Ataque Escampe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ataque Escampe
Ataque escampe.JPG
Orixe Santiago de Compostela, Galicia Galiza
Xénero(s) Pop-Rock
Selo(s) discográfico(s) A Regueifa Plataforma
Membros Alex Charlón
Miguel Mosquera
Roi Vidal
Samuel Solleiro
Xoán Lois García
Álvaro Trillo
Antigos membros Pablo, Dani, Estevo, Paq, Marco.
Na rede
Blog oficial

Ataque Escampe é un grupo de rock galego formado en 2001 no ámbito universitario de Santiago de Compostela.

Membros actuais[editar | editar a fonte]

Historia[editar | editar a fonte]

Ataque Escampe formouse por rapaces de diferentes zonas do país contra o remate do ano 2001. Nese momento os seus seis membros, Samuel, Pablo, Álex, Dani, Miguel e Roi, comezaron a ensaiar de xeito irregular na residencia universitaria do Monte da Condesa, ademais de gravar con pésimos medios (por exemplo, cassette) temas de corte folk-rock (o laúde e o violín aparecían ao lado da guitarra eléctrica) que a nivel letrístico unen o experimentalismo con algúns elementos de temática bravú.

A mediados do 2002 o grupo, con cinco membros, Samuel, Álex, Miguel, Roi e Estevo, principiou a dar concertos (entre os que destaca o celebrado no Coliseo Noela de Noia con motivo do 1º concerto expansivo Nunca Máis organizado por Burla negra, e no que, segundo os propios Ataque Escampe recoñecen, evidenciaron unha grande falla de rodaxe musical). O conxunto tamén gravou unha maqueta con mini-disc na que xa se vai albiscando o estilo dos primeiros dous discos: un son acústico e sucio, certo eclecticismo e unhas letras irónicas que deixan atrás a inmediatez do bravú.

Transcorreron logo dous anos de traxectoria descontinua (2004 e 2005) debido á dispersión xeográfica dos compoñentes do grupo, que non deixaron porén de compoñer temas e gravar algunhas maquetas sen excesivas pretensións.

A actividade regular de concertos foi retomada por AE con catro membros, Samuel, Álex, Miguel e Roi, en 2006. Ese ano supón un punto de inflexión na traxectoria da formación, xa que obtén algo de relevancia ao gañar co tema "Afganistán Canto" o I Premio de canción de autor Utopía Son, celebrado no Café Uf de Vigo.

O 2007 foi un ano cargado de acontecementos para o grupo. Por unha banda, editaron o seu primeiro traballo, que nun principio, polos escasos medios e tempo cos que é realizado, non conciben para a publicación, senón coma maqueta para presentar aos locais e conseguir concertos. Trátase de Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, un disco publicado en formato electrónico e baixo licenza Creative Commons en A Regueifa Plataforma, e no que unha parte dos temas son de estudo e a outra un directo gravado con mini-disc no Café Uf. Nese mesmo ano, ademais de seren seleccionados para a Rede Galega de Música ao Vivo e realizar a Xira Bela Lugosi 2007, participaron no disco-tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista, editado conxuntamente pola Regueifa Plataforma, Falcatruada e Lonxa Cultural e que reúne a todo o panorama de grupos novos dos últimos anos. Nese disco versionan a canción do ferrolán "Para che falar de amor", que interpretan tamén no programa homenaxe do devandito músico, "Saudade de ti", na TVG. A finais de ano prodúcíronse cambios na formación: Samuel causou baixa temporal e entrou como novo membro permanente Marco, que enriquece substancialmente o abano de posibilidades sonoras do grupo. Finalmente, Ataque Escampe acadou o 1º Premio do Gz Crea 2007 na modalidade de música, coas cancións "Tango do sintasol" e "Ana e o caracol".

Concerto no Liceo Mutante en 2014.

A principios de 2008 incorporouse á banda un novo membro, Paq. En marzo publicaron o primeiro traballo longo, no selo A Regueifa Discos, tanto en formato físico como en edición dixital. O seu irónico título, Galicia es una mierda, é decidido nunha enquisa aberta na páxina web da banda. Coa Xira A invención da pólvora 2008 o de novo sexteto presentou o disco por toda Galiza, ademais de por varias cidades dos Países Cataláns. O grupo grava tamén dous temas soltos: "Unha tarde no zoo" (baixo o pseudónimo de Paul á sombra para o concurso A Polo Ghit da Radio Galega) e "Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix)", este último canda algúns dos membros de GalegoZ.

