Avelino Díaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAvelino Díaz
Nome orixinalAvelino Díaz Díaz
Biografía
Nacemento14 de novembro de 1897
A Órrea, España Editar o valor em Wikidata
Morte29 de marzo de 1971
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxornalismo
Xénero artísticoPoesía
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeFelisa Iduriaga (†1984)
FillosCatro
PaiManuel María García Castro Editar o valor em Wikidata

Avelino Díaz Díaz, nado na Órrea (Riotorto), o 14 de novembro de 1897 e finado en Buenos Aires o 29 de marzo de 1971, foi un poeta e xornalista galego. No seu libro monográfico de 2003, Marivel Freire identifícao como "unha voz comprometida na Galicia emigrante".[1] A súa outra faceta poética, máis lírica e sensible, foi escrita toda na Arxentina, onde viviu case toda a vida. É caracterizada polo sinal da perspectiva existencial da diáspora.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no lugar da Travesa, na parroquia de Santa Comba da Órrea, onde foi bautizado ós poucos días. Foi fillo de Antonia Díaz Díaz e do poeta Manuel María García Castro, quen nunca o recoñeceu legalmente. Criouse coa nai e os avós maternos na Travesa ata que ós dez anos a familia mudouse a Meira. En 1910, con tan só doce anos, emigrou cun irmán de súa nai a Buenos Aires.

Volveu a Galicia en 1916 sen cartos, mais coa educación que conseguiu adquirir na maior cidade da América hispana. De volta en Meira, residiu no barrio da Pena, e exerceu, sen título oficial, de mestre en tres escolas das aldeas veciñas. O que recibía en troco era tan pouco que se viu compelido, segundo confesou anos máis tarde, a ir ás segas de Castela, das que cinco décadas antes se queixara Rosalía.

Ante as escasas expectativas de progreso, e probablemente para evitar ser recrutado para as campañas de Marrocos, en 1920 decidiu emigrar de novo, esta vez a Cuba. O traballo era tan inclemente que deixou a illa en breve. En 1921, un ano despois, viaxou de novo a Buenos Aires, onde se estableceu de forma definitiva. Pasou alí o resto da súa vida, agás por viaxes esporádicas de traballo a Montevideo.

Os primeiros anos na segunda estadía bonaerense foron de penuria económica. Desempeñou os máis humildes traballos, pero cun afinco e honradez louvados por quen o coñeceron. Conseguiu finalmente estabilidade como contable e inspector de control de calidade da central leiteira bonaerense La Martona, en que se xubilou en 1965.

Casou con Felisa Iduriaga, de orixe navarra, e tiveron catro fillos, Avelino (1927-1975), Armando (1932), Alfredo (1936) e Alberto (1940), nun fogar do que sempre se sentiu orgulloso.

Segundo deixou escrito, comezou a escribir de moi novo, en castelán. Non se interesou por empregar o galego ata que Ramón Suárez Picallo llo suxeriu contra 1925 e comezou a frecuentar os "Céltigos". Os primeiros textos poéticos que se coñecen del publicáronse, de feito, en Céltiga, "revista galega de arte, crítica, literatura e actualidade" en 1926. En 1927 comezou a colaborar en El Despertar Gallego, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales. O ano seguinte foi membro da súa comisión de prensa.

O seu activismo social e cultural xirou en torno da súa implicación persoal na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, creada a principios da década de 1920 coa integración de varias decenas de sociedades agrarias e culturais. Unha das entidades que se incorporou á Federación foi, precisamente, a Sociedade do Concello de Meira, fundada en 1924 e animada por el mesmo e varios meiregos emigrados, entre eles, José Benito Abraira. A actividade recreativa e cultural que despregou con esta asociación deulle o sobrenome con que foi coñecido no ámbito,: "o poeta de Meira".

Chegou a acadar unha respectable posición no campo literario da diáspora galega grazas ás colaboracións regulares en prosa e verso nos moitos xornais e revistas das comunidades galegas, como Céltiga, El Despertar Gallego, Galicia, Lugo, Orzán, Alborada, Opinión Gallega, Lar, Aquí, Galicia Emigrante, Aturuxo, Lérez, Vieiros ou Correo de Galicia. Tivo unha participación activa na vida cultural da colectividade galegoporteña: fixo recitais, deu conferencias, traduciu ós amigos, creou pezas para teatro, colaborou con músicos e coros e axudou en audicións de radio.

Panteón do Centro Gallego no cemiterio de La Chacarita.

