Asteridae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Astéridas»)

As astéridas (Asteridae) constitúen unha subclase dentro da clase Magnoliopsida (as dicotiledóneas), e son parte por tanto da división ou fío Magnoliophyta (as anxiospermas). Representan o clado máis apotípico (máis apartado do tipo orixinal, ou como se di indebidamente, 'máis evolucionado') das anxiospermas. O grupo orixinouse con toda probabilidade iniciado o Cenozoico, fará talvez uns 50 millóns de anos, e o seu éxito relaciónase coa coadaptación a insectos polinizadores. Presentan en xeral flores cigomorfas (de simetría bilateral), de corola soldada con lóbulos desiguais, estames epipétalos, e xineceo formado por dous carpelos soldados. As flores organízanse a miúdo en inflorescencias apertadas, como as espigas das Lamiaceae e as Plantaginaceae ou os capítulos das Compostas.

A composición das anxiospermas está sometida a vaivéns, polos rápidos avances actuais na investigación das relacións evolutivas. A comparación de certos xenes levou a incluír no grupo algunhas ordes morfoloxicamente menos avanzados, que se clasificaban antes na subclase Rosidae. Xeralmente acéptase que a subclase está formada por 11 ordes que inclúen unhas 60.000 especies, das cales 20.000 son membros da familia compostas.

Inflorescencia de escabiosa (Knautia arvensis, unha dipsacácea), visitada polo escaravello Anastrangalia sequensi (Coleoptera, Cerambycidae) e unha femia de Nemophora metallica (Lepidoptera, Incurvariidae) de cuxos ovos sairán larvas que se comerán as sementes