a 14 m nos machos e de 12,50 a 15,50 m nas femias (3,4 m ao nacer), e peso de 12 a 20 t nos adultos (900 kg ao nacer).
  • Aleta dorsal prominente, falciforme, situada moi atrás.
    As aletas pectorais son relativamente curtas (un décimo da lonxitude total do corpo), estreitas, e cos extremos rematados en punta.
  • Pedúnculo caudal ancho e aplanado.
    A aleta caudal é ancha, cunha marcada fendedura no centro, separando os lobos, que poden ser de cor abrancazada na parte inferior.
  • Cabeza cunha crista central lonxitudinal na súa parte superior, que vai desde os espiráculos até a punta do fociño, acompañada de dúas cristas paralelas aos lados.
  • Boca con de 250 a 280 barbas a cada lado (pero tamén hai moitas rudimentarias, chegando en total ás 365).
  • As barbas teñen unha forma bastante característica. Son curtas e anchas (excluíndo as sedas miden uns 50 cm de lonxitude), e teñen uns 19 cm de anchura, cunha marxe interna lixeiramente cóncava.
    A súa cor varía moito segundo os espécimes, pero case sempre son negras ou de cor gris lousa, aínda que as situadas preto da punta da mandíbula superior adoitan seren totalmente de cor crema, ás veces con bandas grises.
    As sedas son longas e ríxidas, cunha coloración apardazada ou agrisada.
  • Cor da pel é gris escura nas partes superiores, e gris purpúrea clara, gris azulada ou gris amarelada nas inferiores.
    Pode presentar pequenas manchas (pintas) na parte posterior e inferior do tronco.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Coñécese moi pouco da vida do rorcual de Bryde. Ás veces móstrase curioso, acercándose aos barcos, aos que arrodea ou acompaña nadando canda eles. Pode saltar fóra da auga. Cando se alimenta, pode realizar cambios bruscos de dirección, tanto debaixo da auga como na superficie, e o seu estilo de natación fai pensar máis nun golfiño grande que nunha balea. O seu sopro é alto e fino, elevándose até 3 ou 4 m nunha única nube (aínda que ten dous espiráculos) que, con frecuencia, non se ve ben desde lonxe.
Vive só ou en pequenos grupos de até 7 individuos, aínda que se poden xuntar até 30 en zonas onde abunda o alimento.[8]

Saltos[editar | editar a fonte]

Os saltos do rorcual tropical son comúns nalgunhas zonas, pero non noutras. Poden seguir a estes períodos curtos de grande actividade, como natación a gran velocidade. En casos excepcionais un único animal pode chegar a saltar ducias de veces seguidas (un exemplar foi visto nas costas de Ogata (Xapón) realizando 70 saltos seguidos). Porén, o máis típico é que realicen 2 ou 3 saltos sen parar.

O cetáceo adoita abandonar a auga en posición case vertical, cun ángulo de 70 a case 90º, ás veces arqueando o dorso no aire, e despois pode deixarse caer simplemente sobre a auga, ou ben retorcer o corpo primeiro.

Algúns animais sacan totalmente o corpo por riba da superficie, pero o máis habitual é que a parte posterior (o cuarto traseiro, máis ou menos até a aleta dorsal) permaneza debaixo da auga.[8]

Inmersións[editar | editar a fonte]

A secuencia de respiración adoita ser irregular, pero adoita constar de 4 a 7 sopros seguidos por unha longa inmersión de até 8 min, aínda que pode durar menos de 2, e tamén é capaz de permanecer baixo a auga máis tempo. Cando sae á superficie entre inmersións curtas poucas veces mostra algo máis que a parte superior da cabeza, aínda que as aletas dorsal e caudal adoitan ser visíbeis xusto antes dunha inmersión longa.[8]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os rorcuais de Bryde aliméntanse durante todo o ano de pequenos peixes peláxicos, tales como anchoas, arenques e sardiñas, así como tamén de krill e outros invertebrados planctónicos.[8]

Distribución e poboación[editar | editar a fonte]

Distribución[editar | editar a fonte]

