Atol Tetiaroa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tetiaroa
Vista de Onetahi
Datos
País Flag of France.svg Francia
Illa principal Onetahi
Linguas
Poboación (2007) 50
Superficie 6 km²
Superficie lagoa km²
Nº de illas 13
Coordenadas 17°05′S 149°35′W / 17.083°S 149.583°W / -17.083; -149.583
Maior Altura 17 m.
Localización
Localización do atol

Tetiaroa (Teti´aroa en tahitiano) é o único atol do grupo das illas do Vento do Arquipélago da Sociedade, na Polinesia Francesa. Está situado a 42 km ao norte de Tahití.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Tetiaroa é un atol formado por 13 illotes cunha superficie total de 6 km². A lagoa, que non ten ningún paso navegable ao océano, fai 7 km de longo e 30 m de profundidade. En diversos illotes illados, como Tahuna Iti e Tahuna Rahi, hai importantes colonias de aves.

O atol é de propiedade privada e administrativamente depende da comuna de Arue, ao norte de Tahití. Hai unha cincuentena de habitantes no illote do oeste: motu Onetahi. Dispón dun aeródromo e dun pequeno hotel pechado ao turismo. Fóra do hotel só se permiten excursións organizadas ao illote Tahuna Iti. En 1983 sufriu serias desfeitas provocadas por un furacán.

Historia[editar | editar a fonte]

Tetiaroa xa fora visto polos primeiros descubridores de Tahití, pero non puido ser explorado ata o 1789 polo inglés William Bligh. O español Domingo Bonaechea chamouno Os Tres Irmáns.

O atol era utilizado como residencia de verán polos grandes xefe do distrito de Arue, de Tahití, e posteriormente pola familia real Pomare. Antigamente chamábase Teturoa. Logo da investidura de Tu como rei de Tahití, e de acordo co chamado costume pi'i, foron prohibidas todas as palabras que tivesen a sílaba " tu" e, desta forma, Teturoa foi cambiado por Tetiaroa. Segundo conta unha lenda, en Tetiaroa escondíanse os tesouros reais.

En 1904 a familia Pomare cedeu Tetiaroa ao dentista canadense Johnston W. Williams como recoñecemento polos seus servizos. En 1965, o actor Marlon Brando, logo de filmar Rebelión a bordo, adquiriu o atol por 99 anos. Tras a súa morte en 2004, o atol é propiedade do seu fillo Teihotu Brando, excepto dúas hectáreas cedidas ao seu amigo Michael Jackson. Existe un proxecto para construír, en 2008, un gran hotel de luxo, con materiais naturais e integrado coa contorna.

Mapa de Tetiaroa