Asemblea Lexislativa (Francia)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Asemblea Lexislativa, en funcionamento dende o 1 de outubro de 1791 até o 21 de setembro de 1792, foi creada pola Constitución de 1791 e sucedeu á Asemblea Constituínte. Ao decidir esta que ningún dos seus membros podería ser elixido, quedou formada por homes novos e representaba maioritariamente á burguesía, ao ser o sufraxio censitario.

Composición[editar | editar a fonte]

Dentro da Asemblea Lexislativa había tres grandes grupos.

  • Os máis moderados formaron a dereita, ao redor duns 260 monárquicos constitucionais inscritos no Club deas Feuillants que defendía á realeza fronte á axitación popular. Non contaban con ningunha personalidade eminente, ao estar os seus auténticos xefes, Joseph Gilbert Motier Marqués de La Fayette e Antoine Barnave, fóra da Asemblea Lexislativa.
  • A esquerda, menos numerosa. 136 deputados que formaban parte do Club dos Xacobinos ou do dos Cordeleiros. A maior parte deles proviña da burguesía culta, e eran seguidores das ideas das Luces. O seu xefe era Jacques Pierre Brissot (de aí o seu nome de Brissotinos, que logo pasou a ser Xirondinos) e estaba rodeado de filósofos como Jean Antoine Nicolas de Caritat, marqués de Condorcet e varios avogados de Bordeus, especialmente o brillante orador Pierre Victurnien Vergniaud. Desconfiados ante Luís XVI, tamén eran partidarios de entrar en guerra contra os soberanos europeos para probar a Luís XVI e para estender a idea da liberdade en Europa.
  • O resto, 345 deputados, formaba o centro. Decididos a defender a obra da Revolución votaron xeralmente coa esquerda.

A Asemblea Lexislativa tivo que enfrontarse ás dificultades económicas e financeiras e á axitación relixiosa e contrarrevolucionaria azuzada polo clero refractario.

Actividades[editar | editar a fonte]

As súas principais actividades foron:

  • 8 de novembro de 1791: Decláranse os emigrados culpables de conspiración, ordénase que sexan perseguidos como tales e condenados á morte se non regresaban antes do 1 de xaneiro de 1792.
  • 20 de abril de 1792: Declaración de guerra ao emperador Francisco II. A corte apoiou esta medida, xa que esperaba que os fracasos militares permitisen ao rei recuperar o mando. Esta declaración de guerra foi votada case por unanimidade. Só tivo sete votos en contra (entre eles o de Maximiliano Robespierre) e iniciou un conflito que con diversas pausas durou 23 anos, ata a batalla de Waterloo (18 de xuño de 1815).
  • 11 de xullo: Declárase perigo para a Patria. A partir dese momento, as sesións da Asemblea deben ser permanentes, todos os concellos e todos os consellos de distrito e de departamento deben reunirse sen interrupción, todos os gardas nacionais deben mobilizarse.
  • 10 de agosto: o rei é suspendido nas súas funcións, e convócase unha nova asemblea, elixida por sufraxio universal, que recibirá o nome de Convención Nacional. Esta resolución votouse tras as xornadas revolucionarias de 20 de xuño e sobre todo de 10 de agosto de 1792.