Baía de Algeciras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 36°7′51.91″N 5°23′45.63″W / 36.1310861°N 5.3960083°W / 36.1310861; -5.3960083

Vista por satélite da baía.

A Baía de Algeciras é unha baía situada no sur da península Ibérica, no estreito de Xibraltar, pechada ao leste pola península homónima, onde se acha a Rocha de Xibraltar. Ten uns 10 km de longo por uns 8 de ancho, o que se traduce nunha superficie de 7.500 hectáreas, con profundidades de ata 400 m no centro da baía.

As súas ribeiras pertencen, de oeste a leste e en sentido horario, aos municipios de Algeciras, Los Barrios, San Roque e La Línea de la Concepción (na provincia española de Cádiz), e ao Territorio Británico de Ultramar de Xibraltar.

Mapa do século XVIII.

Nas súas beiras atópanse dous activos portos, o de Xibraltar e o de Algeciras (o cal, co nome de Baía de Algeciras, ocupa a práctica totalidade da ribeira española).

Dous faros sinalizan a entrada á baía, o de Punta de Europa, en Xibraltar, ao leste, e o de Punta Carnero, na costa alxecireña, ao oeste.

Polémicas [editar]

A baía de Algeciras é escenario continuo de protestas de grupos ecoloxistas, os cales denuncian especialmente o denominado bunkering. Esta actividade consiste no traspaso de petróleo ou derivados deste dun barco a outro no mar. Producíronse nos últimos anos accidentes de gabarras destinadas a esta actividade, especialmente con destino a Xibraltar, que se traduciron en verteduras de fuel e outros derivados.

Aproximadamente transvásanse 5 millóns de toneladas de fuel mariño cada ano. Estes transvasamentos lévanos a cabo sobre todo tres compañías con base en Xibraltar.

Tamén xurdiu polémica a presenza de barcos cazatesouros na Baía durante o ano 2007 que, segundo as autoridades españolas puideron espoliar xacementos arqueolóxicos subacuáticos de importancia.

Véxase tamén [editar]