Austria - Österreich
Austria (en alemán: Österreich), oficialmente República de Austria (en alemán: Republik Österreich), é un estado da Europa central sen saída cara o mar, con máis de 8,4 millóns de habitantes. Fai fronteira con Alemaña e a República Checa ao norte, Eslovaquia e Hungría ao leste, Eslovenia e Italia ao sur, e Suíza e Liechtenstein ao oeste. O territorio de Austria abrangue 83.872 quilómetros cadrados e posúe un clima temperado e alpino. O terreo austríaco é altamente montañoso debido á presenza dos Alpes, polo que tan só o 32% do país se atopa por debaixo dos 500 metros, sendo o seu punto máis alto 3.797 metros. A meirande parte da poboación fala en lingua alemá, a cal é o idioma oficial da República. A parte do alemán, son linguas rexionais oficiais o croata, o esloveno e o húngaro.
As orixes de Austria datan da época do Imperio Romano, cando un reino celta foi conquistado polos romanos ao redor do ano 15 a.C.. Ese territorio pasou a ser a mediados do século I a provincia romana de Noricum, nun área que se correspondería aproximadamente ao actual país. No ano 788 d.C., o rei franco Carlomagno conquistou a area e introduciu o cristianismo. Baixo a dinastía Habsburgo, Austria converteuse nunha das principais potencias europeas. En 1867, o Imperio Austríaco foi pasou ser Austria-Hungría.
O Imperio Austro-Húngaro colapsou en 1918 co fin da Primeira Guerra Mundial, sendo estabelecida en 1919 a Primeira República Austríaca. No Anschluss de 1938, Austria foi ocupada e anexionada pola Alemaña nazi. Esta situación durou até a fin da Segunda Guerra Mundial en 1945, despois de que o país fose ocupado polas forzas aliadas, sendo restaurada a súa antiga constitución democrática. En 1955, despois da restauración definitiva do Estado, Austria declarouse permanentemente neutral.
Hoxe, Austria é unha democracia parlamentar composta por nove estados federais. A capital, é cidade máis grande do país, con 1,7 millóns de habitantes, é Viena. Austria é ademais un dos países máis ricos do mundo, cun PIB nominal per cápita de 43.723 dólares estadounidenses. O país desenvolveu pois un alto nivel de vida, e en 2008 era o número catorce do mundo en Índice de Desenvolvemento Humano. Austria é membro das Nacións Unidas dende 1955, forma parte da Unión Europea dende 1995 e é membro fundador da OCDE. Austria tamén asinou o Acordo de Schengen en 1995, adoptando como moeda o euro en 1999.
Índice |
Etimoloxía [editar]
O nome alemán de Austria, Österreich, deriva da lingua alto alemá antiga en que se lle denominaba Ostarrîchi, cuxo significado é territorio ou dominio oriental. O primeiro manuscrito onde rexistra esta denominación é o "Ostarrîchi document" de 996 subscrito polo emperador Otón III. A finalidade do texto foi determinar a área gobernada polo conde de Babenberg, Henrique I e, igualmente, sometela á xurisdición do bispo de Frisia. A zona indicada no documento corresponde maiormente ao actual estado austríaco (Land) chamado Burgenland. O nome Austria deriva dunha errónea latinización da palabra xermánica "Leste" (Öst) en "austrō" ou "auster" (metaforicamente significan austral, austrālis). O termo Ostarrîchi, de onde deriva Österreich/Austria, orixinouse probablemente na denominación latina do territorio: Marchia Orientalis.
A súa tradución é marca oriental ou límite oriental, xa que a súa situación xeográfica situábaa no límite sur-oriental do Sacro Imperio Romano. Isto motivo que un nome alternativo para o devandito territorio fose Ostmark. Con todo, o historiador austríaco Friedrich Heer, no seu libro Der kampf um die österreichische identität (A loita pola identidade austríaca), sostén que a denominación germánica Ostarrîchi non foi unha tradución da denominación latina de Marchia Orientalis. A súa orixe remóntase a 2.500 anos antes de Cristo coa cultura celta de Hallstatt que denominaron á zona como Norig, en que No- ou Nor- significa oriental e Rig, que é a orixe da palabra alemá Reich, pode traducirse como dominio ou territorio. A conquista romana habería latinizado o nome como Noricum, pero sen perder o significado intrínseco. O que determinaría o nome primitivo de Ostarrîchi e, con iso, as actuais denominacións de Österreich e Austria.
