Baño de María
O baño de María é un método de calefacción empregado nas industrias (farmacéutica, cosmética, de alimentación, como a conserveira), en laboratorios de química (especialmente en química orgánica, para a síntese orgánica), en bioloxía molecular e na cociña, para conferir unha temperatura uniforme a unha substancia líquida ou sólida, ou para quecela lentamente, mergullando o recipiente que a contén noutro maior que contén auga ou aceite que se levan a, ou están en, ebulición.
Esta técnica que quecemento ten a vantaxe de evitar unha achega de calor demasiado forte e permite controlar o quecemento evitado o risco de que se queime, mesmo parcialmente, o que se está preparando. O aceite emprégase cando se queren alcanzar temperaturas superiores aos 100 ºC.
Índice |
Concepto [editar]
O concepto de baño de María implica o quecemento indirecto, por convección térmica do medio auga.
Para quentar ao baño de María hai que introducir un recipiente pequeno dentro doutro máis grande con auga e poñelo ao lume. Deste xeito, o que se quenta en primeiro lugar é a auga contida no recipiente de maior tamaño, e esta é a que, pouco a pouco, vai quecendo o contido do recipiente menor, dun modo suave e constante. É indispensábel que en todo o tempo o recipiente interior (o máis pequeno), teña contacto coa auga; doutra forma non se producirá a transmisión da calor.
Utilizando diferentes líquidos (aceites, solucións salinas, etc.) no recipiente inferior obteremos diferentes temperaturas de traballo. Cando se usa auga, a máxima temperatura do produto do recipiente superior non excederá os 100 ºC (punto de ebulición da agua ao nivel do mar e presión normal).
Historia e lenda do baño de María [editar]
Sobre a invención do baño de María hai varias versións.
Segundo o químico alemán Lippmann, o médico e matemático grego do século V a.C. Hipócrates de Chios e o naturalista Teofrasto século IV a.C. foron os primeiros que describiron a técnica do baño de María [1].
A primeira mención desta versión é de Zósimo de Panópole, autor no século IV do máis antigo texto coñecido sobre a alquimia.
Pero atribúese a vulgarización do baño de María a Alberte o Magno (c. 1200-1280).
Segundo o patrón da química e dos químicos, o nome de baño de María proviría do vocabulario alquímico antigo, falando daquela do "baño de María" en referencia á alquimista María a Xudía, irmá de Moisés e Aarón, e unha das figuras da alquimia no século III, sobre a existencia da cal non hai acordo, pero á que se lle atribúen tamén a orixe de certos utensilios de laboratorio.
Dise que María a Xudía experimentara o método do baño en auga (Balneum Mariae en latín medieval) para imitar as condicións da natureza e quentar lentamente mesturas de varias substancias (elixir) e producir deste xeito ouro ou outros metais preciosos.
A primeira cita en latín Balneum Mariae data de comezos do século XIV, no Rosarium atribuído a Arnau de Villanova ou Arnaldo de Villanueva (c. 1238-1311)[2].
Usos do baño de María [editar]
En cociña [editar]
Co baño de María pódense elaborar sobremesas como flan, pudin ou paté, e é un método ideal para quentar elaboracións delicadas, como fundir chocolate sen que se queime. Tamén para a elaboración de salsas, como por exemplo a salsa holandesa e a salsa bearnesa, así como diferentes tipos de cremas. E é o proceso que se usa para facer conservas, e tamén para quecer os biberóns.
Podemos cocer ao baño de María sobre o lume ou á calor da nosa cociña ou no forno, e para obter bos resultados debemos ter en conta algúns puntos, como non encher demasiado o recipiente da auga xa que cando comece a ferver podería salpicar. Sempre é mellor engadir auga quente, e non fría, no caso de que fixera falta.
En química [editar]
Os químicos utilizan frecuentemente o baño de María para evitaren a destrución de moléculas termolábiles por contacto coa parede do recipiente excesivamente quente; a axitación non é suficiente para a repartición das calorías. Permite unha mellor regulación da temperatura, aínda que se necesita unha achega de enerxía máis importante.
Permite tamén aumentar a temperatura do medio reaccionante.
En bioloxía molecular [editar]
Utilízase principalmente o baño de María, por exemplo, para efectuar desnaturalizacións. Para aplicacións a máis baixa temperatura, como as dixestións enzimáticas cos enzimas de restrición sobre o ADN a 37° C, por exemplo, utilizarase mellor un baño termostático.
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- José María de Jaime Lorén. 2003. Epónimos científicos. Baño María. María La Judía. Universidad Cardenal Herrera-CEU. (Moncada, Valencia).
- 1 de 3.
- Prof. Dr. Hassan S. El Khadem. 1996. A Translation of a Zosimos' Text in an Arabic Alchemy Book. Journal of the Washington Academy of Sciences. Volume 84. Number 3, Pages 168-178. September 1996|http://www.washacadsci.org/Journalarticles/ZosimosText.H.S.ElKhadem.pdf}}