Avro Lancaster

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Avro Lancaster
Avro Lancaster B I PA474.jpg
Avro Lancaster no Battle of Britain Memorial Flight
Tipo Bombardeiro
Fabricante Avro
Deseñado por Roy Chadwick
Primeiro voo xaneiro de 1941
Introducido 1942
Retirado 1963 (Canadá)
Construídos 7.377

O Avro Lancaster foi un bombardeiro pesado nocturno británico usado durante a Segunda Guerra Mundial. O seu deseño partíu do Manchester Mk III, voou por vez primeira en xaneiro de 1941 e entrou en servizo a principios de 1942. Xunto co Handley Page Halifax foi un dos principais bombardeiros pesados da RAF, a RCAF e de outros países da Commonwealth e Europa con escuadróns integrados no Mando de Bombardeiros da RAF. Está considerado o mellor bombardeiro da Royal Air Force durante a guerra.

Aínda que o Lancaster foi principalmente un bombardeiro nocturno, destacou noutros moitos roles como en bombardeos de precisión diúrnos, e gañou renome como o "Dam Buster" (destructor de encoros) ao ser usado na Operación Chastise en 1943 nos ataques contra os encoros da zona do Ruhr, en Alemaña.

Na actualidade consérvanse 17 Lancasters completos en todo o mundo, dos cales dous aínda voan. Un deles está baseado no Reino Unido, operado pola The Battle of Britain Memorial Flight, e o outro en Canadá, en voo co Canadian Warplane Heritage Museum.