Asianismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na elocuencia grecorromana, chámase asianismo á tendencia baseada nos presupostos lingüísticos dos anomalistas. Os asianistas opoñíanse aos aticistas.

O estilo asianista era irregular, baseábase en frases breves e inconexas, utilizaba abondosas figuras retóricas e efectos rítmicos e fonéticos rebuscados. Procuraba o novo, o sentencioso e o raro.

Difundiuno Hexesias de Magnesia no século III a.C. No século seguinte prevalecía o gusto pola palabra poética e a expresión ampulosa. Penetrou en Roma como gusto antitradicional. Cicerón e os seus contemporáneos denomináronno "estilo asiático" porque Hexesias e os demais representantes desta tendencia proviñan de Asia Menor.