Associació Obrera de Concerts

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Associació Obrera de Concerts
Tipogrupo musical
Data de fundación1926
Fundador(es)Pau Casals
editar datos en Wikidata ]

A Associació Obrera de Concerts (en galego Asociación Obreira de Concertos) foi unha sociedade musical fundada en 1926 por iniciativa de Pau Casals, xunto con dirixentes do Ateneu Politècnic de Barcelona, que tiña como obxectivo achegar a música culta ás clases traballadoras sen recursos.[1] O instrumento básico foron os concertos ofrecidos pola Orquestra Pau Casals, que o mesmo Casals fundara en 1920. Ofreceu obras importantes con intérpretes de calidade ao longo de toda Cataluña.[1] Existiu ata o ano 1939, cando foi disolta a raíz do final da Guerra Civil Española.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

En 1926, Pau Casals proponse crear unha entidade que traballe para facilitar á clase obreira, aos labregos e aos estudantes, o acceso á música (na liña, en certo modo, da obra dos coros de Josep Anselm Clavé). Casals púxose en contacto cos dirixentes do Ateneu Polytechnicum, propoñéndolles a fundación da asociación: estaría administrada e dirixida polos mesmos obreiros, sen intervencións externas. Por unha pequena cota (seis pesetas ao ano, nun momento no que un obreiro cualificado cobraba unhas dúas pesetas ao día), os asociados tiñan dereito a asistir a seis concertos (saía a unha peseta o concerto) que doaría a Orquestra Pau Casals e aos cales poderían escoitar aos mellores solistas e directores internacionais.

O proxecto incluía que a asociación chegase a ter unha sede propia (no Ateneu), con biblioteca, escola de música, coro e orquestra (que era a Orquestra Pau Casals) e a publicación dunha revista escrita para os socios, que se titularía Fruïcions, entre 1927 e 1932. Aceptada a proposta, a asociación foi constituída e tivo un éxito inmediato: chegou a contar con 300.000 membros nos seus dez anos de existencia.

Os concertos eran realizados no Palau de la Música Catalana e no Teatre Circ Olympia, que tiña máis capacidade. Sempre eran realizados os domingos pola mañá. A entrada a estes concertos estaba reservada aos socios: un dos obxectivos de Casals era que o obreiro os sentira totalmente seus e que o público fose homoxéneo, evitando que a mestura de clases ou a exhibición de luxos habituais noutros auditorios estorbaran a experiencia do concerto. O primeiro concerto tivo lugar o 16 de maio de 1926 no Palau.

Cada ano se realizaban dúas tempadas de tres concertos cada unha: tras concertos en outono (entre outubro e novembro) e tres na primavera (abril e maio). Ademais, había algúns concertos extraordinarios (en 1935, con ocasión dos cen concertos ofrecidos, por exemplo).

Coa cota, a Associació colaboraba no mantemento da Orquestra Pau Casals. Ademais, os mesmos asociados crearon unha orquestra de afeccionados que acadou un nivel de calidade considerable.

O éxito da A.O.C. foi inmediato e chegou a crear afiliados doutras cidades catalás. A súa transcendencia, unida ao prestixio de Casals, fixo que moitos dos solistas que ían a Barcelona para tocar coa Orquestra Pau Casals, quixesen tocar tamén nos concertos da Associació, sen cobrar, ou ofrecer recitais exclusivamente para eles. Outras asociacións o tomaron como modelo no estranxeiro.

A Guerra Civil Española interrompeu os concertos: a Orquestra Pau Casals deu o último concerto en 1936. En 1937 a Associació programou algúns recitais de música de cámara: o último, o 6 de xuño, con Mercè Plantada e Pere Vallribera ao piano, no Palau de la Música. Logo da Guerra, a Associació disolveuse.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Mestre i Campi, Jesús (director). Diccionari d'Història de Catalunya. Edicions 62, 1998, p. 72, entrada: "Associació Obrera de Concerts". ISBN 84-297-3521-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]