Astronomía árabe medieval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Astrolabio.

O mundo árabe reavivará o saber, case esquecido durante séculos. Durante a época semibárbara que atravesou Europa, a vida intelectual floreceu nos países do islam. As actividades astronómicas interesaban tanto a matemáticos como a viaxeiros, ós homes de relixión e ás clases baixas. Os observatorios públicos e privados aparecen por tódalas partes. A astroloxía non era considerada anticientífica, e os soberanos tiñan astrólogos persoais que indicaban as condicións propicias para a fundación das cidades e o ataque dos exércitos.

Pola súa relación coa relixión e o dereito islámico, especialmente cós rezos de diario e as referencias do Corán en moitos dos seus versículos ao Sol, á Lúa e ás estrelas, dende o comezo os musulmáns preocupáronse da astronomía. Fixeron investigacións que superaron ás dos gregos clásicos.

Baseadas nas observacións babilónicas, compuxeron as chamadas táboas astronómicas, nas que se relacionaban tódalas posicións e movementos dos corpos celestes. Estas observacións, foron a base, empregando tamén fontes iranianas, hindús e gregas, do novo cálculo dos movementos celestes que levou pouco a pouco a unha astronomía matemática moi evolucionada como a que practicaron Albiruni e a escola de Maraga en Persia con Nasir Aldinturí. Alí e despois con Lurunbeg fixéronse novos cálculos que levaron á primeira e máis importante crítica da astronomía de Ptolomeo na Idade Media e á achamento de novos modelos de movementos para Mercurio e a Lúa.

En España xurdiron tamén novas críticas á astronomía ptolemaica aparecendo novos modelos matemática e astronomicamente tan importantes como os da escola de Maraga que se mantiveron durante dous ou tres séculos polos astrónomos islámicos de Siria e Samarcanda en Asia Central.

Os primeiros califas de Bagdad puxeron á fronte da súa Casa da Sabedoría a un astrónomo: Yaya Belmansum, que concentra ao seu redor ós máis destacados científicos da época, poñendo á súa disposición unha excelente biblioteca e medios materiais abundantes. Entre eles:

Nos séculos seguintes, o predominio cultural árabe florece no seu territorio máis occidental: España.

Alzarcalí, coñecido polos latinos coma Azarquiel, era toledano e alí serviu e traballou pouco antes de que a secular capital de tantos gobernos caese nas mans do rei cristián Afonso VI de Castela e León. A súa perda supuxo o espertar para os confiados príncipes musulmáns.

Con todo, para o occidente europeo a toma de Toledo foi o principio do despertar cultural. Xunto á Sicilia normando-árabe, Toledo foi a máis importante porta de entrada da cultura árabe en Europa. Pasou a ser de custodia cristiá trala súa afortunada conquista por Afonso VI con tódolos seus focos culturais intactos: eruditos, artistas e bibliotecas. Era tamén Toledo emporio de a erudición xudía. Sen os hebreos Toledo non chegaría a desempeña-lo seu papel de mediador cultural. Eles traducirían do árabe ao romance e despois o estudoso cristián facía a súa tradución ao latín.

A partir dese intre as posibilidades de Toledo atraen a eruditos de tódolos países cristián-romanos na procura de descoñecidos tesouros de sabedoría.

Todo este gran movemento de traducións foi promovido e protexido polo rei Afonso X o Sabio, que tenta facer da súa corte un centro das ciencias e artes similar ás dos príncipes árabes. Presta fundamental atención ás ciencias cosmolóxicas, pero tamén se ocupa do xadrez, a historia, a relixión e manda que se traduza ao castelán, non ó latín, buscando cultivar ao pobo.

No campo concreto da astronomía, as súas táboas alfonsinas perviven en Europa ata o século XVII.

Tense dito que a ciencia árabe foi unha imitación da do Imperio Bizantino ou do mundo clásico. Díxose tamén que a ciencia árabe-española foi imitación da ciencia árabe-oriental. Hoxe pódese demostrar que non é certo en absoluto. España na época do dominio musulmán tivo grandes matemáticos, grandes astrónomos e grandes químicos.

As achegas astronómicas árabes chegan con claridade ata finais do s. XV. Foron cinco séculos nos que o islam creou e transmitiu ciencia aos deprimidos estados europeos medievais. Os seus astrolabios, cadrantes, dióptricos e compás están nos estantes dos nosos museos. Pero o que é aínda máis importante, os principais astrónomos e matemáticos que inauguran a nova época das ciencias: Copérnico, Tycho Brahe, Kepler, Galileo e Newton beberon nas fontes de Alfarganí, Alzarcalí, e Albatani.