A súa devoción pola poesía estendeuse ó longo de catro décadas de oficio continuado. Publicou un considerable número de poemas de diversa índole, fundamentalmente na prensa. Amais, autoeditou tres libros de poemas:

  • Flor de retama, en castelán, 1947
  • Debezos, en galego, 1947
  • Pallaregas, en galego, 1963)

O seu libro póstumo, 11 poemas a Castelao (1975), é unha homenaxe dupla do Centro Lucense ó labor dos dous galeguistas no 25 aniversario do pasamento do primeiro presidente do Consello de Galiza. Varias pequenas obras teatrais e polo menos 6 poemarios, deixados dispostos en cartafoles, permanecen inéditos.

O activismo político aparece vencellado ó social e cultural. Era un convencido patriota galego, republicano e progresista. En 1930 estaba no grupo que constituíra a sección arxentina da ORGA. Cultivou a compañía e amizade de Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Rodolfo Prada, Francisco Regueira e Campos Couceiro. Chegou a dirixir o Galicia da Federación, sucesor de El Despertar Gallego, e un dos máis importantes periódicos da colectividade galegoporteña. En varias ocasións, estivo á fronte de Lugo e de Opinión Gallega. Participou nos consellos de redacción dos tres xornais e doutras publicacións máis esporádicas coma Verba, subtitulada revista oral e mural en galego.

CEIP Poeta Avelino Díaz, Meira.

Tralo estalido da guerra civil española formou parte dos Comités de Axuda á España leal e militou dentro da Unión Gallega (1938-1946) no Centro Galego. Derrotada a República, mantívose sempre fiel ós ideais que afianzara desde a súa volta á capital arxentina. Contribuíu de maneira moi destacada ós proxectos do galeguismo da Irmandade Galega. Formou parte da xunta directiva de A Nosa Terra, refundada en 1942, e da comisión de Cultura do Consello de Galiza creada en 1944. Formou parte de varios xurados literarios e musicais do Centro Galego e do Centro Ourensán.

Foi membro do Consello de Galiza e do Centro Gallego de Buenos Aires e académico correspondente da Real Academia Galega.[3] O seu nomeamento en 1951 efectuouse por intermediación dos Carré, cos que mantiña correspondencia e lazos de amizade. Envioulle á Real Academia os tres libros autoeditados.

No I Congreso da Emigración Galega, celebrado na capital arxentina en 1956, desempeñou o cargo de secretario.

Case cego, viviu con Alzhéimer os últimos anos da súa vida, sempre ó coidado da súa muller e da familia do seu fillo, Alfredo. Morreu o 29 de marzo de 1971 no sanatorio do Centro Galego.

Foi soterrado no panteón do Centro Gallego, moi cerca de Castelao, a quen o unía un afecto mutuo, e de Ramón Suárez Picallo, quen o animara a escribir en galego. A Nosa Terra e a prensa da colectividade da época fixéronse eco do seu pasamento e do respecto e agarimo merecidamente gañado no seu seo. En Galicia, con Franco aínda vivo, os xornais La Voz de Galicia e El Progreso só recolleron unhas breves liñas do poeta e xornalista.

Felisa, a súa dona, finou en 1984.

Obra poética[editar | editar a fonte]

Galego[editar | editar a fonte]

  • Debezos, 1947. Buenos Aires: Imprenta de José Rosenbaum. (66 poemas).
  • Pallaregas, 1963. Buenos Aires: Imprenta de Cabrera y Rey. (36 poemas)
  • 11 poemas a Castelao, póstuma, 1975. Buenos Aires: Centro Lucense.
  • Carta pr-á Terra, 1945. Inédito. (1 único poemario de 1110 versos)
  • Adunia, 1947. Inédito. (1 poemario de 2172 versos)
  • Rolanza, 1948. Inédito. (33 poemas).
  • Fidelidade, 1950. Inédito. (22 poemas).
  • Zoar, 1953. Inédito. (10 poemas).
  • Novas, 1959. Carpeta con 62 poemas inéditos.
  • Boas, c.1960. Carpeta con 39 poemas inéditos.

Castelán[editar | editar a fonte]

  • Flor de retama, 1947. Buenos Aires: Establecimiento Gráfico Tasca y Cia. (58 poemas).

Obra teatral[editar | editar a fonte]

Galego[editar | editar a fonte]

  • Cuestión de sorte. 1931. Inédita. Estreada en Buenos Aires polo Conxunto Artístico Concepción Arenal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A propia escolla do poema da contraportada "Érguete pobo" faise eco desta caracterización: Freire Freire, Marivel (2003). Avelino Díaz. Unha voz comprometida na Galicia emigrante. Lugo: BDPCh. 
  2. Fernández Salgado, 2015.
  3. "Membros correspondentes". Real Academia Galega. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]