Bacteria verde do xofre
As bacterias verdes do xofre ou Chlorobi constitúen un pequeno grupo de bacterias que realizan a fotosíntese anoxixénica (que non desprende O2).[1]
Índice |
[editar] Características
Son fotolitoautótrofas obrigadas que usan sulfuro de hidróxeno (H2S) ou xofre (S) como doantes de electróns (por comparación, as plantas durante a fotosíntese usan auga como doante de electróns e producen osíxeno). As estruturas onde se almacenan os pigmentos fotosintéticos están unidas á membrana e coñécense como clorosomas ou vesículas clorobiais. Estes clorosomas conteñen bacterioclorofila "c", "d" e "e".
Estas bacterias encóntranse nas zonas ricas en xofre e anaerobias dos lagos. Algunhas destas bacterias conteñen vesículas que lles permiten por flotación vivir á profundidade máis axeitada para conseguiren unha cantidade óptima de luz e H2S, xa que estas bacterias son xeralmente inmóbiles (coñécese unha especie que ten un flaxelo). Outras especies non teñen vesículas e viven no fango rico en xofre do fondo dos lagos e lagoas. Estas bacterias son moi diversas morfoloxicamente e poden presentarse como bacilos, cocos e vibrios. Algunhas crecen soas, outras en cadeas e poden ser de cor verde ou castaña chocolate.
Atopouse unha especie de bacteria verde do xofre vivindo nunha fumarola submarina da costa mexicana do Pacífico a unha profundidade de 2.500 metros. A esta profundidade, as bacterias, denominadas GSB1, viven do feble resplandor do respiradeiro termal, xa que ningunha luz do sol pode penetrar a tal profundidade.[2]
As bacterias verdes do xofre clasifícanse na familia Chlorobiaceae que, ao non estar estreitamente emparentada con ningunha outra, se inclúe no seu propio filo, Chlorobi. O grupo máis próximo é Bacteroidetes.
[editar] Clasificación
- Dominio: Bacteria
- Filo: Chlorobi
- Clase: Chlorobia
- Orde: Chlorobiales
- Familia: Chlorobiaceae
- Xéneros: Chlorobium, Ancalochloris, Chloroherpeton, Clathrochloris, Pelodictyon, Prostheochloris.
[editar] Notas
- ↑ D.A. Bryant & N.-U. Frigaard. "Prokaryotic photosynthesis and phototrophy illuminated". Trends Microbiol. (11). DOI: 10.1016/j.tim.2006.09.001.
- ↑ Beatty JT, Overmann J, Lince MT, Manske AK, Lang AS, Blankenship RE, Van Dover CL, Martinson TA, Plumley FG.. "An obligately photosynthetic bacterial anaerobe from a deep-sea hydrothermal vent". Proc. Natl Acad. Sci. USA (26). DOI: 10.1073/pnas.0503674102.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
- Chloroflexi (bacterias verdes non do xofre)
[editar] Ligazóns externas
- The Family Chlorobiaceae. The Prokaryotes.