Baixa Idade Media

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Baixa idade media»)
Historia (occidente)
Protohistoria
Idade Antiga Antigüidade clásica
Antigüidade tardía
Idade Media Alta Idade Media
Baixa Idade Media
Plena Idade Media
Crise da Idade Media
século XV
Idade Moderna
século XVI
século XVII
século XVIII
Idade Contemporánea século XIX
século XX
século XXI

A Baixa Idade Media[1] é o período histórico que abrangue a historia europea dende o século XI ata o século XV. Comeza coa batalla de Hastings en 1066, fundación do reino de Inglaterra, e remata co xurdimento do Renacemento en Italia e España. Como data de remate empréganse dúas datas, ben a conquista de Bizancio polos otománs en 1453 ou o descubrimento de América por Cristovo Colón o 12 de outubro de 1492.

Así e todo, débese ter en conta que non se trata dun termo que suscite o consenso unánime da historiografía. Algúns especialistas usan este termo para referirse unicamente aos séculos XIV e XV, en que entraría en crise a sociedade medieval, sobre todo a partir das epidemias de Peste Negra. Eses especialistas usan o termo Plena Idade Media para referirse aos séculos XI, XII e XIII, en que a sociedade feudal coñecería o seu máximo desenvolvemento. Así mesmo, o termo, nun sentido estrito, aplícase unicamente á Europa cristiá, aínda que tamén pode servir para categorizar a historia dos territorios islámicos. Fóra destes territorios, o termo carece de sentido.

En Europa[editar | editar a fonte]

Algúns trazos básicos da Baixa Idade Media serían:

  • O feudalismo como predominante sistema económico en Europa. Neste sistema, os señores feudais tiñan relacións de vasalaxe con señores feudais menos importantes e co pobo, o sistema de vasalaxe comprendía dende o pago de taxas e impostos ata o servizo militar en favor do señor.
  • A cristianización da práctica totalidade de Europa, coa conversión ao cristianismo do pobo viquingo en Europa setentrional e do pobo eslavo en Europa oriental.
  • As cruzadas, dende o 1095 (Urbano II) organízanse varias Cruzadas para conquistar Terra Santa. Os inicios destas guerras eran dados polo Papa e constituíanse mediante a colaboración de nobres de varios países e ordes de cabalaría.
  • Extensión de ordes monásticas e fundación de mosteiros.
  • Nas artes o estilo románico e gótico difundíranse por todos os territorios de Europa occidental. Nas áreas de influencia do Imperio Romano de Oriente (Balcáns, Grecia, península de Anatolia, Rusia...) continuarán a desenvolverse as técnicas e estilos propios da arte bizantina.
  • A conformación dalgúns dos principais estados de Europa occidental, como o reino de Francia, Inglaterra ou Portugal, a Coroa de Castela e a de Aragón ou os estados italianos e alemáns. Moitos destes estados serán a base para a creación das modernas entidades nacionais europeas.
  • No século XII e XII xorden a burguesía como clase social debido ó incremento do comercio e a que moitas cidades tiñan protección directa dos reis.
  • Un forte crecemento da poboación europea. Estímase que a poboación europea ascendería, ao final do Imperio Romano, a entre 25 e 35 millóns de habitantes. Esa cifra permanecería máis ou menos estancada até finais da Alta Idade Media, cando comezaría a crecer de novo. A finais do século XIII, calcúlase que a poboación europea podería ascender a entre 70 e 80 millóns de persoas. Este crecemento estaría fundamentado nunha mellora das condicións climáticas e dos rendementos agrícolas.
  • Un forte crecemento das cidades, amparado no aumento da actividade comercial, política e cultural. Moitas desas cidades eran antigos núcleos urbanos do Imperio Romano, que tras quedaren moi reducidos durante a Alta Idade Media volven a experimentar un aumento de poboación. Nas áreas que non pertenceran ao Imperio Romano, moitas das cidades serán núcleos de nova fundación.
  • A creación das primeiras universidades, concibidas inicialmente como centros para a formación dos eclesiásticos e da burguesía.
  • As epidemias de Peste Negra. O primeiro andazo desta enfermidade infecciosa estenderíase por toda Europa entre os anos 1347 e 1352. Con todo, novos andazos repetiríanse nos anos seguintes, de forma que a poboación europea tería descendido a finais do século XIV a entre 45 e 50 millóns de habitantes. Aínda que os andazos de Peste Negra seguirían repetíndose aínda na Idade Moderna, os seus efectos serán cada vez menos devastadores. De feito, a finais da Idade Media estímase que a poboación europea estaría arredor dos 60 millóns de habitantes. Ademais, a Peste Negra posibilitaría nalgúns áreas unha alza dos salarios e mellores condicións de vida para o campesiñado, ao descender a man de obra dispoñible.

En Galiza[editar | editar a fonte]

Algús dos trazos básicos da Baixa Idade Media en Galiza serían:

  • O crecente poder da Igrexa de Compostela, que será a figura de maior relevo do país, en especial trala consecución da dignidade arcebispal por parte de Diego Xelmírez en 1120.
  • A creación do Reino de Portugal como un estado separado do Reino de Galiza, oficializado en 1137.
  • A crecente integración do Reino de Galiza na Coroa de Castela e, polo tanto, unha crecente perda de centralidade política.
  • A integración, desde mediados do século XII, dos mosteiros galegos na orde cluniacense.
  • A creación dunha nobreza propia, que acabará por conformarse ao longo do século XIV, cando a crise baixomedieval propicie o nacemento de novas familias como os Andrade, os Lemos ou os Sarmiento.
  • Desde o punto de vista cultural, unha forte difusión do estilo románico e a creación da lírica galaico-portuguesa, que reflicte a difusión do galaico-portugués como o idioma de toda a poboación.

Comezo da Idade Moderna[editar | editar a fonte]

A conservación dos escritos clásicos gregos e romanos nos mosteiros polo contacto co mundo musulmán, fan brotar autores precursores do Renacemento como Dante ou Petrarca. A aparición da imprenta como elemento unificador de cultura e a maior capacidade adquisitiva da burguesía que é empregada no mecenado, sobre todo en Italia, fan que se transforme a mentalidade medieval. Os reis comezarán a ter máis poder e definitivamente aparecerán estados unificados mediante leis, antepoñéndose intereses de Estado ós intereses feudais.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para baixomedieval.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]