Arturo Cuadrado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arturo Cuadrado.

Arturo Cuadrado Moure, nado en Dénia, Alacant o 3 de maio de 1904 e falecido en Bos Aires o 6 de agosto de 1998, foi un escritor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Arturo Cuadrado, mestre nacional natural de Valladolid, e Merecedes Moure Carollo que vivía na Agualada. Logo de casados, trasládanse por cuestións laborais a Dénia, onde residiron algúns anos. Coa morte do pai regresou a Galicia coa súa nai e irmáns. O seu primeiro traballo foi como vendedor na Casa Segundo García de Arriba, na Rúa Preguntoiro de Santiago de Compostela, onde vendía telas de confección fina.

En Compostela participou intensamente na vida cultural desde a barraca-librería e editorial Niké, editando a revista avangardista Resol. Hojilla volandera del pueblo (1932-1936). Desde 1929 ata a sublevación militar colabora habitualmente na prensa (El País Gallego, El Pueblo Gallego, Yunque, Política e El Sol, de Madrid, ou El Mercantil, de Valencia).

O 14 de xullo de 1936 viaxou a Madrid xunto a Castelao e Anxel Casal para presentar ante as Cortes o Estatuto de Autonomía que viña de ser aprobado en referendo polos electores galegos. A sublevación militar sorpréndeo en Madrid. En Valencia edita o seu primeiro libro de poemas, Aviones, de poesía comprometida; participa activamente nas campañas e mitins de apoio á República desde as páxinas de Nova Galiza, editada en Barcelona, e na edición de El Combatiente del Este, con Antonio Sánchez Barbudo, Xosé Otero Espasandín e Rafael Dieste. Pablo Neruda facilitoulle, ao final da guerra, o salvoconduto que lle permitiu pasar de Francia ao exilio de Bos Aires.

Entre os exiliados atopou a amizade de Luís Seoane e, máis tarde, de Lorenzo Varela, chegado de México. Participou con eles na fundación de editoras: EMECÉ, Nova e Botella al Mar; onde publicou dous libros de poemas, Soledad imposible e Amar sin amor (1981); pero sobre todo aparecen os innumerables prólogos e introducións que Cuadrado creou durante máis de 40 anos e as coleccións Camino de Santiago, Hórreo, Dorna e Pomba, que supoñen a supervivencia da cultura galega e do galego como lingua literaria durante os "anos escuros". Durante o primeiro goberno de Juan Domingo Perón exiliouse en Montevideo, onde tamén se encontraba Lorenzo Varela.

Logo do restablecemento da democracia realizou varios viaxes por España invitado pola Xunta de Galicia. Puido recuperar o seu grao de comandante e foi homenaxeado polo Parlamento sendo nomeado deputado honorario e as autoridades españolas outórganlle unha condecoración pola súa labor cultural e política. Nos últimos anos da súa vida seguiu dirixindo Botella al Mar e Ediciones Hombre al Agua, así como o periódico Galicia, órgano da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales da Arxentina.

Faleceu o 6 de agosto en Bos Aires vítima dun paro cardíaco.

Obra[editar | editar a fonte]

Autor de tres poemarios:

  • Aviones.
  • Soledad imposible.
  • Amor sin amor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]