Historia [editar]
Prehistoria e Idade Media [editar]
Colonizada xa dende tempos prehistóricos, as terras centroeuropeas que hoxe son coñecidas como Austria foron habitadas por tribos prerromanas, incluíndo os celtas. Despois da caída do Imperio Romano, do cal a maior parte de Austria foi parte (todo o territorio baixo o Danubio), a área foi invadida por bávaros, eslavos e avaros. Carlomagno conquistou o territorio no ano 788 e promoveu a colonización e a cristianización da zona. Como parte do leste de Francia, as áreas do centro da actual Austria pertencían á casa dos Babenberg. O territorio era coñecido como marchia orientalis e fora dado a Leopoldo de Babenberg en 976.
O primeiro documento que amosa o nome de Austria data do ano 996 onde está escrito Ostarrîchi, referíndose o territorio dos Babenberg. O termo Ostmark parece ser unha tradución do termo marchia orientalis.
Os séculos seguintes caracterizáronse pola colonización do país. En 1156 o Privilegium Minus elevou a Austria ó status de ducado. No ano 1192, os Babenbergs engadíronlle o ducado de Estiria.
Co asasinato de Federico II en 1246, a liñaxe dos Babenbergers desaparece. Otakar III de Bohemia queda co control dos ducados de Austria, Estiria e Carintia trala súa morte. O seu reinado veuse a baixo coa perda da batalla de Dürnkrut da man de Rudolfo de Habsburgo en 1278. A partir dese momento, ata a Primeira Guerra Mundial, a historia de Austria pasará polas mans dos Habsburgo.
Ascenso de Austria a potencia mundial [editar]
Nos séculos XIV e XV, os Habsburgo comezan a ampliar as terras do condado de Austria. No ano 1438, o Duque Alberte V de Austria foi elixido como herdeiro do seu padrastro, o Emperador Sexismundo. Aínda que Alberte só reinou durante un ano, foi a única excepción nunha longa dinastía de Habsburgos.
Os Habsburgo comenzaron a expandi-las súas terras máis aló do seu condado. En 1477, o Arquiduque Maximiliano, fillo único do Emperador Federico III, casa coa herdeira de Borgoña, adquirindo así a maioría das terras dos Países Baixos. O seu fillo Filipe I de Castela alcumado ¨o fermoso¨ faría crecer as terras da familia ó casar con Xoana de Castela alcumada ¨a tola¨ engadindo ó condado as terras de España e as súas dependencias en Italia, África e no novo mundo.
En 1526, trala Batalla de Mohács, Austria expandiu as súas dependencias, engadindo ó seu reino Bohemia e a parte de Hungría non ocupada polos otománs. A expansión dos Habsburgo nas terras húngaras, tivo como consecuencia , a chamada a ¨Longa guerra¨ que durou dende 1593 a 1606.
Austria como potencia mundial [editar]
- Artigos principais: Congreso de Viena, Ausgleich e Imperio Austrohúngaro.
O longo reinado de Leopoldo I (1657-1705) viu a fin do conflito entre Austria e o Imperio Otomán. Trala batalla de Viena en 1683 e tras unha serie de campañas, asínase o Tratado de Carlowitz, polo que se incorpora en 1699 o territorio húngaro ó territorio austríaco.
Ó final do reinado de Carlos VI (1711-1740) viu como perigaba o futuro de Austria, debido ós receos de Carlos pola inminente desaparición da casa dos Habsburgo ó non ter herdeiros homes. Carlos estaba disposto a ofrecer todo tipo de vantaxes para poder publicar unha pragmática sanción que fixera á súa filla María Teresa a súa herdeira.
A Guerra de Sucesión Austríaca (1740 - 1748) chegou a ser inevitable despois de que María Teresa de Austria sucedera en 1740 ó seu pai Carlos VI nos seus dominios converténdose en raíña de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, duquesa de Parma, de Piacenza, e de Guastalla. Que unha muller herdara tan extensos territorios, na súa época, implicou moitas complicacións e o emperador Carlos VI anticipounas de longo, conseguindo aprobar a Pragmática Sanción de 1713. O plan estaba en ser ela elixida para os dominios hereditarios dos Habsburgo e o seu marido, Francisco I, duque de Lorena, ser elixido emperador.