A finais de 2008 editouse o EP Galicia es una fiesta, onde Marcos Payno remestura cinco temas do disco Galicia es una mierda.

En 2009 entrou no grupo Lois, que incorpora os teclados na formación, e sae Paq. Amais, Roi cambia o caixón flamenco pola batería electrónica. O resultado, un son máis sofisticado e luminoso con pequenos matices eléctricos que se fai patente no LP A grande evasión, publicado en maio dese mesmo ano. A maiores a banda volve transmutarse en Paul á sombra no tema "O noso contrato coa Virgin".

En 2010 estreouse a curta Zéfiro, ambientada nun concerto de Ataque Escampe e realizada por alumnos da Escola de Produción Audiovisual de Ourense. A mediados de ano Marco deixou o grupo e Roi pasa a tocar unha batería ao uso. Co tema "Desde e céu com amor" AE participa no concurso "Musicando Carvalho Calero".

En 2011 a banda publicou o seu terceiro traballo de estudio, Violentos anos dez, caracterizado polo achegamento ás músicas negras, en particular ao soul. É nesta altura cando os elementos imprescindibles nunha formación rock (guitarras, baixo, batería) están por fin presentes tanto na gravación coma no directo. O disco foi o terceiro mellor LP galego dese ano para a revista Mondosonoro.

No ano 2012 Ataque Escampe fai parte do disco-homenaxe a'Os Resentidos A tribo toda baila cunha versión do tema "Música feliz". Tamén dá un concerto especial en Santiago de Compostela, conmemorativo dos dez anos de directos, que se celebra co nome de "Dez violentos anos", e publica en decembro o EP Noites de agosto con Ataque Escampe no selo Discos da máquina.

En 2013 o grupo colaborou no libro-cd infantil Os Bolechas fan unha banda, coa canción "After Hours".

2014 foi o ano da edición d'O disco vermello, no que Ataque Escampe se achegou ao dub e ao funky para contar historias de perdedores. Roi Vidal incorporouse ás voces e Álvaro Trillo á batería.

Estilo[editar | editar a fonte]

Actuación na manifestación do 29N en Santiago de Compostela.

O estilo de Ataque Escampe, autodenominado "rock de serie b" pola precariedade de medios na que comezaron e tamén por certo antivirtuosismo, ten coma alicerce o rock acústico e o folk-rock estadounidense, sendo Neil Young, Wilco, Violent Femmes ou Micah P. Hinson algunhas das súas referencias, xunto a grupos de pop-rock estatal coma Los Enemigos ou Antonia Font e a formacións galegas coma Os Resentidos ou a Psicofónica de Conxo. Porén, o grupo realiza tamén incursións noutros estilos coma o punk ("I will turn"), o soul ("Segunda división") ou o tango ("Tango do sintasol").

As letras caracterízanse pola súa estreita relación coa literatura e o cinema ("Afganistán Canto", "Misión de audaces"). Nelas tamén están presentes o pouso xeracional ("Galicia es una mierda", "Akira Toriyama") e a vontade de experimentación lírica ("A febre", "Ourizo").

Discografía[editar | editar a fonte]

Presenza en compilatorios[editar | editar a fonte]

  • Manifesto Dobarrista (A Regueifa Plataforma, Falcatruada, Lonxa cultural, 2007): "Para che falar de amor"
  • Esccolma (Caramuxo, 2007): "Móbel-bar"
  • Aturuxa (C.S. Aturuxo, 2007): "Ana e o caracol"
  • GZ POP! (Xunta de Galicia, 2008): "I'm not your man"
  • A música que facemos (Cultur.gal, 2008): "Galicia es una mierda"
  • Vozes Novas (Novas da Galiza e Komunikando, 2009): "A abordaxe final"
  • Once máis 15 (Edicións do Cumio, 2009): "Ningún lugar seguro (GalegoZ Remix)"
  • Come on, Pelegrín (Estrella Galicia e Pista Oculta, 2010): "No estómago dun crocodilo"

Proxectos paralelos e colaboracións[editar | editar a fonte]

Ademais dos citados Paul á sombra, outro proxecto paralelo a Ataque Escampe é O goberno bielorruso, do que fan parte Miguel Mosqueira e Samuel Solleiro e que participou no Cantalingua de 2010 e no de 2012 cos temas "Sputnik" e "Pasaporte de paxaro", respectivamente. Ataque Escampe como grupo ou a través dos seus membros ten colaborado con bandas como GalegoZ, O Leo i Arremecághona!!!, Novedades Carminha, Fanny + Alexander, Das Kapital, Qronopios ou Fununcan.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]