Autacoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os autacoides ou "autocoides" son factores biolóxicos que actúan como hormonas de efecto local, por un tempo breve, sempre preto do sitio onde foron sintetizadas,[1] e non son transportadas por vía sanguínea. Estas moléculas regulatorias tamén se metabolizan localmente. Por tanto, prodúcense, actúan e metabolízanse localmente [2]. Como son hormonas locais teñen un efecto parácrino. Todo isto diferénciaos das hormonas normais, as cales poden liberarse moi lonxe de onde actúan, viaxan por vía sanguínea e está moi regulada a súa produción. A palabra autacoide procede do grego "autos" e "acos" e significa "autoalivio", "autorremedio".

Exemplos importantes de autacoides son: eicosanoides (como prostaglandinas, tromboxanos ou leucotrienos), anxiotensina, neurotensina, NO (óxido nítrico), cininas, histamina, serotonina, endotelinas, palmitoiletanolamida, etc.

Os autacoides poden ter moitas funcións biolóxicas, como regular o fluxo sanguíneo local, a homeostase e os procesos inflamatorios. Algúns autacoides caracterízanse principalmente polo seu efecto sobre o músculo liso. Sobre o músculo liso vascular poden ser tanto vasoconstritores coma vasodilatadores. [3] Durante os períodos de exercicio poden liberarse autacoides vasodilatadores; o seu principal efecto é sobre a pel, facilitando a perda de calor.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Franklin A. Ahrens (1 October 1996). Pharmacology. Wiley-Blackwell. pp. 45–. ISBN 9780683000856. http://books.google.com/books?id=JgtQHQY7VJQC&pg=PA45. Consultado o 25 November 2010. 
  2. Keith Parker; Laurence Brunton; Goodman, Louis Sanford; Lazo, John S.; Gilman, Alfred (2006). Goodman & Gilman's The Pharmacological Basis of Therapeutics, 11, New York: McGraw-Hill. ISBN 0071422803 [1]
  3. MeshName Autacoids