Arquivo de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°52′12″N 8°31′35″O / 42.8698688, -8.5263844

Entrada ao Arquivo de Galicia.

O Arquivo de Galicia (situado na Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás) é un centro que recibe, custodia, comunica e difunde o patrimonio documental de Galicia, para o servizo da Administración e os cidadáns. Custodia os documentos producidos pola Xunta de Galicia e os órganos e entidades dela dependentes desde a súa creación (1982), así como outros de calquera procedencia que, polo seu ámbito e interese, se lle poidan asignar.

É cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia,[1] por iso simboliza a unidade do patrimonio documental da comunidade. Este patrimonio comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase, entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade, diversidade, invisibilidade e dispersión.

Depende organicamente da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e foi inaugurado en xaneiro de 2011.

Edificio[editar | editar a fonte]

Instalacións do Arquivo.

O arquivo ocupa o edificio do extremo leste do complexo que compón a Cidade da Cultura de Galicia, proxectada polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman. O conxunto articúlase a través dunha trama de rúas, soportais, xardíns e prazas inspirada no centro histórico da cidade de Santiago de Compostela, declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO en 1985.

Funcións[editar | editar a fonte]

O Arquivo de Galicia exerce as funcións de centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia e arquivo intermedio e histórico do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia, e como tal ten o deber de conservar, difundir e acrecentar o patrimonio documental de Galicia.

En concreto correspóndenlle as seguintes:

  • Recibir os documentos procedentes dos diferentes órganos da Xunta de Galicia ou das entidades públicas dependentes dela cun ámbito territorial superior a unha provincia.
  • Recibir os documentos procedentes de organismos, institucións e entidades públicas de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade, e calquera outro fondo de carácter público ou privado de interese xeral para a comunidade autónoma que se acorde despositar nel.
  • Programar, coordinar e dirixir a identificación, valoración e selección documental de todos os arquivos do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia.
  • Organizar e describir os fondos documentais que custodie.
  • Conservar os fondos documentais que custodie.
  • Coordinar os programas de reprodución con fins de conservación de fondos do patrimonio documental de Galicia.
  • Facilitar o acceso aos documentos que custodie e á información contida neles nos termos que establece a lexislación.
  • Difundir por calquera medio os fondos documentais que custodie e, en xeral, o patrimonio documental de Galicia.
  • Establecer e desenvolver normas técnicas arquivísticas para o Sistema de Arquivos de Galicia.

En xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada por razón da súa competencia.

Historia[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2008 créase a Subdirección Xeral do Arquivo Nacional de Galicia coa finalidade de exercer as funcións de centro de referencia do Sistema de arquivos de Galicia e de arquivo histórico do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia (Decreto 17/2008, do 7 de febreiro —DOG nº 35, do 19 de febreiro—).[2]

Como consecuencia da reestruturación da Xunta de Galicia no ano 2009, o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería da Cultura e Turismo —DOG nº 125, do 29 de xuño— asignará estas funcións ao Servizo do Subsistema de Arquivos da Comunidade Autónoma (hoxe Arquivo de Galicia), dependente da Subdirección de Arquivos e Museos, dentro da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.[3]

O Decreto 207/2010, do 19 de decembro, (DOG 246, do 24 de decembro) crea o Arquivo de Galicia como cabeceira e centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia, con carácter intermedio e histórico.[4]

Estas normas asígnanlle un papel fundamental na infraestrutura que debe servir para asegurar o mellor funcionamento da Administración Pública de Galicia de acordo cos principios de eficacia, eficiencia e transparencia, ligando os seus fins aos conceptos de conservación permanente e de acceso aos documentos públicos.

Servizos[editar | editar a fonte]

Volumes de La Región, no arquivo.

O Arquivo de Galicia presta os servizos de todo arquivo:

  • O acceso é libre e gratuíto. Unicamente poderá ser restrinxido de acordo co establecido na lexislación vixente ou, nos casos da consulta directa de orixinais, cando supoña riscos para a súa conservación.
  • As solicitudes de información poderán facerse directamente na sala de lectura ou por medio de correo electrónico, correo postal, fax, teléfono ou internet.
  • Para a consulta na sala de lectura será necesaria, para os efectos de identificación, a presentación dun documento oficial (DNI ou pasaporte) e a subxección ás normas de consulta dispoñibles na sala.
  • Sempre que as disposicións legais e o estado de conservación dos documentos o permitan poderán solicitarse reproducións (copias simples ou copias compulsadas/certificadas). Os prezos das reproducións deberán aterse ao regulado na normativa vixente sobre taxas e prezos públicos.
  • Poderán realizarse préstamos de documentos orixinais ás institucións produtoras cando sexa necesario para o cumprimento das actividades relacionadas co ámbito da súa competencia. Tamén se poderán realizar préstamos para participar en actividades de difusión cultural, especialmente exposicións temporais, ás institucións que así o soliciten, sempre que se cumpran os requisitos previstos e sexan previamente autorizados polo órgano competente.
  • O Arquivo fomentará a difusión dos seus fondos e actividades, principalmente, a través da publicación de instrumentos de descrición, da periódica organización de exposicións e da recepción de visitas guiadas de escolares e outros colectivos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Inicio". arquivosdegalicia.xunta.gal (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29/12/2019. Consultado o 27/2/2018. 
  2. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 27/2/2018. 
  3. "Decreto do DOG nº 125 do 2011/6/30 - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 
  4. "Disposición do Diario Oficial de Galicia- Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2019-03-05. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]