Astiaxes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Astiaxes
Nacementoséculo VII a. C.
Lugar de nacementoEcbatana
Falecemento550 a.C.
Lugar de falecementoParthia Satrapy
RelixiónZoroastrismo
Ocupaciónmonarca
PaiCiaxares
CónxuxeArienis
FillosMandane e Amitis
IrmánsAmitis da Média
editar datos en Wikidata ]

Astiaxes, finado no ano 550 a.C., foi o último rei de Media, fillo de Ciaxares, destronado no 550 a.C. polo persa Ciro II o Grande.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Contexto[editar | editar a fonte]

A maior información acerca de Astiaxes (en acadio Ištum egu) proporciónaa o historiador grego Heródoto de Halicarnaso, quen viviu no século -V, cen anos despois do reinado de Astiaxes. Porén, é practicamente a nosa única fonte, e é inevitábel seguilo e tratar de verificalo cando for posíbel.

Non hai razón para dubidar de Heródoto cando afirma que Astiaxes era o fillo do rei medo Ciaxares. Sabemos por un texto cuneiforme que o último aínda reinaba no -614, cando destruíu o centro relixioso asirio: Assur. Ciaxares aínda vivía no verán do -585, cando asinou un tratado de paz cos lidios, con quen estivera loitando durante cinco anos. Celebrouse entón un matrimonio diplomático para selar o acordo: Arienis, filla do rei lidio Aliates e irmá do futuro rei Creso, casou co príncipe da coroa meda Astiaxes.

Arienis non era a primeira esposa de Astiaxes. A súa filla Mandane estaba casada co rei persa Cambises I, rei de Anshan e Susa, desde antes do -576, cando o futuro rei Ciro II o Grande naceu, polo que Mandane tivo que nacer antes, digamos sobre o -590. Parece pois inevitábel asumir que Astiaxes tiña outra muller.

Existe outro argumento para explicar que Arienis non era a primeira muller de Astiaxes. O seu pai empezou a reinar antes do -614. Se asumimos que iniciara o seu reinado aos trinta, o cal non é improbábel, e que o seu fillo nacera cando el tiña uns 25 anos, o que é posíbel, temos que asumir que Astiaxes casou con Arienis á idade de polo menos 34, o que é moi improbábel.

O historiador babilonio Beroso (século -III) cóntanos que após a caída de Assur, unha alianza entre medos e babilonios foi alicerzada con outro matrimonio real: o príncipe á coroa babilonia Nabucodonosor II casou con Amitis, a filla de Astiaxes. Isto é imposíbel, porque suxire que Astiaxes tería ao menos cen anos cando foi destronado.

Astiaxes, rei[editar | editar a fonte]

Non está claro cando foi escollido Astiaxes rei dos medos. Heródoto dinos que reinara durante 35 anos cando foi feito preso por Ciro. Por un texto cuneiforme coñecido pola "Crónica de Nabónido", sabemos que isto aconteceu no ano 6 do reinado do rei babilonio Nabónido, período que se sitúa entre o 10 de marzo do -550 e o 28 de marzo do -549. Contando para atrás, chegamos ao -585 como o ano da ascensión ao trono por parte de Astiaxes. Isto non é imposíbel, aínda que debemos asumir que o pai de Astiaxes, Ciaxares, seguía vivo no -585, cando, como se explicou anteriormente, concluíu un tratado cos lidios.

No entanto, os anos de reinado dos reis medos mencionados por Heródoto son un pouco sospeitosos: os 4 reis reinan exactamente 150 anos, por parellas de 75 anos. É obvio que debemos ser cautos, pero até o de agora, non existe nada que contradiga a Heródoto no sentido que Astiaxes reinou a partir do -585 até o -550, mentres que seu pai o fixo a partir do -625 até o -585 (malia que existe unha inscrición que di que Astiaxes foi destronado no -554).

A historia de Ciro[editar | editar a fonte]

Segundo Heródoto, Astiaxes tivo un soño acerca do seu neto Ciro, fillo de Mandane e Cambises I. Astiaxes tomou este soño como unha diabólica profecía, así que ordenou ao seu cortesán Harpago asasinar ao xove Ciro. Harpago, temendo manchar o seu nome con este infanticidio, secretamente delegou a encarga a un pastor chamado Mitradates. Mais este, que perdera había pouco o seu propio fillo, decidiu quedar con el como seu. Para iso vestiu ao seu verdadeiro fillo morto coas roupaxes do príncipe e expuxo o corpo ás feras do bosque tal e como se lle ordenara facer co mozo Ciro. O engano funcionou e Ciro criouse co pastor.

Pero cando o mozo acadou os dez anos de idade, fíxose xa evidente que non era o fillo dun pastor. O seu comportamento era demasiado nobre, segundo Heródoto. Por unha casualidade Astiaxes puido entrevistarse co neno, e inmediatamente sospeitou o que podía ter pasado ao se decatar que o suposto fillo de pastor se lle asemellaba. Ordenou a Harpago relatar o que acontecera realmente, o cal confesou que non matara o neto do rei malia que se lle ordenara facelo. Ciro recibiu un trato favorábel e mesmo lle foi permitido volver cos seus verdadeiros pais. Harpago, en troques, recibiu un cruel castigo polo seu comportamento. Astiaxes convidouno a un banquete no que, entre o xantar, estaba agochada a carne do seu propio fillo, facéndollo saber no momento oportuno.

A vinganza de Harpago[editar | editar a fonte]

Segundo Heródoto, Harpago estivo procurando a ocasión para se vingar da atrocidade cometida por Astiaxes. Cando Ciro acadara xa certa idade, Harpago deu feito para convencelo de que os medos estaban a piques de se rebelar contra o seu rei, do que dicían que se convertera nun déspota. Ciro organizou unha alianza de dez tribos persas e rebelouse. En resposta Astiaxes armou aos medos, e cegado pola divina providencia, elixiu a Harpago para ser o comandante do seu exército. Desde logo, Harpago non dubidou en cambiar de aliados en canto puido. Durante a batalla, que foi librada segundo unha fonte máis tardía, Estrabón de Amasia, en Pasargada, os medos aliñáronse cos persas. O exército unificado marchou á capital Ecbatana e tomou a Astiaxes, quen foi feito preso por Ciro.

Probabelmente a primeira parte da historia de Ciro é un conto inventado para explicar a realidade histórica que é a segunda parte: Astiaxes foi traizoado. Podemos atopar o mesmo desenlace na Crónica de Nabónido, onde se relata que Ciro tomou ouro, prata e todo o botín que puido levándoo para Anshan.

É posíbel que, no fondo, a causa máis forte que provocou a rebelión fose a insatisfacción coa política de Astiaxes. No século -VI, as tribos iranianas foron asentándose cada vez máis, e os seus líderes xa non eran xefes tribais "primeiros entre iguais", senón que empezaron a comportarse como reis auténticos. Cando Astiaxes empezou a castigar a algún dos outros xefes tribais, a revolta foi inevitábel.

A caída de Astiaxes non significou o final da guerra xa que os seus antigos aliados estaban preparados para axudalo. No -547, Creso lanzou unha expedición para vingar o seu xenro, mais foi derrotado, co que Ciro engadía Lidia aos seus dominios.

O historiador grego Ctesias, citado polo erudito bizantino Focio, chama a Astiaxes Astuïgas, o que é máis semellante á tradución babilonia do seu nome iraniano Ištum egu. A variante Astiaxes significa "saqueador de cidades" en grego.

Reino Medo

Segue a:
Ciaxares
Astiaxes
Precede a:
Ciro II

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]