Aspirina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Molécula da aspirina

A Aspirina, nome comercial rexistrado dado pola casa Bayer ao ácido acetilsalicílico é un fármaco da familia dos salicilatos, frecuentemente usado como un analxésico, antipirético e antiinflamatorio. Ten tamén un efecto anticoagulante e úsase en doses baixas e prolongadas para previr ataques ao corazón. Sintetizado pola primeira vez en 1897 polo químico alemán Felix Hoffman, as súas propiedades terapéuticas foron descritas en 1899 polo farmacólogo Heinrich Dreser. Aspirina é o nome comercial acuñado polos laboratorios Bayer; en moitos países segue a ser unha marca rexistrada, noutros, como os Estados Unidos, aspirin converteuse no nome xenérico da substancia. É o medicamento máis coñecido e consumido en todo o mundo.

O ácido acetilsalicílico obtense a partir da casca do salgueiro branco (Salix alba).