A finais do século XVIII Austria enfrontouse á Francia revolucionaria , conflito que finalizou no ano 1797 coa derrota de Austria. A derrota contra Napoleón significou a fin do Sacro Imperio Romano Xermánico en 1806. Dous anos antes da fin do reino, en 1804 o Imperio de Austria fora fundado, transformándose en 1867 na monarquía dúal do Imperio Austrohúngaro. A pesares diso, en 1814 Austria formou parte das forzas aliadas invandindo Francia e conquistándoa. Tralas guerras contra Napoleón Austria emerxeu do Congreso de Viena en 1815 como unha das tres potencias dominantes de Europa (xunto con Rusia e Prusia).
O Ausgleich de 1867 proveu ó Imperio de Austria e ó Reino de Hungría dunha dobre soberanía, baixo o mandato de Francisco Xosé I, quen gobernou ámbolos dous reinos ata a súa morte o 21 de novembro de 1916. O reinado do Imperio Austrohúngaro, o que incluía terras alemás, checas, romanesas, serbias, entre outras, comezou a facerse máis e máis difícil cos agromos dos sentimentos nacionalistas.
Austria na Primeira Guerra Mundial [editar]
O asasinato do Arquiduque Francisco Xosé, por un radical Serbio na cidade de Saraievo, fixo que en 1914 estourase a Primeira Guerra Mundial e a desintegración do Imperio Austrohúngaro. Durante a guerra, Austriahungría foi unha das Potencias Centrais xunto con Alemaña, Bulgaria, e Turquía, a guerra acabou deixando ó país nun caos político e económico. Austria, unha vez separada de Hungría, convertíase nunha república en 1918. (Vexa Tratado de Saint-Germain.)
Entre 1918 e 1919 Austria foi coñecida co nome de Austria alemá (Republik Deutschösterreich). Despois de que os Aliados da Segunda Guerra Mundial prohibiran a unión de Alemaña con Austria, prohibíndolle tamén o nome, sendo coñecida dende aqueña co nome de República de Austria.
A monarquía disolveuse en 1919, sendo declarada a democracia parlamentaria e maila constitución o 10 de novembro de 1920.
Austrofascismo e o Terceiro Reich [editar]
Esta república democrática, a primeira República Austríaca, durou ata 1933 cando o chanceler Engelbert Dollfuss estableceu un réxime autocrático orientado ó fascismo italiano (Austrofascismo) o chanceler Engelbert Dollfuss, foi asasinado polos Nazismo o 25 de xullo de 1934. Kurt Schuschnigg, o seu sucesor, tratou de manter ó estado independente, pero o 12 de marzo de 1938, as tropas alemás ocuparon o país, e Hitler proclamou o seu Anschluss con Alemaña, uníndoo ó Terceiro Reich.
Despois da Segunda Guerra Mundial, os Estados Unidos e o Reino Unido declararon a nova liberdade de Austria. Tras concluír o seu tratado coa Unión Soviética e os outros poderes ocupantes, Austria recuperou a súa independencia de novo o 15 de maio de 1955. A segunda República Austríaca, establecida o 19 de decembro de 1945, e baseada na constitución de 1920 (modificada no 1929), foi declarada polo parlamento federal como permanentemente neutral.
Historia recente [editar]
Austria converteuse nun estado membro da Unión Europea en 1995, conservando a súa estrita constitución neutral e coa prohibición de tropas estranxeiras no seu territorio.
Política [editar]
Austria é unha república federal e democrática gobernada segundo unha constitución que data de 1920, aínda que foi modificada máis tarde.
O poder executivo é exercido polo presidente, que é elixido por sufraxio universal cada seis anos, e polo Consello de Ministros que dirixe un chanceler, designado polo presidente para un período non superior a catro anos.
O parlamento é bicameral, composto por:
- Consello Nacional (Nationalrat), con 183 membros, e
- Consello Federal (Bundesrat), con 64 membros.
