August Wilhelm von Schlegel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Wilhelm August von Schlegel.

August Wilhelm von Schlegel, nado en Hannover o 8 de setembro de 1767 e finado en Bonn o 8 de maio de 1845, foi un escritor, tradutor e crítico literario alemán, como o seu irmán Friedrich von Schlegel

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai, Johann Adolf Schlegel, era un pastor luterano e un compositor de himnos sagrados. En 1787 iniciou os seus estudos na Universidade de Gottinga, onde emprendeu os estudos de teoloxía, filoloxía clásica e estética. Tras ter rematado os estudos prestou servizo como preceptor privado en Amsterdam e en 1796 volveu a Jena para traballar como crítico critico literario. Naquel mesmo ano casou con Caroline Michaelis, coa cal comezou as traducións ao alemán das obras de Shakespeare. A súa actividade literaria comeza en 1798: nese ano publicou en Berlín, coa colaboración do seu irmán Friedrich e outros pensadores e poetas como Friedrich Schelling, Ludwig Tieck e Novalis a revista Athenaeum, que foi portavoz da primeira fase do Romanticismo alemán, o do Grupo de Jena.

Despois ensinou historia da arte e literatura en Bonn, localidade da súa amada e onde decidiu que había ser soterrado. Nos derradeiros anos de vida foi tamén crítico teatral e literario.

Entre as súas obras principais salienta sobre todo o Vorlesungen über drammatische Kunst und Literatur (ou sexa, Leccións sobre arte dramática e literatura, celebrado en Viena en 1809 e publicado en Heildelberg nese mesmo ano. Unha primeira publicación saíu en Italia, en Milán, en 1817 por obra de Gherardini), iniciado en 1809 e rematado de dar ao prelo dous anos máis tarde. Tal libro tivo vasta difusión en Europa e constituíu un punto de referencia teórico para os diferentes movementos románticos (pola súa literatura estivo influenciado Alessandro Manzoni na elaboración da súa crítica á traxedia clásica).

Fervente liberal, patriota e amigo de Germaine de Staël, entre 1808 e 1817 Schlegel viaxou con ela en Europa, difundindo tamén no exterior as súas teorías poéticas.

Tiveron notábel influencia sobre o teatro romántico alemán as apreciábeis traducións de Schlegel de dezasete obras de William Shakespeare, que contribuíron a facer coñecer en Alemaña o gran dramaturgo inglés. Importantes foron tamén as súas traducións das obras de Pedro Calderón de la Barca así como a incompleta da Divina Comedia (1791), que deu inicio aos estudos románticos sobre Dante.

Entre 1823 e 1830 publicou a revista Indische Bibliotek e editou (1823) o Bhagavad-Gītā cunha tradución ao latín, e o Ramaiana (1829). Estas obras marcan o comezo dos estudos de sánscrito en Alemaña. Menos importantes son as súas obras poéticas e o drama Ión (1803), inspirado na traxedia grega homónima de Eurípides.

Filosofía da linguaxe[editar | editar a fonte]

Nas súas Cartas sobre a Poesía de 1795 e dirixidas a unha imaxinaria Amalie, Schlegel discute sobre a orixe da linguaxe, temática que retomará de maneira máis profunda nas súas lecturas universitarias de Jena e Berlín. Na súa discusión sobre o tema da orixe da lingua humana, Schlegel contrapón dúas escolas tradicionais de pensamento, a primeira, a que sostén que a linguaxe naceu como pura imitación dos obxectos e eventos externos, e a segunda, segundo a cal a linguaxe humana naceu simplemente como mera expresión espontánea das emocións humanas por medio de sons. Os autores aos que fai referencia son diversos, Condillac, Hemsterhuis, Karl Phillipp Moritz, August Ferdinand Bernhardi, Johann Gottlieb Fichte, Johann Gottfried Herder e Rousseau. Na súa opera, porén, Schlegel non concorda con ningunha das dúas posicións, sostendo que a análise sobre a orixe da linguaxe humana debe ter ante todo un instrumento de investigación adecuado fundado na pura e simple racionalidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]