Vive entre os 40º N e os 40º S en augas tropicais e subtropicais de todo o mundo, e nalgunhas temperadas cálidas, podendo chegar a latitudes superiores se hai correntes cálidas na auga. Porén, prefire augas de temperaturas superiores aos 20 °C, polo que abunda máis en zonas tropicais e subtropicais entre os 30º N e os 30º S (o que xustifica un dos seus nomes vulgares, rorcual tropical). A súa distribución pode non ser continua en toda a súa área de dispersión, e poden aparecer poboacións máis importantes nalgunhas zonas, como fronte a Suráfrica, Xapón, Ceilán, Fidxi e Australia occidental. O rorcual tropical pode facer migracións a distancias curtas, pero non se coñecen migracións máis afastadas a latitudes máis altas.[8]

Poboación[editar | editar a fonte]

Antes de 1972, os rorcuais de Bryde non se distinguían dos rorcuais boreais ou rorcuais sei nas estatísticas baleeiras internacionais. Nas estatísticas baleeiras xaponesas ambas as especies de rorcuais xa se distinguiron a partir de 1962, pero en relatorios de avistamentos só desde 1972.[9]

Pacífico noroeste

Actualmente acéptase unha poboación estimada de 26 000 individuos, en base a enquisas realizadas durante o período 1998-2002.[5] .

Pacífico tropical oriental

Wade e Gerrodette (1993) estimaron en 13 000 individuos a poboación de rorcuais de Bryde no Pacífico oriental tropical (nunha área de forma irregular de 19 millóns de km² entre os 15° S e os 25° N) a partir de datos recollidos durante 1986-1990.[10]

Outras poboacións do Pacífico norte

A máis recente estimación aceptada doutros stocks do Pacífico norte é duns 137 individuos no mar da China oriental e duns 235 no golfo de California. O stock do leste da China foi obxecto de caza polos xaponeses no suroeste do Xapón até a década de 1970, polo que pode que fose esgotado.[11]

Hemisferio sur

A poboación de rorcuais de Bryde non foi avaliada de novo durante os últimos 25 anos (desde finais dos anos 1980), pero as estimacións de abundancia aceptadas no momento foron:

  • Océano Índico sur − 13 854
  • Pacífico sur occidental − 16 585 e
  • Pacífico sur oriental – 13 194 (IWC 1981).

Pero estes resultados non se basearon nos métodos de análise das poboacións hoxe usuais e aceptados. Con base a unha recomendación da maioría do seu Comité científico, a CBI situou a clasificación destes stocks como "no límite de cero capturas, pendente dunha estimación satisfactoria do tamaño da poboación" (CBI 1983). De 1705 rorcuais boreais cazados en Chile durante os anos 1932-1979, unha proporción descoñecida foron rorcuais de Bryde.[12]
A poboación nas costas de Suráfrica estimouse en 582 (±184) individuos en 1983.[13]
De 2 536 rorcuais boreais capturados polo baleeiro pirata Sierra no Atlántico sur durante os anos 1969-1976, a maioría crese que eran rorcuais de Bryde (IWC 1980). E dos máis de 5 000 rorcuais boreais capturados por Brasil durante 1948-1977, polo menos algúns eran rorcuais de Bryde, posibelmente un 8%.[14]

Atlántico norte

Á parte dunha poboación estimada para o golfo de México meridional de 40 animais (de 13 a 129),[15] non hai estimacións da abundancia desta especie no Atlántico norte, pero algúns dos rorcuais boreais capturados no estreito de Xibraltar na primeira metade do século XX pode que foran rorcuais de Bryde.[16]

Caza[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Caza de baleas.

Pénsase que as capturas de rorcuais de Bryde por frotas baleeiras costeiras xaponesas comezaron en 1906 e que continuaron sen interrupción até 1987 cando Xapón se adheriu á moratoria da caza comercial de baleas da CBI. As frotas xaponesas realizaron capturas peláxicas durante 1971-1979, e as da Unión Soviética durante 1966-1979. Tamén foron capturados rorcuais de Bryde por pescadores de Taiwán durante 1976-1980, polos das illas Bonin (Xapón) durante 1946-1952 e 1981-1987 e polos de Filipinas durante 1983-1985. As capturas peláxicas xaponesas reiniciáronse no 2000, como capturas científicas (50 individuos ao ano).[5]

Status actual[editar | editar a fonte]

O rorcual de Bryde foi un beneficiario incidental das restricións que a CBI impuxo á caza de baleas e que orixinalmente foran deseñadas para protexer as zonas de reprodución nas baixas latitudes doutras especies de misticetos, nun momento en que este rorcual aínda non era recoñecido como unha especie distinta.[17]
.Hoxe en día o rorcual de Bryde está incluído no apéndice I da CITES, aínda que o Xapón mantén unha reserva contra esta lista desde 1983. A especie (como Balaenoptera edeni) figura no Apéndice II da CMS.[5]
E a UICN, desde 2008, cualifica a situación da especie como "CC" (con datos insuficientes para a súa avaliación).[5]

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Dada a confusión na taxonomía desta especie (ou especies) non é de estrañar que na aínda escasa bibliografía galega poida apreciarse algunha incongruencia.