Principais partidos:
- Partido Socialdemócrata de Austria (SPÖ),
- Partido Popular Austríaco (ÖVP),
- Os Verdes - Alternativa Verde (Die Grünen),
- Partido Liberal Austríaco (FPÖ)
- Liga polo Futuro de Austria (BZÖ)
- Foro Liberal (LIF)
- Partido Comunista de Austria (KPÖ)
- A Lista Hans-Peter Martin (HPM)
Divisións administrativas [editar]
Como república federal, Austria está subdividida en nove estados (Bundesländer en alemán). Cadanseu estado está dividido en distritos (Bezirke) e cidades (Statutarstädte). Os distritos están divididos en municipios (Gemeinden). As cidades teñen as competencias dos estatutos de municipio e distrito. Os estados non constitúen divisións só administrativas; dispoñen de autoridade lexislativa autónoma en relación ó goberno federal.
| En galego | En alemán | ||
|---|---|---|---|
| Estado | Capital | Bundesland | Landeshauptstadt |
| 1 Burgenland | Eisenstadt | Burgenland | Eisenstadt |
| 2 Carintia | Klagenfurt | Kärnten | Klagenfurt |
| 3 Baixa Austria | St. Pölten | Niederösterreich | St. Pölten |
| 4 Alta Austria | Linz | Oberösterreich | Linz |
| 5 Salzburgo | Salzburgo | Salzburg | Salzburg |
| 6 Estiria | Graz | Steiermark | Graz |
| 7 Tirol | Innsbruck | Tirol | Innsbruck |
| 8 Vorarlberg | Bregenz | Vorarlberg | Bregenz |
| 9 Viena | Viena | Wien | Wien |
Xeografía [editar]
- Artigo principal: Xeografía de Austria.
A maior parte do territorio de Austria está dentro da sección oriental dos Alpes que acadan alturas de máis de 3.000 m. o que fai do país un destino importante para os practicantes de deportes de inverno. A montaña máis elevada é o Grossglockner, con 3.798 metros sobre o nivel do mar. A poboación se concentra nos vales dos ríos entre os que destaca o máis importante, o Danubio, que entra en Austria por Passau, na fronteira con Alemaña; pasando por Linz e Viena, ata Bratislava, na fronteira con Eslovaquia. En Alemaña recibe o Inn, que pasa por Innsbruck, co seu afluínte o Salzach, que pasa por Salzburgo.
O lago Constanza é o máis grande do país e forma a fronteira oeste con Liechtenstein e Suíza.
O clima austríaco é temperado e se caracteriza polos seus invernos fríos e veráns frescos.
Economía [editar]
- Artigo principal: Economía de Austria.
Austria posúe unha desenvolvida economía social de mercado e un alto nivel de vida. Ata a década de 1980 moitas das grandes firmas austríacas foron nacionalizadas, esta tendencia virou nas últimas décadas coa chegada das privatizacións, axustándose así á media europea. Os movementos laborais son particularmente fortes en Austria e teñen unha grande influencia nas políticas de traballo.
Alemaña é dende tempos históricos, o maior socio comercial de Austria, facendo que a economía austríaca sexa vulnerable ós cambios da economía alemá. Dende que Austria se converteu en membro da Unión Europea o país viu reforzado as súas relacións económicas con outros países membros , reducindo a súa dependencia da economía alemá. Ademais, a estratéxica situación xeográfica de Austria preto dos países aspirantes á unión europea fixo que moitos inversores estranxeiros, atraídos polas economías emerxentes investisen no país. As estimacións de crecemento do país para o 2006 (sobre un 3%) son moito máis favorables que as da economía veciña alemá.
A moeda oficial de Austria é o Euro.
Demografía [editar]
| Composición étnica de Austria | ||||
|---|---|---|---|---|
| austríacos | 92% | |||
| eslovenos, húngaros, checos, eslovacos e croatas | 4% | |||
| turcos | 1.6% | |||
| outros | 2.4% | |||
Os austríacos son un grupo homoxéneo, aínda que nas últimas décadas, a forte inmigración a Austria está a cambiar a composición étnica do país.
Segundo o censo do 2001, o 88.6% da poboación son falantes nativos de alemán (96% Bávaro e 4% Alemánico) mentres que o 11.4% restante fala diferentes linguas minoritarias. Os falantes non alemáns de Austria pódense dividir en dous grupos: as minorías tradicionais, relacionados cos antigos territorios do Imperio dos Habsburgo, e as novas minorías, resultantes da nova inmigración.
Cultura [editar]
Austria foi a terra natal de varios compositores famosos, como Wolfgang Amadeus Mozart, Johann Strauss (pai e fillo), Arnold Schoenberg, Anton Webern, Alban Berg. Outros austríacos famosos foron os físicos Ludwig Boltzmann e Erwin Schrödinger, os filósofos Ludwig Wittgenstein e Kurt Gödel, o psicanalista Sigmund Freud, o poeta Peter Rosegger, e o pintor Gustav Klimt.
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Goberno Federal de Austria (en alemán).
|
|
|||||||
|
|||||
