Asubiador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asubiador
Anas penelope m.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 LC gl.svg
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Anas
Nome científico
Anas penelope
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O asubiador (Anas penelope) é unha ave da orde dos anseriformes e da familia dos anátidos.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os asubiadores miden entre 41 e 51 cm, teñen unha envergadura de alas de 75 a 86 e pesan de 500 a 900 gramos. A plumaxe reprodutora dos machos é agrisada, coa área da barriga branca ou crema. As ás amosan unha banda branca. A cabeza é moi característica, marrón, cunha mancha branca na testa que lles chega ata á base do bico, que é gris coa punta negra. As femias teñen unha coloración discreta, de tons acastañados. A cor das patas en ambos sexos vai do castaño escuro ata tons case negros.

Están activos de día, no crepúsculo e pola noite. A estrutura dos seus ollos, cunha capa posterior que reflexa a luz, permítelles ver sorprendentemente ben pola noite. Son aves sociais, que se moven sempre en grupos grandes.

Distribución[editar | editar a fonte]

Macho coa plumaxe reprodutora (Anas penelope)

Os asubiadores crían no norte de Europa, norte de Asia e parcialmente no norte de Norteamérica. Viven en lagos e estanques con vexetación abundante e, ocasionalmente, vense tamén en ríos de curso lento. A comezos do inverno emigran cara ó sur, para pasa-lo inverno no centro e sur de Europa, onde se poden ver tamén en terras de cultivo, o que causa en ocasións problemas cos agricultores.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Son aves vexetarianas estritas, que se alimentan tanto de plantas acuáticas como terrestres. Precisan comer entre 300 e 400 g de vexetais ó día, polo que dedican ata 15 horas diarias a buscar alimento.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os asubiadores maduran sexualmente cando teñen uns dous anos. As parellas fórmanse, en xeral, pouco despois de acaba-lo inverno. A reprodución ten lugar entre maio e xullo. Fan os niños no chan, agachados entre a vexetación da beira da auga. Cóbrenos cunha capa de penuxa. As femias poñen de 4 a 9 ovos, duns 50 mm de lonxitude, que precisan uns 24 días de incubación. Os polos son capaces de voaren cando teñen uns 45 días.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Asubiador
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Asubiador

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chuck Hagner: Guide to ducks and geese. Stackpole, Mechanicsburg 2006. ISBN 0-8117-3344-0
  • P. W. Mayhew: The feeding ecology and behaviour of wigeon (Anas penelope). Glasgow 1985.
  • Hendrik Brunckhorst: Ökologie und Energetik der Pfeifente (Anas penelope L. 1758) im schleswig-holsteinischen Wattenmeer. Kovac, Hamburg 1996. ISBN 3-86064-454-8

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]