Así vemos que a Sociedade Galega de Historia Natural menciona, na súa provisoria Lista padrón dos vertebrados de Galicia, publicada no Tomo I: O medio, da Xeografía de Galicia de Pérez Alberti,[18] lle dá a Balaenoptera physalus —que, propiamente, é o rorcual común—, o nome de rorcual de Bryl [?], probabelmente un erro de imprenta por rorcual de Bryde, que non o é.

Pola súa parte, Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe, dan o nome de rorcual de Bryde á especie Balaenoptera edeni, co sinónimo de balea de Bryde, desbotando o outro posíbel sinónimo, máis acorde con nome científico, rorcual de Eden (ou balea de Eden).[3]

Porén, Díaz d'a Silva e Cartelle, na súa Guía dos mamíferos de Galicia, a máis moderna obra, polo momento, deste grupo zoolóxico, na que consideran a catro especies de rorcuais como frecuentadoras das nosas augas, non inclúen, loxicamente, ao rorcual tropical, dada a área de distribución desta especie.[19]

Nota: Para o nome deste rorcual, e de todos os demais nomes dos rorcuais, véxase Balenoptéridos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Balaenoptera edeni Anderson, 1879 no SIIT.
  2. Balaenoptera brydei Olsen, 1913 no SIIT.
  3. 3,0 3,1 3,2 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309
  4. Véxase "Taxonomía controvertida" máis abaixo.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Reilly, S. B., Bannister, J. L., Best, P. B., Brown, M., Brownell Jr., R. L., Butterworth, D. S., Clapham, P. J., Cooke, J., Donovan, G. P., Urbán, J. & Zerbini, A. N. (2008): Balaenoptera edeni na "Lista vermella de especies ameazadas" da UICN.
  6. Balaenoptera brydei Olsen, 1913 en WoRMS.
  7. "Balaenoptera TSN 180523". Sistema Integrado de Información Taxonómica (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2018. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Carwardine, M. (1985), pp. 64-67.
  9. Ohsumi, S. (1978): "Bryde’s whales in the North Pacific in 1976". Reports of the International Whaling Commission 28: 277-280.
  10. Wade, P. R. and Gerrodette, T. (1993): "Estimates of cetacean abundance and distribution in the eastern tropical Pacific". Reports of the International Whaling Commission 43: 477-493.
  11. Omura, H. (1977): "Review of the occurrence of Bryde's whale in the Northwest Pacific". Reports of the International Whaling Commission 1: 88-91.
  12. Gallardo V. A., Arcos D., Salamanca, M. and Pastene, L. (1983): "On the occurrence of Bryde’s whales (Balaenoptera edeni Anderson 1878) in an upwelling area off central Chile". Reports of the International Whaling Commission 33: 481-488.
  13. Best, P. B., Butterworth, D. S. and Rickett, L. H. (1984): "An assessment cruise for the South African inshore stock of Bryde's whales (Balaenoptera edeni)". Reports of the International Whaling Commission 34: 403-423.
  14. Williamson, G. R. (1975): "Minke whales off Brazil". Scientific Reports of the Whales Research Institute 27: 37-59.
  15. Mullin, K. D. and Fulling, G. L. (2004): "Abundance of cetaceans in the oceanic northern Gulf of Mexico, 1996-2001". Marine Mammal Science 20 (4): 787-807.
  16. Aguilar, A. (1984): "Historical review of catch statistics in Atlantic waters off the Iberian Peninsula". IWC Scientific Committee.
  17. Tønnessen J. N. and Johnsen A. O. (1982): The History of Modern Whaling. University of California Press, Berkeley and Los Angeles, CA, USA.
  18. Pérez Alberti, A. dir. (1982), p. 210.
  19. Díaz d'a Silva e Cartelle (12007), pp. 130-133.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]