Aureliano Pereira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aureliano José Pereira de la Riva, nado en Lugo o 22 de xaneiro de 1855 e finado en Madrid o 31 de outubro de 1906, foi un político, xornalista e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De orixes familiares humildes, non lle foi posible cursar estudos superiores. Desempeñou o labor de xornalista en publicacións periódicas como El Heraldo Gallego, El Diario de Lugo e El Regional (que dirixiu desde a súa fundación en 1884 ata 1893).

Liderou o rexionalismo federalista da segunda metade do século dezanove. Estivo afiliado durante anos ao Partido Republicano Federal de Galicia, no que ocupou cargos de certo relevo provincial, chegando a ser elixido concelleiro de Lugo en 1887. O seu peso na organización federal viría confirmarse ao ser nomeado, conxuntamente con Manuel Mosquera Lequerica e Modesto Moirón, membro da comisión encargada, xunto a Moreno Barcia, da redacción do Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego, texto clave do federalismo en Galicia, que sería discutido e aprobado na Asemblea de Lugo do 2 ao 7 de xullo de 1887.

Sen abandonar o federalismo, en 1890 intégrase na Asociación Regionalista Gallega de Manuel Murguía e Alfredo Brañas, como Secretario do Comité rexionalista de Lugo. Sendo un caso único no galeguismo do século XIX, ao articular o rexionalismo cultural e político co federalismo republicano.

Republicano convencido, contrario ao caciquismo, partidario dunha sociedade laica e inimigo do sistema foral, foi un home preocupado pola situación da muller do seu tempo e un simpatizante do movemento obreiro.

Apartado da practica política rexionalista desde 1893, apoia ao Partido Liberal Fusionista. En 1894 trasládase a Madrid cun posto de modesto funcionario no Ministerio de Fomento, onde transcorren os últimos anos da súa vida afastado de Galicia.

Obra[editar | editar a fonte]

Entre a súa obra poética, redixida na súa totalidade en lingua galega, destacan Cousas da aldea (1891) Terra a miña (1891) e A cova da serpe (1892), coas que obtería galardóns diversos en certames e xustas. Publicou ademais numerosas composicións soltas en xornais e revistas. Así mesmo, preocupado polo futuro da nosa literatura, sentiu a necesidade de crear unha editorial galega, obxectivo que se acadaría finalmente co nacemento da Biblioteca Gallega, impulsada por Andrés Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre.

Obras[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]